Archivo | noviembre, 2011

O Goberno Local amosa o seu desinterese ante a posible utilización de áridos contaminados en Pontedeume.

30 nov

Camiones de la empresa Manmer descargando árido reciclado de aglomerado en Vilar do Colo. / La Opinión

Hai xa unhas semanas que algúns medios de comunicación publicaban en relación á “Operación Arena” que 8 municipios galegos, entre eles Pontedeume, empregaran “zahorra de alquitrán” da empresa MANMER en diferentes obras. Polo que parece estes datos forman parte do contido do informe policial da brigada de delitos económicos e fiscais (UDEF), que sinala que o empresario Fermín Duarte colocou o seu árido potencialmente contaminante (ARA) como base granular para obras civís e estradas nos concellos de Bergondo, Culleredo, Betanzos, Miño, Pontedeume, Ortigueira, Narón e Ferrol sen advertir da súa toxicidade.

Ante a importancia e gravidade destes feitos, na Sesión Plenaria do pasado xoves día 24 o noso Grupo presentou unha pregunta sobre este tema. Concretamente dicía:

8ª.- Nas últimas semanas e a raíz da “operación arena” puidemos ver na prensa que na nosa vila se utilizaron en obras públicas áridos contaminados, que nalgúns casos e dependendo da súa finalidade poden ser prexudiciais para a saúde das persoas ou para o medio ambiente. Teñen localizadas esas obras?; no caso de que sexa así, teñen previsto o seguimento e control medioambiental nas zonas de influencia das citadas actuacións?. Poderían dicirnos de cales se tratan? ”

Dende o Goberno Local respostóusenos que non lles constaban estes feitos xa que“non teñen por costume facer caso do que se publica na prensa”, polo que tampouco tiveron a ben poñerse en contacto con as empresas que traballaron durante ese tempo para o noso Concello a fin de informarse sobre a utilización ou non destes materiais. Pero máis sorprendente que a resposta do Concelleiro de Infraestruturas foron as súas risas e as de algúns dos membros do Goberno, entre eles, o seu Voceiro.

Na nosa opinión, esta vergonzosa e irrespectuosa actitude constata o desinterese do Partido Popular eumés por este tema, do que cabe recordar que xa no ano 2010 foi ditada unha dura resolución contra MANMER polo Secretario Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Justo Benito, “ante la evidencia de que contenía (os áridos) sustancias que podían dañar la salud humana y el medio ambiente”; así mesmo, o Xulgado de Ferrol ordenou á Europol que investigue a procedencia de Holanda dos áridos que Manmer comercializaba como reciclados pero que contiñan sustancias contaminantes e nocivas para a saúde, según a Fiscalía de Medio Ambiente.

Polo que parece o Goberno de Gabriel Torrente non considera esta cuestión o suficientemente importante como para indagar se se utilizaron ou non materiais contaminantes e nocivos para a saúde na nosa vila.

Comentarios ao Pleno Ordinario de Novembro 2011

29 nov

No Pleno do pasado xoves o Goberno Municipal achegaba para a súa aprobación o Plan de Cooperación ás obras  e Servizos de Competencia Municipal. Coñecido como POS e que son basicamente inversións que a Deputación fai cada ano nas obras que propoñen os Concellos.

Este ano non houbo propostas da oposición, ao non seren convocados con tal fin. Nembargantes nada temos dende o PSdeG-PSOE en contra das melloras propostas:

  • CAMIÑO DA GRAÑA-FIGUEIRIDO-O SILVAR
  • CAMIÑO O CRUCEIRO-OS CASTROS E OUTROS NA PARROQUIA DE ANDRADE.
  • ACCESO DE DP 4803 A VIZÚS( CENTROÑA)
  • ACCESO DA AS-144 A VILAMOIDE (OMBRE)
  • CAMIÑO DE COVÉS A CAMIÑO VELLO(CAMPOLONGO)

Non vai nada do casco pois, segundo comentou o Sr. Crespo,  a AVV “A Vila” propuxo que o centro histórico cedía este ano as inversións ás parroquias. De todos os xeitos aparece como Plan complementario ao 2012 a RÚA DO PORTO. Si que reuniron ás asociacións para escoltar as súas propostas.

