A este Pleno, o Goberno Municipal aportaba dúas propostas , unha retirouna e a outra era unha corrección de erros por parte da Admón. Local nos proxectos presentados ante a Deputación para as obras do POS 2012. Un axuste nada significativo (1 Céntimo por obra) que aprobamos có voto afirmativo de todos os grupos.
Logo desto adicáronse principalmente a botar balóns fora, evitar o debate ou a resposta satisfactoria ás preguntas presentadas pola oposición en tempo e forma. Parécenos unha tomadura de pelo que un Goberno en maioría, como é o noso, deixe pasar mes tras mes, Pleno tras Pleno a oportunidade de achegar propostas que axuden ao progreso de Pontedeume.
Nin política cultural, nin proxecto no eido educativo, nin melloras na area do comercio ou turismo, nin o novo orzamento (Seguimos có de 2009 e non convocaron aínda nin a 1ª reunión informativa para presentar un proxecto económico para este ano e así iniciar a súa discusión e mellora).
O Sr. Alcalde deixa pasar o tempo e mentres Pontedeume esmorece e gastamos arredor de 1500€ en cada Pleno ao que eles nada ou pouco aportan.
Nas Mocións sobre o apoio ás mariscadoras e as melloras nas comunicacións na telefonía das zonas rurais eumesas non puideron ser sequera debatidas pois o grupo popular en Pleno evitouno usando a súa democrática maioría. O mesmo fixeron cos temas achegados en forma de Moción polo BNG.
Na quenda de Rogos e Preguntas o seu talante non mudou e á brevidade das súas respostas xuntouse a inexactitude cando non a prepotencia:
1. O Concelleiro responsable da area de Formación logo de explicar que os cursos denomínanse de formación ocupacional, agradecemos a información léxica, informou de que non haberá nin en xaneiro, ni en febreiro nin en marzo ningún curso deste tipo en FOREMDES. Se dedicara o tempo a buscar formación en vez de buscar termos máis ou menos precisos…
2. A Concelleira de Comercio non tiña constancia de ningunha queixa dos veciños e veciñas por mor dos horarios de hostelaría, dos ruídos, etc. Supuxemos que estaba mal informada, que é grave, e non que quixera enganarnos ou eludir as súas responsabilidades, non menos grave, e instamos ao Sr. Alcalde a que el informara sobre as queixas que sabiamos recibira. A resposta do Sr. Alcalde tamén foi bastante ambigua. Gobernar non é so cobrar e saír na foto señores do PP, afronten as súas responsabilidades e miren por controlar e mellorar a noite eumesa, por ben do comercio, da veciñanza e da mocidade desta vila.
3. Aquí a Sra. Concelleira de Cultura e Ensino, “columpiouse” e ao día seguinte caeunos do “columpio”. Dixo que chamara aos colexios de fora do casco e que non lles interesaba vir celebrar o Antroido á vila. Cando lle dixemos que si lles ofertara transporte ou outro tipo de colaboración remitiuse ao anterior, non querendo aclarar nada máis. Ao día seguinte contrastando a súa resposta comprobamos o baleiro que había detrás dela.
4. Hai 161 solicitudes de axudas para o material escolar de 2011, 55 con requirimento, estarán a mediados de febreiro.
5. Non hai retraio, nas Lonxas para o Mercado Provisional, hai 6 meses de prazo de execución.
6. Aínda non teñen a competencia para a sinalización do peirao, están en trámites…
7. É por aforro enerxético. (E ao desenvolvemento turístico, se lle axuda así?Xa podían aforrar en “outras” partidas).
8. Xa está feito (Dixémoslle que as hortensias si pero as silveiras non )
9. O Palco non pensan pintalo, os grafites se fixeron dentro dun plan coa mocidade!!! E son artísticos.( Respostámoslle que para nada estabamos de acordo en usar edificios públicos para pintadas, que os cristais do teito tamén están rotos, que o chan da Alameda está desastroso e que hai unhas luces guindadas das árbores hai meses e nada diso contribúe a engalanar a Alameda precisamente) Para as pintadas da Casa da Cultura e o Torreón avisouse á Xunta.( Mellor, non sexa que lles pase como coa faciana de San Nicolás).
10. Cando se faga o aparcadoiro novo(!!!) deixarase de aparcar na Alameda, e só entonces se procurará o seu amaño.
11. O PXOM adaptouse ao POL, houbo unha reunión coa comisión de Urbanismo, quedan “salvedades” de algún informe sectorial. O Voceiro e Concelleiro de Urbanismo dixo que non ían manexar ningunha data en concreto para a súa aprobación.
12. Non houbo tal reunión.
13. En 6 meses dende que se asinaron.
14. Está localizado o vehículo, cando se remate coa retirada do mexillón repararanse.
15. Cando se aproben os orzamentos meteranse estas anualidades (???)
Só nos queda desexarlle á nova Concelleira do BNG tanta sorte como ánimo nesta nova responsabilidade.


