Archivo | julio, 2011

DESPILFARRO ECONÓMICO DO GOBERNO EUMÉS

29 jul

En Pontedeume, segundo a liquidación do presuposto do 2010 presentada onte en Pleno, prodúcese unha situación de necesidade de financiación e incúmprese o obxectivo de estabilidade orzamentaria.

Ao ser a situación de déficit superior ao 5,53% dos ingresos, permitido por lei, – pois a necesidade de financiación se eleva a 1.532.912,09€-, haberá que realizar un plan económico- financeiro nun prazo máximo de tres meses que conteña as medidas necesarias para alcanzar o equilibrio.

Este feito grave en calquera caso para o funcionamento dunha administración local e máis sorprendente se cabe ao falar de Pontedeume pois o 2010 o Goberno optou por funcionar có orzamento prorrogado do 2009, opción coa que continúa o presente ano situación que non permite ningunha nova inversión. Contando ademais con que se herdou unha situación económico-financeira saneada, con resultado presupostario e aforro neto positivo dende o 2006 e con remanente de tesourería positivo que aínda no 2009 estaba en 822.000€, como poidemos chegar a unha situación no 2010 de déficit de máis de millón e medio de € e un remanente de tesourería negativo de -405.957€, nun concello do tamaño de Pontedeume?

Temos que lembrar que no 2010, se recortan os salarios (gastos de personal) nun 5%, e este aforro debería facerse extensivo a outras partidas, e pola contra se disparan os gastos en bens corrente e servizos e outras partidas de gasto.

A pouca seriedade deste goberno á hora de facer os orzamentos inflando os ingresos sistematicamente ano tras ano, a mala xestión de tesoureria con cifras avultadas de facturas pendentes de pago, asi como avultadas cifras de deudores pendentes de cobro, e o descontrol e falta de transparencia no gasto, a multitude de facturas a empresas sen o concurso previo, pagadas con reparo de intervención que sempre o Alcalde se encargou de levantar fixeron que un concello saneado estea agora nun brete económico tal que o obriga a emendar en tres anos os desatinos económicos da anterior lexislatura onde se gastou máis do que se ingresou nuns anos en que o concello tivo ademais o reforzo económico dos dous Plan E e dos Plans Anticreses da Deputación.

E isto ocorre mentres o goberno pecha os ollos e en vez de comezar o plan de reequilibro por eles mesmos, o Sr Alcalde sóbese o salario un 27,6% o Tenente Alcalde o 38,3% 3 as Xuntas de Goberno o 50% e a Sra Concelleira de Educación rise e táchanos de demagogos cando pedimos, por exemplo, a prontitude nas axudas de comezo de curso e un incremento similar ao dos seus soldos.

O PSdeG e o BNG de Pontedeume solicitamos ao Pleno, a concesión do nome de RAMIRO FONTE á Biblioteca Municipal

28 jul

O día 10 de Outubro de 2008, falecía en Barcelona á idade de 51 anos o poeta, narrador, ensaÍsta e crítico eumés RAMIRO FONTE. Licenciado en Filosofía e Letras, desenrolou o seu labor como profesor de Lingua e Literatura Galegas en Vigo e Londres, foi membro correspondente da Real Academia Galega, e nos últimos anos da súa vida director do Instituto Cervantes en Lisboa.

Tras darse a coñecer no grupo Cravo Fondo (1977), publicou como poeta o seu primeiro libro As cidades da nada en 1983, ós que seguirían Designium (1984, Premio da Crítica de Galicia e Premio Losada Diéguez), Pensar na tempestade (1986), Pasa un segredo (1988, Premio da Crítica Española), As lúas suburbanas (1991), Adeus Norte (1991, Premio Esquío), Luz do mediodía (1995), Persoas de amor (1995), O cazador de libros (1997), Mínima moralidade (1998, Premio Miguel González Garcés), Capitán Inverno (1999), A rocha dos proscritos (2001), Reversos (2008), e Xardín do Pasatempo (2008). Como narrador publicou Catro novelas sentimentais (1988), As regras do xogo (1990), Aves de paso (1990), Os leopardos da lúa (1993), Soños eternos (1994), e a triloxía Vidas de infancia: Os meus ollos (2003), Os ollos da ponte (2004) e As pontes no ceo (2007). Finalmente, como ensaísta é da súa autoría Fermín Bouza Brey e a súa obra literaria (1992) e As bandeiras do corsario (1996).