Aprobouse o POS, có voto do P.P. e a abstención da oposición. Dende o grupo socialista optamos por absternos ante as circunstancias anteriormente exportas.

Dende o oposición achegabamos os temas que considerabamos máis importantes vía MOCIÓN. Non quixeron debatelas e usaron a súa maioría, como veñen facendo, para calar a palabra nun foro democrático como  é o Pleno.

Lemos a nosa Moción sobre o MERCADO, que xa coñecedes. No Pleno da Corporación  o SR. Alcalde nin falou nin deixou falar; máis ante a Prensa si falou, para “malmeter” e  dicir falacias sobre o único punto que levaba a nosa Moción e que non quixo tocar no Pleno ante os lexítimos representantes do Pobo e ante os comerciantes do Mercado que acudiran maioritariamente á sesión.

O acordo que queríamos discutir ante as inquedanzas xurdidas encol ao traslado do mercado é o seguinte:

- O Concello de Pontedeume comprometerase por escrito con os comerciantes do Mercado Municipal a non facer efectivo o seu traslado ás instalacións provisionais en tanto non se consigan os fondos necesarios para a rehabilitación do edificio da Praza do Conde. Así mesmo, deberá garantir no citado documento o regreso dos praceiros ao seu antigo emprazamento unha vez rematadas as obras de rehabilitación do citado edificio

A continuación o noso Voceiro leu os Rogos e despois pasouse á quenda de Preguntas.

As respostas foron as seguintes:

  1. Nada se fixo pois a Sra. Maroño respostounos que non influíron os cambios nos servizos prestados en Pontedeume. Os incomparables recortes da Xunta de Galicia en axudas a domicilio impedindo novas altas e a desaparición de programas está a ser denunciado polas profesionais e os profesionais do sector defendendo o interese das políticas sociais; a  media de recortes  deste ano nos orzamentos da Xunta para os Concellos é do 80%; todos os días vemos na prensa as protestas maioritarias dos Municipios galegos . A Sra. Maroño, facendo seguídesmo partidista, en vez de facer valer os dereitos das usuarias e usuarios dos Servizos Sociais nega a evidencia.
  2. Están traballando doutro xeito e non é prioritaria a constitución dos Órganos Representativos.Logo, para que a puxeron no seu programa?
  3. Estase a desenvolver un programa de prevención, detección e atención.E non contestou ao que nos lle propoñiamos. Claro que en un Concello onde non se constitúen os Órganos Democráticos de Representación , nada van facer para que dentro do de Saúde os Sanitarios os Traballadores Sociais e os representantes da Seguridade unan  forzas para propoñer actuacións en materia de violencia de xénero. Este órgano( O observatorio de Violencia de Xénero) que viña na Lei 11/ 2007 tamén está paralizado a nivel galego polo goberno actual. Goberno do Sr. Feijoo, que tamén asinou a desaparición do Servizo Galego de Igualdade e que a nivel local deixounos sen o servizo da Avogada da Muller, sempre có beneplácito das representantes locais.
  4. Optan por non publicar a programación cultural na páxina do Concello.Irán pouco a pouco publicando as novidades nos taboleiros.Como son conscientes de que non están a chegar á xente poñerán 5 novos taboleiros.Coidamos que máis que unha planificación seria van un pouco a salta de mata, senón por que non a publican? De todos os xeitos quixemos aportar unha proposta das asociacións culturais, que ao fin e ao cabo son as que enchen de contido a realidade cultural de Pontedeume: Pedimos que a lo menos nun deses novos taboleiros se lles deixara publicar os seus actos ás asociacións eumesas. A resposta foi negativa, a Sra. de Vicente escudouse nun problema de falta de persoal en Cultura e de que a chave dun taboleiro non se lle pode dar ás asociacións!!!
  5. Na visita o Conselleiro de Educación e os seus acompañantes escoitaron aos directores, máis a Sra. Concelleira vai ter a semana entrante unha reunión có máximo responsable da Educación en Galicia. Nos achegámoslle as nosas suxestións, xa que aínda que asistiron á visita de momento nada xestionaron
  1. Aínda non teñen nada en firme sobre as alarmas, e o da reposición e cuestión das Aseguradoras……Propuxémoslle que tamén o tratara directamente có Conselleiro a próxima semana e que aproveitaran para urxirlle á reposición dos materiais estragados ou roubados o curso pasado. O alumnado de primaria do pobo non ten na actualidade Aulas Abalar funcionando. Non pode nin a Concelleira nin o Conselleiro dicir que é problema dunha empresa privada cando un dereito dos nenos e nenas está a ser conculcado ao non ter unha dotación que é pública .Esperamos que a reunión sexa altamente enriquecedora para o Ensino Eumés.
  2. Aquí o Sr. Crespo deu por resposta unha das súas respostas preferidas “En canto se poida”.
  3. A día de hoxe non consta que se utilizaran en Pontedeume, non fixeron ningunha pregunta ás empresas ao respecto.
  4. A SOGAMA se lle está pagando normalmente.Pagan  a 3 meses.Non estamos entre eses 135 Concellos.Hai algunha factura pero é pola forma de pago que usan a  cotiá.
  5. Un reaxuste pola baixa.
  6. Pola espera do permiso de Adif.
  7. Como todos os anos, fano os técnicos.
  8. Cisto total 57555€ Aprox. 11000 gastos alumando,o resto para material, aluguer, maquinaria, titorías…
  9. Están a se facer as memorias, de momento nada poden adiantar,xa as traerán cando se elaboren.
  10. Están traballando no Plan Económico Financieiro para procurar a volta de Pontedeume ao equilibrio financieiro. O escrito, que agora din que non é informe, de momento sigue oculto por vontade do Sr. Alcalde.Pensar que herdaron un Concello saneado e que agora o Sr Alcalde en maluso do seu fondo sentir democrático tenta tapar o desastre da súa política que de todos os xeitos sairá a luz!
  11. Non, cambiou o nome da empresa que leva o Punto Limpo.

