Recentemente publicábanse nun medio de comunicación unhas declaracións do Concelleiro de Infraestruturas, Javier Crespo, nas que aseguraba que por parte do Concello non se descartaba a posibilidade de privatizar o servizo de xardíns a longo prazo.
Entre outras cuestións na noticia recollíase:
“El gobierno municipal reconoce que se encuentra desbordado en el sentido de mantener en condiciones “aunque solo sean aceptables” unos espacios que también deben contribuir a dar la imagen de “un pueblo cuidado”, y más cuando se trata de un municipio turístico como es el caso. La situación es tal, según reconocía ayer el primer edil, Javier Crespo, que el gobierno eumés no descarta soluciones, entre las que se incluye la privatización del servicio, a fin de darle una solución acorde a las necesidades reales que ya existen”.
Ante todo o exposto polo responsable municipal non podemos máis que preguntarnos que medidas se adoptaron durante os case cinco anos de goberno do Partido Popular para mellorar o coidado, e polo tanto a imaxe, das zonas verdes da nosa Vila. A resposta é sinxela, ningunha. Ao noso parecer e no que a este caso se refire a proposta do Goberno Local non se debe ao interese por mellorar o funcionamento deste servizo senón á “psicose privatizadora” da que fai gala o PP nos últimos tempos.
Cabe recordarlle ao Concelleiro de Infraestruturas que na Relación de Postos de Traballo (RPT) do noso Concello existen prazas de xardineiro vacantes, polo que consideramos que a súa saída a concurso sería unha das primeiras medidas a adoptar se realmente se perseguise a mellora destes espazos do noso termo municipal, xa que tal e como recoñece o propio Sr. Crespo, na nosa Vila contamos con uns 60.000 metros cadrados de zonas verdes, polo que o persoal asignado para esta tarefa resulta insuficiente. Temos que aclarar que ao contrario do exposto polo Sr. Concelleiro os dous empregados de vías e obras non se adican a labores de xardinería de forma exclusiva polo que o persoal real que se encarga destas tarefas son só dúas persoas.
Chegados a este punto, e de facerse efectiva a privatización deste servizo ao que teríamos que engadir o de limpeza e recollida de lixo, gustaríanos saber como xustificará o Concelleiro de Infraestruturas o desproporcionado aumento salarial do 38% experimentado na presente lexislatura, xa que xestionará menos áreas por máis cartos, o que a todas luces resulta indignante para a maioría da veciñanza. Así mesmo, preguntámonos se non sería mellor privatizar a totalidade do Concello, pasando os membros do Goberno Local a formar parte da plantilla dunha empresa privada na que os seus salarios serían proporcionais á súa capacidade de xestión, polo que á vista dos resultados no que a este e a outros temas se refire, presumimos serían notablemente inferiores aos percibidos a día de hoxe.