 Sobre o alcance e importancia da obra literaria de Ramiro Fonte, e da súa inextinguible contribución á nosa literatura, moito se ten escrito nestes últimos anos, pero botamos en falla o definitivo recoñecemento da súa Vila natal, Pontedeume, tan presente na súa obra e na súa vida, e que debe ser un compromiso de todos os eumeses para manter vivo o seu legado hoxe e para as vindeiras xeracións.

3º.- A Biblioteca Pública Municipal de Pontedeume, con máis de 6.000 socios, é o principal referente cultural da nosa Vila, cunha importante actividade que trascende o noso ámbito municipal – Artxove, Premio de Investigación, Cátedra, Certame de Contos, Fotografía familiar, Biblioteca itinerante, etc. – e cun prestixio que xa foi recoñecido e premiado por diversos colectivos e institucións de ámbito autonómico.

Moitas bibliotecas de Galicia levan o nome de escritores, vivos ou desaparecidos: Henrique Rabuñal, en Arteixo, Xabier Puente Docampo, en Cambre, Miguel González Garcés, en Culleredo, Xosé María Pérez Parallé, en Fene, Anxel Fole, en Oleiros, Castelao, en Rianxo, ou José Saramago, en Santiago de Compostela, son só algún exemplos na nosa provincia.

Consideramos pois que a mellor homenaxe que podemos facer a Ramiro Fonte, ese gran escritor e “cazador de libros” eumés, é darlle o seu nome á máis prestixiosa institución cultural da nosa Vila, a Biblioteca Pública Municipal, e interesamos do goberno municipal que Vde. preside que inicie os trámites para facer realidade tan xusta petición.

Por todo o exposto, os abaixo asinantes a Vde.

SOLICITAN: Que polos órganos competentes do noso Concello se inicien os trámites legais e regulamentarios necesarios para a concesión do nome de RAMIRO FONTE á Biblioteca Pública Municipal de Pontedeume.

 Asdo.: Bernardo Fdez. Piñeiro – Mª Carmen Cascallar Pita – Jesús E. García González

 Asdo.: Manuel Rei Romeu – Antonio Salvadores Regueiro

Preguntas que levamos ao Pleno Ordinario de Xullo

28 jul

.- Teñen por fin algunha achega concreta dende Pontedeume ao Ano Internacional dos Bosques?

.- O anterior Concelleiro de Medio Ambiente pospuxera a celebración do Día da Árbore e da Auga,21 de marzo, para verán, poden informarnos sobre as datas e o contido de dita conmemoración?

.- Pensan adicarlle tempo e esforzo a que dende Pontedeume teñamos unha proposta concreta de traballo polo Medio Ambiente que nos converta no referente comarcal que deberamos ser nesta area, cando nola poderán presentar?

.- Cando van facer afectivo o acordo plenario de Abril de 2010 e porán en marcha as accións necesarias para a elaboración dun Programa de Solidariedade Municipal có que achegará servizos básicos como a recollida do lixo, auga, actividades educativas, etc.,dun xeito total ou parcialmente gratuíto, eximindo do pago das taxas municipais ás familias necesitadas e persoas con escasos recursos económicos?

5ª.- Cando van sacar a concurso a Atención aos Dependentes, o Mantemento Eléctrico, a Recollida de Enseres, o Mantemento do Pavillón Municipal có Centro Maiores, Mantemento CEIP”Andrade”, etc.?

.- Xa teñen algunha proposta concreta sobre a nova escola infantil prometida en campaña dende a Xunta de Galicia?