Os Socialistas eumeses propoñen ao Goberno Local melloras educativas para defender diante da Consellería de educación

29 nov

Tras a recente visita do Conselleiro de Educación aos I.E.S. de Pontedeume, onde recibiu de primeira má información dos mesmos a traves dos seus directores; esta semana, segundo informou a Sra. de Vicente, Concelleira de Educación en Pleno, recibirá a unha representación do Goberno Municipal.Os representantes do Goberno de Pontedeume simplemente acompañaron  ao Sr. Vázquez , deixando a tramitación de melloras para o Ensino eumés para esta cita.

O grupo Municipal do PSdeG-PSOE insta á Sra. Concelleira de Educación a que defenda con firmeza ante a Consellería de Educación os seguintes puntos vitais para o futuro do alumnado eumés:

. Que esixa que no noso Concello non se perda oferta educativa en Secundaria. De ningún modo podemos contemplar a perda de  número de prazas

. Que os nenos e nenas eumeses podan acceder a todas as optativas dos bacharelatos que actualmente se imparten en Pontedeume

. A diversificación de módulos de hostalería, tanto na xornada normal como no nocturno

. O enriquecemento con algún  módulo formativo dedicado ao Medio Ambiente. As características  da nosa contorna e o sector  turístico demandan profesionais deste perfil en Pontedeume

. Que se axilice a posta en funcionamento das Aulas Abalar. Están as do curso pasado do Couceiro sen funcionar tras o roubo, sen amañar os estragos, e sen  repoñer os materiais roubados

. Que se dote, dende a Consellería , aos colexios de Alarma Antiroubo, e así contribuír  a seguridade dos centros

Esperamos que a reunión sexa altamente enriquecedora para o Ensino Eumés.

Resposta ás declaracións de Gabriel Torrente referentes ao Mercado Municipal

28 nov

Recentemente, poidemos ler na prensa unhas declaracións do Alcalde Gabriel Torrente nas que manipulaba a realidade para tentar xustificar a postura do seu goberno no que ao proceso de rehabilitación do Mercado Municipal se refire.

