
http://fotografosnet.com/pontedeume-puente-de-piedra/
Dende hai tempo o noso Grupo Municipal ven denunciando numerosas deficiencias no alumeado público da nosa Vila así coma o feito de que o servizo de mantemento desta prestación sexa contratado de forma irregular.
No Pleno de onte preguntabamos ao Goberno Local sobre cal era a razón pola que o alumeado artístico da Ponte de Pedra levaba meses sen funcionar, así como a alternancia no acendido do mesmo sistema de iluminación no Castelo da Andradade e na Ermida de Breamo, cuia instalación levouse a cabo hai pocuco máis de dous anos. Respostou o Concelleiro de Infraestruturas, Javier Crespo, que este “apagón” debíase a “un plan de aforro enerxético” posto en marcha dende o seu Goberno, e que próximas datas, outro dos monumentos da nosa Vila, O Torreón dos Andrade, correría a mesma sorte.
En primeiro lugar queremos deixar claro que non somos contrarios á aplicación de medidas de aforro, pero consideramos que estas deben ser postas en marcha con outros criterios e en outras partidas, e non a costa de deteriorar a imaxe da Pontedeume mantendo a escuras os seus monumentos, uns dos principais reclamos cos que conta a nosa oferta turística, tan importante para a economía do noso comercio, hostalería…
Pero o que resulta sorprendente é que sexa precisamente este Goberno, o que en “aras do aforro”, leve a cabo estas medidas, ao mesmo tempo que incrementa os salarios do Alcalde Gabriel Torrente, un 27%, (cobrando ao ano 43.651 €, só mil euros menos que o Alcalde do Ferrol), do Concelleiro de Infraestruturas Javier Crespo, un 38%, incrementando o seu salario anual en 10.000 euros, e aumentando un 50% as dietas dos Concelleiros por asistencia Plenos e Comisións de Goberno. O mesmo Goberno que no ano 2010, xa en plena crise, gastaba un millón de euros de máis, tal e coma reflicten os datos contidos no Informe da Conta Xeral. E finalmente, o mesmo Goberno que leva cinco anos incumprindo a lei sen sacar a concurso o servizo de mantemento do alumeado público, o que empeora a calidade da súa prestación (denunciamos no mesmo Pleno que o lugar de Castrelo, na parroquia de Centroña leva 24 días sen alumeado ao igual que a estrada provincial D.P.- 4803) e aumenta os custos.
Por todo o exposto, dende o Grupo Municipal Socialista no Concello de Pontedeume demandamos ao Goberno Local que por unha banda, antes de aplicar ningunha medida de aforro proceda a reducir de forma drástica os salarios dos membros do Goberno e as dietas por asistencia a Plenos e Comisións de Goberno dos Concelleiros e pola outra, que “priorice” máis acertadamente aquelas partidas que pretenda reducir, suprimindo gastos superfluos e innecesarios.


