
Camiones de la empresa Manmer descargando árido reciclado de aglomerado en Vilar do Colo. / La Opinión
Hai xa unhas semanas que algúns medios de comunicación publicaban en relación á “Operación Arena” que 8 municipios galegos, entre eles Pontedeume, empregaran “zahorra de alquitrán” da empresa MANMER en diferentes obras. Polo que parece estes datos forman parte do contido do informe policial da brigada de delitos económicos e fiscais (UDEF), que sinala que o empresario Fermín Duarte colocou o seu árido potencialmente contaminante (ARA) como base granular para obras civís e estradas nos concellos de Bergondo, Culleredo, Betanzos, Miño, Pontedeume, Ortigueira, Narón e Ferrol sen advertir da súa toxicidade.
Ante a importancia e gravidade destes feitos, na Sesión Plenaria do pasado xoves día 24 o noso Grupo presentou unha pregunta sobre este tema. Concretamente dicía:
“ 8ª.- Nas últimas semanas e a raíz da “operación arena” puidemos ver na prensa que na nosa vila se utilizaron en obras públicas áridos contaminados, que nalgúns casos e dependendo da súa finalidade poden ser prexudiciais para a saúde das persoas ou para o medio ambiente. Teñen localizadas esas obras?; no caso de que sexa así, teñen previsto o seguimento e control medioambiental nas zonas de influencia das citadas actuacións?. Poderían dicirnos de cales se tratan? ”
Dende o Goberno Local respostóusenos que non lles constaban estes feitos xa que“non teñen por costume facer caso do que se publica na prensa”, polo que tampouco tiveron a ben poñerse en contacto con as empresas que traballaron durante ese tempo para o noso Concello a fin de informarse sobre a utilización ou non destes materiais. Pero máis sorprendente que a resposta do Concelleiro de Infraestruturas foron as súas risas e as de algúns dos membros do Goberno, entre eles, o seu Voceiro.
Na nosa opinión, esta vergonzosa e irrespectuosa actitude constata o desinterese do Partido Popular eumés por este tema, do que cabe recordar que xa no ano 2010 foi ditada unha dura resolución contra MANMER polo Secretario Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Justo Benito, “ante la evidencia de que contenía (os áridos) sustancias que podían dañar la salud humana y el medio ambiente”; así mesmo, o Xulgado de Ferrol ordenou á Europol que investigue a procedencia de Holanda dos áridos que Manmer comercializaba como reciclados pero que contiñan sustancias contaminantes e nocivas para a saúde, según a Fiscalía de Medio Ambiente.
Polo que parece o Goberno de Gabriel Torrente non considera esta cuestión o suficientemente importante como para indagar se se utilizaron ou non materiais contaminantes e nocivos para a saúde na nosa vila.