En primeiro lugar cabe destacar, á vista do exposto polo rexedor municipal, que ou ben falta á verdade deliberadamente no que aos acordos contemplados na moción presentada polo noso Grupo se refire ou ben os descoñece, o cal tendo en conta a costume do Grupo do Partido Popular de votar en contra por sistema a todas as mocións presentadas pola oposición, non sería de estrañar que nin sequera tivesen a ben botarlle unha ollada.

O acordo de moción presentada dicía o seguinte:

“O Concello de Pontedeume comprometerase por escrito con os comerciantes do Mercado Municipal a non facer efectivo o seu traslado ás instalacións provisionais en tanto non se consigan os fondos necesarios para a rehabilitación do edificio da Praza do Conde. Así mesmo, deberá garantir no citado documento o regreso dos praceiros ao seu antigo emprazamento unha vez rematadas as obras de rehabilitación do citado edificio”

Tendo en conta o contido do citado acordo non entendemos que o Sr. Alcalde afirme:

No voy a firmar un documento asegurando que tengo la financiación del mercado o que los placeros van a ocupar el mismo puesto que tienen ahora“, apunta Torrente, que considera que la raíz de este problema es que las obras “se acaban politizando”.

Como se pode comprobar nada ten que ver o acordo da moción con o dito polo Sr. Alcalde, xa que no mesmo non se insta a o Goberno Local a firmar ningún documento asegurando que conta con a financiación necesaria, é máis na propia exposición de motivos xa se asegura que a día de hoxe non o Concello non conta con dita financiación:

“A día de hoxe, cando están a piques de cumprirse tres anos dende a presentación do anteproxecto do novo Mercado, o noso Concello non conta con os fondos necesarios para facer realidade o documento redactado pola empresa MERCASA, presupostado en 2,5 millóns de euros”

Tampouco se recolle no acordo que se garanta aos praceiros que ocuparán o mesmo posto que teñen na actualidade, senón que con “garantir no citado documento o regreso dos praceiros ao seu antigo emprazamento unha vez rematadas as obras de rehabilitación do citado edificio”, estámonos a referir ao seu regreso ao Mercado Municipal, evitando así que as Lonxas acaben sendo unha “ubicación definitiva”.

Á vista do exposto anteriormente queda claro que a única persoa interesada en politizar este problema é Gabriel Torrrente, incapaz de asumir discrepancias e outros puntos de vista que non coincidan con os do seu Goberno. Así mesmo, gustaríanos recordarlle ao Sr. Alcalde que o noso Grupo leva máis de tres anos amosando as súas dúbidas no que a esta actuación se refire, dúbidas motivadas pola ausencia dos 2,5 millóns de euros necesarios para acometer as citadas obras.

Na nosa opinión e na de moitos veciños e comerciantes, escapa a toda lóxica que se leve a cabo o traslado para unhas instalación provisionais cando non se conta con os fondos para a rehabilitación do Mercado. Preguntámonos que pasaría se o Goberno Local, ao igual que durante estes tres anos, non fose quen de conseguir os 2,5 millóns de euros necesarios para realizar o proxecto de MERCASA?. A resposta é sinxela, os praceiros estarían nas Lonxas de Raxoi de forma indefinida, mentres o Mercado Municipal quedaría abandonado.

Rogos que levamos ao Pleno Ordinario de Novembro 2011

28 nov

1º.- Ante o perigo de caída, pregamos se repare un poste de formigón do alumeado público sito nas inmediacións da empresa CONSTRUEUME, na parroquia de Noguerosa.

2º.- Dende hai xa algún tempo a fonte do Empedrado, na parroquia de Noguerosa, non bota auga xa que a condución atópase desconectada. Pregamos o seu arranxo.

3º.- Ante o mal estado no que se atopan, pregamos o arranxo de varios bancos do Paseo Marítimo.

4º.- Nunha das “pérgolas” do Paseo Marítimo hai un foco do alumeado colgando polo cable á altura dos viandantes. Ante o perigo que representa, pregamos o seu arranxo.

5º.- Pregamos novamente retiren o cartel publicitario do “Curso Gurméndez” situado na Av. de Saavedra Meneses, fronte á oficina do Banco Pastor.

