Dende o Grupo Municipal Socialista no Concello de Pontedeume queremos amosar a nosa sorpresa e indignación ante os últimos acontecementos acaecidos en relación á situación que se está a vivir na empresa de artes gráficas “EINSA”, xa que non entendemos o feito de que unha semana despois de facerse efectivo o despido de 26 traballadores se esté a contratar a persoal a través de empresas de traballo temporal, máxime se temos en conta que unha das razóns esgrimidas dende a compañía para tomar esta decisión estaba baseada na ausencia de carga de traballo.
Non podemos tampouco comprender e moito menos compartir a postura da Dirección da empresa, xa non pola actitude de total “desinterese” amosada durante as últimas semanas, senón polo feito de que rexeitase unha das principais medidas proposta dende os sindicatos, consistente na aplicación dun ERE temporal, o que a efectos prácticos viría a supoñer unha solución similar á contratación de persoal eventual pero evitando os despedimentos anteriormente mencionados, con o conseguinte aforro económico para a compañía.
Como representantes dos cidadáns e tendo en conta a falta de novas iniciativas a tomar por parte do noso Goberno Local ante unha situación que afecta tan gravemente á economía de moitas familias eumesas, faremos as xestións necesarias para presentar unha interpelación parlamentaria na que se inste á Consellería de Industria a mediar para a consecución dunha solución que teña en conta as xustas reivindicacións dos traballadores.


