Archivo | diciembre, 2011

COMENTARIOS AO PLENO ORDINARIO DE DECEMBRO 2011 (29-12-11)

30 dic

Logo de aprobar a Acta do Pleno de setembro, o Pleno tomou coñecemento da renuncia por razóns de renovación política, do xa ex-Concelleiro e Voceiro do BNG. Manuel Rei; dende o PSOE agradecémoslle  os servizos prestados ao Concello e desexámoslle o mellor cara o futuro e dámoslle a benvida como Portavoz  ao Concelleiro do BNG Antonio Salvadores.

No punto 3 da orde do día tomou a palabra o noso Portavoz, Bernardo Fernández, expoñendo que a modificación do regulamento de Honores e  Distinción que estabamos a tratar é un capítulo máis dun triste proceso que debera ser o contrario, alegría por conceder honras a persoas salientables. Continuou  dicindo que do que estabamos a falar é dun problema de Valores Democráticos e unha maioría mal aplicada. Con este cambio ao final resultará que o que concede a honra é un grupo político, neste caso o PP, non a Corporación ou o Concello. A sociedade eumesa está representada por esta Corporación, non pola maioría do PP. É un espectáculo que nos desagrada se está a cambiar unha norma  (De maioría cualificada,2/3, a maioría absoluta) que propiciaba que as honras foran froito do consenso e non da prepotencia dun partido. O perigo está en que ademais tamén se poden derogar con a mesma maioría absoluta.

A Sra. De Vicente, Concelleira de Cultura, parapetouse detrás da Lei 57/2003 de Modernización do Goberno Local e de Participación da cidadanía no mundo local, xustificando que así conceden importancia a participación cidadá. Dende o noso grupo retrucámoslle que non estaba máis que facendo unha interpretación sesgada de dita lei.

O Sr. Alcalde axudou na xustificación comentando que o Sr Baltasar Pardal era un cura que fixera unha obra moi importante escolarizando xente sen medios e que o avalan 2000 sinaturas.

Aprobouse a modificación cos votos do PP e os votos en contra da Oposición.

Na xestión da recollida pública do lixo onde se traía a Pleno a adopción dun único acordo “Xestionar indirectamente o servicio público de recollida de lixo” comezou o noso Voceiro aclarando varias cuestións: A prestación e deficitaria e a deficiente recadación xeran un déficit considerable. Xa no 2009 o custo do servizo era de 700.000€ e a recadación de só 400.000€, se privatizamos ou haberá que subir as taxas en grande medida ou terá que asumir o déficit o Concello. Todos os eumeses e eumesas perderemos outros servizos que se pagarían con eses máis de 300.000€. Vai para 5 anos que vostedes gobernan, sabemos o que non se fixo, non se cubriron baixas no servizo de limpeza, non se nomeou un capataz, non se modificou a RPT se así o consideraban necesario. Agora, Sr Crespo, pode dicirnos que fixo dende a súa responsabilidade para mellorar o servizo dende 2007? Dende o 1º día tendemos a nosa má para procurar xuntos a mellora do servizo, non lle interesou a nosa oferta para tratar o tema en Comisión, Pleno…Primeiro hai que intentar mellorar o servizo, facéndoo eficaz e reducindo custos, e achegando paulatinamente o custo á recadación. Lembrámoslle  ademais que os empregados públicos só pasan  voluntariamente á empresa privada así que pode darse o caso que privatizando se lucre unha empresa privada mentres o Concello ten o mesmo gasto de persoal e continúa a facerse cargo do déficit do servizo ou sobe as taxas ata o 100 %.

Sr. Crespo, despois de 5 anos sen facer practicamente nada hoxe tráenos a constatación do seu fracaso como xestor.

Na quenda de palabra do SR. Concelleiro de Infraestructuras, este limitouse basicamente a ler o texto xa presentado na Comisión Informativa, comprometéndose a facer un estudo do estado real dos servizos a privatizar ( Recollida de residuos sólidos urbanos,de enseres, transporte a planta de transferencia e xestión do punto limpo) e a  dialogar cos sindicatos e empresas.

Aprobouse a xestión indirecta da recollida do lixo cos votos afirmativos do PP e negativos da Oposición.

Os puntos 5 e 6 eran modificacións presupostarias para compensar o remanente negativo de tesourería de 2010, froito da mala xestión económica do goberno actual, co aforro pola baixada do 5% aos empregados municipais e a partida para a herba artificial do campo do Eume, que costeou a Deputación. Os traballadores do Concello pagan a débeda da mala xestión do Goberno. Aquí optamos pola abstención pois obriga a lei a Concellos con inestabilidade económica a sanear a débeda. Magoa que por unha mala xestión estas partidas non poidan ir a outros fins, incremento servizos, melloras en obras, axudas municipais, etc.!

No punto 7 có noso voto favorable  apoiamos unha xestión administrativa moderna que facilite o uso da informática para que os usuarios e usuarias podan facer o maior número de operacións có Concello posibles dende o seu computador persoal, mellorando ademais a eficacia e rapidez da administración local.

A Moción achegada polo BNG, sobre os recortes sanitarios que están levando a que doentes queden sen sanidade gratuíta, non puido ser debatida pois o PP usou a súa democrática maioría para impedilo. ademais tendo os 8 Concelleiros e Concelleiras do PP copia da mesma non se achegou dende o Goberno copia ao Grupo Socialista.

