Na sesión Plenaria do pasado venres día 22 de setembro dende o noso grupo denunciabamos unha vez máis que a empresa adxudicataria do servizo de Piscina Municipal e Ximnasio non estaba a cumprir con o establecido na Ordenanza Fiscal Reguladora da taxa pola prestación deste servizo no que ás tarifas se refire.
Dicimos unha vez máis, porque esta situación xa fora denunciada polos Grupos da Oposición hai xa dous anos sen que dende o Goberno Local se tomase ningunha medida ao respecto, é máis, naquel momento negaron que isto estivese a suceder.
Hai uns días puidemos comprobar persoalmente a certeza das queixas quen os achegaran os usuarios do servizo. Para poñernos en situación compre reproducir o contido da ordenanza municipal regulador a no que ás taxas se refire:
“Artigo 5. Cota tributaria:
1.1.- Cota de entrada (existente para todo tipo de abonados) 36,58 euros.
1.2.- Abonado individual con servizo deportivo. 24,39 euros/mes.
1.3.- Abonado individual sen piscina (servizo deportivo) 11,59 euros/mes.”
Pois ben, a día de hoxe calquera veciño que se achegue á Piscina Municipal solicitando o “abono individual sen piscina” atoparase con que no boletín de tarifas da empresa concesionaria non aparece este servizo, só a cota de entrada (matrícula.- 36,97 euros) e o abono individual con servizo deportivo (24,66 euros), non contemplando, como dixemos o punto 1.3 da ordenanza reguladora.
Preguntado o Goberno Local sobre esta cuestión, en primeiro lugar negan que isto estea a suceder, para unha vez informados de que fixemos a comprobación persoalmente, xustificar a ausencia deste servizo por razóns de seguridade, a Concelleira de Deportes, e o Sr. Alcalde o abono sen piscina ten un horario concreto, durante o cal “o aforo do ximnasio está completo e non cabe máis xente”. Pero isto non ten ningún sentido se temos en conta que se contratamos o abono completo por un importe de 24,39 euros, é dicir Piscina e Ximnasio (en lugar de pagar ios 11,59 que pagaríamos só con o abono sen piscina), podemos utilizar o ximnasio a calquera hora sen ningún problema, polo que non se sustenta o argumento de que o aforo está completo, senón que máis ben parece que o que se pretende é eliminar o abono máis barato para aumentar os ingresos, todo isto en detrimento dos veciños de Pontedeume aos que non se lle está a prestar os servizos contemplados na Ordenanza Municipal, obrigándoos a pagar máis.
Dende o Grupo Municipal Socialista queremos deixar constancia do noso rexeitamento ante o incumprimento da Ordenanza Reguladora e denunciar ao mesmo tempo o desinterese, pasividade e incluso permisividade do Goberno de Gabriel Torrente fronte a unha ilegalidade. Esiximos ao Partido Popular que dunha vez por todas remate con esta situación e defenda os intereses dos veciños e veciñas de Pontedeume.



