Os socialistas de Pontedeume queremos denunciar a lamentable situación que estase a dar nas inmediacións da ermida de San Miguel de Breamo, a cal día tras días está amencendo cada vez máis repleta de escombro, residuos e enseres de todo tipo, converténdose nun vertedoiro ilegal.
Tendo en conta a distancia existente entre o núcleo urbano e as inmediacións da ermida, xunto coas poucas visitas que normalmente recibe o monumento durante o período invernal, temos que supoñer que a persoa ou persoas que actuaron deste modo tan incívico e lamentable, aproveitáronse desta falta de tránsito de vehículos e de visitantes para actuar de dito modo, arroxando nas inmediacións todo tipo de obxectos nocivos para o entorno, e que deben de ser depositados por lei no correspondente punto limpo do Concello.
É por isto que instamos ao goberno local, a poñerse en contacto coas autoridades pertinentes para que leven a cabo un investigación que poida esclarecer que persoa ou persoas son as responsables deste acto incívico e se proceda a aplicar a conseguinte sanción. Así mesmo rogamos a limpeza do entorno e o acondiciononamento dos arredores da ermida, posto que ditos residuos atópanse a menos de vinte metros da ermida, ocasionando un enorme impacto ambiental e tamén visual.
Consideramos este feito intolerable, xa que representa unha profunda falta de respecto hacía o resto dos cidadáns, así coma un atentado ao medio ambiente e ao patrimonio da nosa vila.