.- Que alternativa teñen para incrementar as prazas escolares no 1º ciclo de Educación Infantil en setembro que dote deste servizo a lo menos ás numerosas familias que quedaron sen praza este ano na Escola Infantil Municipal?

.- Cara o 1º de setembro, comezo de curso, é imprescindible unha limpeza profunda dos centros en agosto que inclúa a limpeza exterior e interior dos mesmos.

  • Dotarán os centros de aspiradora industrial que permita facer unha limpeza en condicións,de alfombras , andeis, armarios,…?
  • Cando e como limparán os cristais aos que non poden acceder para a súa limpeza as empregadas municipais?
  • Farán o correspondente mantemento das zonas verdes e fachadas dos centros?
  • E por último, e non menos importante, procurarán a mellora na seguridade dos centros coa dotación da correspondente alarma que dificulte a lo menos o traballo dos amigos do alleo?

.- Recibimos queixas sobre o mantemento da Area Recreativa de Breamo: Cal é a periodicidade dos traballos na mesma? Podería incrementarse o seu coidado en épocas de maior uso? Teñen prevista a reparación da iluminación da capela?

10ª.- Cando teremos a nova ordenanza que regule o uso de espacios comúns e poña orde, estética e seguridade nas rúas e prazas garantindo a boa convivencia entre o uso público e privado das mesmas?

11ª.- Xa saben algo máis sobre o novo aparcadoiro prometido tamén en campaña, hai algún escrito que o confirme?

12ª.- Cal é a razón pola que a día de hoxe aínda non se realizaron as obras de rehabilitación da Alameda de Raxoi aprobadas en Sesión Plenaria e que terían que ser sufragadas có aforro resultante da redución dos salarios dos funcionarios imposta polo Goberno do Estado?, ante o lamentable estado que presenta, cando pensan prohibir a entrada de vehículos a esta importante zona verde?

13ª.- Na Sesión Plenaria mencionada anteriormente aprobáramos tamén a adquisición de novo mobiliario para este Salón de Plenos, cando pensan instalar dito material?

14ª.- No BOP do pasado martes 11 de xullo, sendo aínda Presidente do ente Provincial D. Salvador Fernández Moreda, publicábase a “Contratación mediante procedemento aberto con multiplicidade de criterios de valoración da redacción do proxecto de mellora da seguridade viaria na DP 4803 de Miño a Pontedeume por Perbes pk 7+100 ao 10+225 (Pontedeume). Agora que a Deputación Provincial atópase presidida polo Partido Popular seguirá mantendo o Sr. Alcalde a súa “preferencia” porque sexa esta administración a que expropie os terreos necesarios pala facer efectiva esta actuación en lugar de negociar a cesión dos mesmos dende o Concello?

15ª.- Manexan algunha data para o remate das obras do novo Club de piragüismo?

16ª.- Cando pensan sacar a concurso as prazas de Policía Local vacantes na RPT?

17ª.- Falaba novamente o Sr. Alcalde hai algunhas semanas na prensa da instalación de cámaras de “videovixilancia” na nosa vila, teñen elaborado algún proxecto ao respecto?

MOCIÓN que presentamos en relación ao Plan de ENDESA no encoro de Goente

28 jul

En xaneiro de 2010, o xefe de obra civil de Endesa declarou aos axentes do Seprona que no fondo do encoro existía “un gran depósito de lodos”, pero indicou que os desaugadoiros non se abrían porque podería ocasionar “algún dano ao medio ambiente”

A empresa, que mantén seco un tramo de 3,4 quilómetros do río desde fai cinco décadas, está obrigada por lei a restituír o seu caudal ecolóxico e reabrir os dous desaugadoiros do pantano. O documento da eléctrica xa advirte das posibles consecuencias ambientais da súa proposta. “As probas de desaugadoiro provocarán efectos negativos entre moderados e severos sobre a auga, a paisaxe, os usos recreativos e a pesca fluvial”, alertan os técnicos, que falan de danos “irreversibles” para os peixes e nutrientes do río.