6º.- Pregamos o arranxo dunha fuga nun rexistro da condución do abastecemento á entrada do Parque de Vizús.

7º.- Pregamos a limpeza do parque da Pista Polideportiva de Noguerosa.

8º.- Pregamos a instalación de 6 puntos de luz no camiño que discorre entre o “Lugar de Pazos” e “A Regueira” na parroquia de Andrade.

9º.- Pregamos unha vez máis que en cumprimento da lexislación vixente no que a accesibilidade se refire, procedan á instalación dunhas varandas nas escaleiras que comunican a Rúa Galera cos Almacéns de Raxoi.

10º.- Pregamos coordinen aos dous Concelleiros de Facenda a fin de elaborar o presuposto para o vindeiro ano 2012.

Preguntas que levamos ao Pleno Ordinario de Novembro

24 nov

1ª.- Ante os cambios na lexislación galega (DOG Orde 3 de marzo de 2011) sobre o cofinanciamento da prestación de servicios sociais polas corporacións locais, que se fixo dende o noso Concello para garantir o mantemento dos programas, actuacións e servizos dependentes do Plan concertado que existían en Pontedeume, de xeito que sexa posible a incorporación de altas que non prevé a orde anteriormente nomeada?

2ª.- Sabemos, esencialmente polas propostas incluídas no seu programa electoral , da súa intención de incrementar os órganos consultivos. En democracia son unha ferramenta eficaz para achegar á cidadanía as administracións públicas que os representan, aumentar a afectación cos seus representantes e sobre todo mellorar a eficacia da xestión política. Estráñanos a tardanza en levar as súas propostas a cabo, para cando o Consello Municipal de Saúde, o C, M. da Muller , o C.M. Escolar ou calquera outro que teñan a ben crear para conquerir os fins anteriores?

3ª.- Poderían dentro do Consello Municipal da Saúde crear un observatorio da Violencia de Xénero, ao que corresponda o asesoramento, avaliación, colaboración institucional, elaboración de informes e estudios, e propostas de actuacións en materia de violencia de xénero en Pontedeume?

4ª.- Preguntamos por terceiro mes consecutivo, para cando a publicación da Programación Cultural Municipal desta temporada e por 3ª vez tamén pedimos que se poña en galego a última novidade colgada na web do Concello pola Sra. Concelleira responsable.

5ª.- Ante a visita de responsables educativos da Xunta de Galicia ao IES “Breamo,” xestionaron algunha modificación no ensino secundario da nosa vila? Procuraron a diversificación de módulos formativos ou ben o incremento e diversificación da oferta nos bacharelatos?

6ª.- Xa teñen solucionado o problema da seguridade dos centros escolares con aulas abalar, vaise facer responsable da colocación das alarmas o Concello ou ben conseguiron que as financiara a Consellería de Educación? Vanse colocar estos días aproveitando que por fin está a chegar o material correspondente a este curso académico ,ou haberá que esperar a que estas queden saqueadas, estragadas e anuladas como pasou o curso pasado pola acción dos amigos do alleo?

7ª.- A xente maior, para evitar subir as escaleiras que dan acceso ao adro da igrexa, accede á mesma a traveso da rúa dende a praza da Angustia. Ao ser estreita e sen beirarrúas, non é un camiño fácil; pero é que ademais transmítennos as queixas de que unha lousa está solta constituíndo un perigo engadido ao tráfico e a auga que a anega nos días de choiva. Para cando a solución a esta rúa e a todas aquelas que precisan pequenos amaños urxentes ?

8ª.- Nas últimas semanas e a raíz da “operación arena” puidemos ver na prensa que na nosa vila se utilizaron en obras públicas áridos contaminados, que nalgúns casos e dependendo da súa finalidade poden ser prexudiciais para a saúde das persoas ou para o medio ambiente. Teñen localizadas esas obras?; no caso de que sexa así, teñen previsto o seguimento e control medioambiental nas zonas de influencias das citadas actuacións?. Poderían dicirnos de cales se tratan?,

9ª.- SOGAMA reclama a 135 Concellos 24 millóns de euros polo canon de tratamento de residuos. Ten o noso Concello algunha factura pendente con o citado organismo?