DRÁSTICA REDUCCIÓN NAS ACTIVIDADES DO NADAL

29 dic

Poñendo broche final a este nefasto ano, onde dende setembro non hai oferta de actividades municipais nas escolas de Pontedeume e aínda nada se sabe da Programación Cultural para o outono – inverno( a pesares de serlle pedida a mesma, repetidas veces, á Concelleira responsable da area) o Concello non reservou partida económica suficiente para realizar as ACTIVIDADES DE NADAL que se viñan realizando ano tras ano nestas datas.

A oferta cultural para os máis novos da Vila vese novamente recortada. Dende o PSdeG-PSOE coidamos que nestas datas é especialmente grave e debera ser incrementada, posto que os máis pequenos da casa teñen  máis tempo para o ocio mentres  a meirande parte dos pais  e nais continúan coa súa xornada laboral.

Este Nadal en Pontedeume non haberá actividades dentro do Programa de Conciliación de Vida Familiar e Laboral. Tradicionalmente abríanse os colexios de 9:00 a 14:00 os días laborables para atender aos máis pequenos dentro das “Argalladas do Nadal” e aos mozos e mozas entre 12 e 16 anos ofertábaselles obradoiros de sexualidade, pesca con cana, cociña, cine de terror,… de 18:00 a 21:00 dentro do programa coñecido como “Ponte en Marcha”. O Concello este ano abandona estas dúas actividades e non programa ningunha outra que as  substitúa. Ademais o Concello  este Nadal tamén suspende a Festa Infantil .

A oferta municipal para a infancia e mocidade eumesa queda reducida, basicamente, aos torneos e campus  deportivos en colaboración coas entidades deportivas locais e á proxección de tres películas tres días ás 11:30 na Biblioteca Municipal. E menos mal que o 5 á noitiña chegan os Reis!.

Esto está a pasar nun Concello onde o Goberno Municipal funciona con un presuposto prorrogado dende 2009 e onde aínda non se tivo tempo, ou vontade política, para informar do proxecto de orzamento de 2012. É ben recordar tamén que este mesmo goberno que chega a fin de ano sen partida económica suficiente para non ter que reducir  as Actividades de Nadal, si ten  diñeiro   para incrementar os soldos dos seus  políticos unha media do 30% neste ano en que todos  vivimos  xusto o contrario.

Boletín informartivo PSdeG-PSOE Pontedeume :: Nadal 2011

29 dic

Descarga o Boletín facendo Click na imaxe.

O Partido Popular vota en contra do inicio dos expedientes de Honras e Distincións de Ramiro Fonte, Abelardo Miguel e Antonio Leira.

14 dic

Esta mañá celebrouse ás nove horas no Salón de Plenos do Concello de Pontedeume a Sesión Extraordinaria convocada polos Grupos da Oposición ao abeiro do establecido no artigo 46.2 da Lei 7/1995, para solicitar o inicio dos expedientes de honras e distincións, de tres eumeses ilustres: darlle o nome do escritor Ramiro Fonte á Biblioteca Municipal, o título de fillo predilecto ao pintor Abelardo Miguel, e o nome do músico e profesor Antonio Leira á Escola de Música.

Tras unha breve intervención do Voceiro do Grupo Socialista, Bernardo Fernández e do Concelleiro do BNG, Antonio Salvadores na que fixeron fincapé na merecida concesión destas distincións a tres veciños de Pontedeume pola importancia, relevancia e transcendencia da súa traxectoria profesional e obra, pola súa extraordinara contribución á cultura da nosa Vila, así coma pola súa inextinguible contribución á literatura, á pintura e á música; tomou a palabra a Concelleira de Cultura, Ascensión de Vicente para manifestar en nome do Goberno Local, o seu rexeitamento a estas propostas por non ter incluído entre os homenaxeados ao fundador da “Grande obra de Atocha”, Baltasar Pardal así coma polo feito de non ter compartido no seu día a postura do PP de darlle o seu nome a actual Rúa Vilarmaior.

Pero máis significativas foron as verbas do Sr. Alcalde, asegurando que “este tema tratarase cando nós queiramos e non cando o digan vostedes”, o que amosa a actitude antidemocrática de Gabriel Torrente e o seu desprezo polos Grupos da Oposición, confirmando ao mesmo tempo a estratexia que o partido do goberno utiliza dende que acadou a maioría absoluta, que non é outra que votar en contra de todo aquelo que se propón dende o PSdeG-PSOE ou do BNG.

Desgraciadamente e moi ao noso pesar, o Grupo de Goberno está a usar, sen ningún tipo de consideración, a tres eumeses ilustres coma “reféns” coa intención de forzar aos Grupos da Oposición a apoiar unha proposta, a de Baltasar Pardal, que non compartimos. Así mesmo, gustaríanos deixar claro, como fixemos no seu momento, que non dubidamos dos méritos do citado persoeiro, pero consideramos que non son suficientes coma para concederlle o seu nome a unha das rúas da nosa Vila.

Por último, gustaríanos deixar constancia do noso rexeitamento á forma de actuar do Goberno Local, quen incumpre unha norma non escrita, pero “de caballeros”, que se aplicou ata o de agora no noso Concello, e que consistía en non propoñer o inicio dun expediente de Honras e Distincións a favor de unha persoa se non era por unanimidade, a fin de evitar espectáculos tan “bochornosos” como o que estamos a presenciar.

Seguir

Get every new post delivered to your Inbox.