En vez de optar por buscar un depósito para os lodos lonxe do encoro, minimizando os nocivos efectos secundarios opta pola solución máis económica para a empresa pero máis cara para a saúde medioambiental, contradicindo aos seus directivos e a pesar das advertencias dos técnicos, Endesa decantouse por dragar e recolocar os lodos dentro do seu propio encoro e verter ao río a auga sucia estancada no fondo.

O “documento ambiental” de Endesa, redactado pola consultora hidráulica madrileña HCC e datado a mediados de maio, propón retirar cun guindastre unha pequena parte dos lodos -uns 1.350 metros cúbicos- que se acumulan sobre os sumidoiros de aceiro do pantano para depositalos 50 metros máis arriba, sobre unha planicie no fondo do mesmo encoro.

A oposición ao Plan de ENDESA está encabezada por “Ríos con Vida” que alerta que os fangos contaminarán as augas ao longo dos 16 Kms. que van dende a presa á Ría de Ares.

Dende o PSdeG-PSOE coidamos que se debe rexeitar este Plan de Endesa que está en fase de alegaciones e que ademais Pontedeume debe ter ante este tema de vital importancia un pronunciamento contundente onde instemos a Augas de Galicia a desbotar este Plan que prexudicaría ao “Pai Eume”, á nosa contorna, aos biótopos fluviais e mariños,a pesca ao marisqueo e mesmo o sector turístico. E a esixirlle a ENDESA que restituía o caudal ecolóxico nos 3,4 quilómetros de río que mantén secos dende hai cinco décadas sen que esto supoña ningunha nova desgraza para o Eume. Partindo esta iniciativa dende a Corporación Local pero sen esquecer o apoio de todos os colectivos dun ou doutro xeito afectados: Cofradía, asociacións culturais, ecoloxistas e outros colectivos eumeses.

Por todo o anteriormente exposto, o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE, a través do seu portavoz propón ó Pleno do Concello de Pontedeume a aprobación dos seguintes acordos:

- Rexeitar este Plan presentado por ENDESA de restitución do caudal do Eume polo alto risco ecolóxico que supón.

- Comunicar a Augas de Galicia, á dirección do Parque Natural das Fragas do Eume e a Xunta de Galicia o rexeitamento do Pleno de Pontedeume a este xeito contaminante de devolverlle ao ríoas súas augas e instar a que se restituía a legalidade sen que isto supoña unha nova eiva para o futuro do Eume.

A Deputación Provincial da Coruña saca a concurso a redacción do Proxecto para a construción das beirarrúas de Centroña

21 jul

O BOP do pasado martes 11 de xullo, sendo aínda Presidente do ente Provincial D. Salvador Fernández Moreda, publicábase a “Contratación mediante procedemento aberto con multiplicidade de criterios de valoración da redacción do proxecto de mellora da seguridade viaria na DP 4803 de Miño a Pontedeume por Perbes pk 7+100 ao 10+225 (Pontedeume).

Este feito é froito do compromiso adquirido hai pouco máis de dous meses polo naquel momento Deputado Provincial socialista e Presidente da Comisión Especial de Contas, D. Antonio Lagares nunha reunión mantida con o Voceiro do noso Grupo Municipal, Bernardo Fernández e membros da Asociación de Veciños de Centroña. Nese encontro trasladóuselle ao representante do organismo provincial a necesidade e urxencia de dita actuación, proposta que foi ben recibida, e pola que se procedeu a dar instrucións a un dos técnicos da administración para o inicio dos trámites necesarios para a construción dunha “senda peonil” separada da calzada por un “bordillo”, o que garantiría a seguridade dos viandantes e remataría con a situación de perigo que existe actualmente.