10ª.- Que modificacións sufriu a achega da Consellería de Medio Ambiente,Territorio e Infraestruturas, concedida para a redacción do “Plan especial de protección e rehabilitación do casco histórico”?

11ª.- Cal é a razón pola que a día de hoxe as obras do Club Náutico Firrete atópanse paralizadas?

12ª.- Como se distribuíu a subvención da Deputación Provincial para animadores culturais e técnicos deportivos do año 2011 ?.

13ª.- Poderíanos desglosar o orzamento total do curso de formación para o emprego de ” Instalación e mantemento de xardíns “,concedido pola Consellería de Traballo e Benestar?

14ª.- Cales foron as actividades de voluntariado e o seu fomento no ano 2011?

15ª.- Cando pensan autorizarnos o acceso ao informe da Consellería de Facenda sobre a avaliación do obxectivo de estabilidade orzamentaria?, Poden avanzarnos o contido do mesmo?

16ª.- Contratouse a unha nova empresa para ocuparse da xestión do Punto Limpo?

Moción que presentaremos no vindeiro Pleno sobre o Mercado Municpal

19 nov

A pasada semana adxudicábanse os traballos de rehabilitación de dúas naves das Lonxas de Raxoi para albergar as instalacións provisionais ás que se trasladarían os comerciantes do Mercado Municipal unha vez comezadas as obras de rehabilitación do edificio da Praza do Conde.

A día de hoxe, cando están a piques de cumprirse tres anos dende a presentación do anteproxecto do novo Mercado, o noso Concello non conta con os fondos necesarios para facer realidade o documento redactado pola empresa MERCASA, presupostado en 2,5 millóns de euros.

Nos últimos meses dende o Goberno Local insistiuse na idea de que unha vez rematadas as obras nas Lonxas de Raxoi procederíase ao traslado dos praceiros a estas instalacións provisionais; o que dada a ausencia de fondos para a rehabilitación do edificio principal está a xerar un clima de preocupación e temor entre os comerciantes, compartido por unha gran parte da veciñanza así coma polos partidos da oposición, ao non serlles garantida de forma oficial dende o Concello unha data de regreso. Tendo en conta o exposto anteriormente, podería darse o paradoxo de que ante a ausencia dos citados fondos, a que en principio está contemplada coma unha ubicación provisional rematase por ser definitiva.

Cabe recordar que tal e como o seu nome indica as “instalacións provisionais” están pensadas para ser ocupadas por un espazo curto de tempo, xa que as súas características, tamaño dos posto, capacidade das cámaras frigoríficas… non permiten realizar o traballo de algúns dos comerciantes ao 100% ou polo menos nas mesmas condicións que no actual mercado.

Deixando a un lado a nosa opinión sobre a actitude e a “xestión” realizada polo Goberno Local dende o inicio deste proceso, tendo en conta a importancia deste tema e coa única intención de buscar unha saída que contente a tódalas partes implicadas o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE, a través do seu Voceiro propón ó Pleno do Concello de Pontedeume a aprobación do

seguinte acordo:

1º.- O Concello de Pontedeume comprometerase por escrito con os comerciantes do Mercado Municipal a non facer efectivo o seu traslado ás instalacións provisionais en tanto non se consigan os fondos necesarios para a rehabilitación do edificio da Praza do Conde. Así mesmo, deberá garantir no citado documento o regreso dos praceiros ao seu antigo emprazamento unha vez rematadas as obras de rehabilitación do citado edificio

¿Por qué el PP no dice lo que haría?

17 nov

Mitin do PSdeG-PSOE en Pontedeume

15 nov

Grazas a tod@s por acompañarnos!!!

Bernardo Fernandez Piñeiro, Voceiro do Grupo Municpal Socialista

Salvador Fernandez Moreda. Secretario Provincial do PSdeG-PSOE

Miguel Cortizo. Ex-Delegado do Goberno en Galicia e Nº2 pola Provincia de A Coruña

Futuro + lucha = más igualdad

13 nov
Seguir

Get every new post delivered to your Inbox.