Dende o Grupo Municipal Socialista congratulámonos por esta nova que supón un primeiro paso para dar resposta a unha vella reivindicación veciñal e esperamos que a actual Presidencia da Deputación Provincial siga apostando por esta importante actuación. Así mesmo, desexamos que dende o Grupo de Goberno do Concello de Pontedeume se actúe con máis responsabilidade que a amosada en outras ocasións.

Charla sobre o proxecto de ENDESA para o baleirado do encoro do eume

14 jul

#ConRubalcaba

9 jul

O Alcalde Gabriel Torrente propón subirse o soldo nun 30%

8 jul

O Alcalde Gabriel Torrente pretende subirse o soldo en torno a un 30%, pasando a cobrar 43.651,30 euros fronte aos 34.236,65 que cobraba na pasada lexislatura.

O mesmo incremento (30%) experimentará o salario do Concelleiro de Infraestruturas Javier Crespo, pasando de 20.947,15 a 29.044,54 euros.

Esta é a proposta que a Alcaldía presentará no pleno do vindeiro luns e que sen dúbida será aprobada tendo en conta a maioría absoluta con a que conta o Partido Popular. No mesmo documento inclúese unha dedicación parcial de 13 horas semanais para a Concelleira de Comercio e Turismo con unha retribución de 9.077.74 euros. Así mesmo plantexan incrementar as asignacións ao resto de concelleiros da Corporación por asistencia a Plenos nun 50%, pasando de 100 a 150 euros.

Todas estas propostas do Goberno de Gabriel Torrente parécenos inxustas, fora de lugar e contraditorias con a actitude do PP en anteriores lexislaturas máxime se temos en conta a situación de crise que vive o noso pais, así como a decisión da maioría dos alcaldes galegos de reducir o seu salario. Se temos en conta que o actual Goberno eumés está conformado por 8 persoas, fronte aos 4 da pasada lexislatura, non entendemos, por exemplo, como o concelleiro de obras xestionando menos áreas incrementa o seu soldo nun 30%. Queremos deixar claro que estamos totalmente en contra do incremento previsto por asistencia aos Plenos para o resto de Concelleiros, incluídos os da oposición. A nós parécenos que na situación económica actual os 100 euros que percibimos actualmente son suficientes.

A Subdelegación do Goberno aumentará a vixilancia en Pontedeume incrementando a presenza da Garda Civil.

6 jul

Este foi o compromiso adquirido polo Subdelegado do Goberno na Provincia da Coruña, José Manuel Pose Mesura nunha reunión mantida no día de hoxe con o Voceiro Municipal do PSdeG-PSOE, Bernardo Fernández e representantes do comercio e a hostalería eumesa. Nesta xuntanza o Concelleiro Socialista e os membros de UCOA informaron ao representante do Goberno do Estado da situación que se está a dar dende hai meses na nosa vila debido ao considerable aumento dos roubos en establecementos e vivendas, problemática que está a afectar gravemente á economía dos empresarios eumeses e a xerar un clima de inseguridade entre a veciñanza. Así mesmo, e ante a ausencia de patrulla nocturna da Policía Local, trasladáronlle a necesidade de aumentar a vixilancia durante as noites, proposta que foi ben acollida polo Subdelegado do Goberno, quen se comprometeu a incrementar a presenza da Garda Civil na nosa vila.

Dende o Grupo Municipal Socialista lamentamos a pasividade do Goberno Local ante esta grave situación. Xa na anterior lexislatura o Alcalde Gabriel Torrente prometera incrementar a dotación policial e desgraciadamente a día de hoxe só contamos con catro efectivos, polo que consideramos que antes de plantexar en prensa, e nunca de forma oficial, a instalación de cámaras de videovixilancia ( actuación que podería xerar problemas de carácter legal) debería sacar a concurso as prazas vacantes de Policía Local. Tendo en conta ademais que estas non son suficientes para establecer unha patrulla nocturna, esixiremos aos representantes do Goberno Local que inicien as negociacións necesarias para modificar a Relación de Postos de Traballo do Concello dotando este importante documento das prazas necesarias.

Seguir

Get every new post delivered to your Inbox.