Cando xa vai andado o mes de Xaneiro, o goberno municipal segue sen presentar o proxecto de Orzamento para este exercicio, polo que a día de hoxe a vida económica do Concello de Pontedeume estase a rexer polo Orzamento do ano 2009, respecto ó cual a Intervención Municipal ven de recoñecer nun informe importantes eivas xa denunciadas polo noso grupo, como foi a desorbitada previsión do capítulo de ingresos, que se veu finalmente reducida case á metade, obrigando a un recorte do gasto de perto dun millón de euros, coa conseguinte perda de inversión e servizos para todos os eumeses.
Estas mesmas eivas presentaban os Orzamentos de 2010, polo que foron rexeitados ó non ser apoiados por ningún grupo municipal, salvo o PP, e sen que o goberno voltase a presentar ou intentar negociar outro documento económico, desoíndo as reiteradas peticións formuladas en tal sentido polo noso grupo e optando por gobernar co presuposto prorrogado do 2009, maniobra que, temerariamente, parecen querer repetir para o presente exercicio de 2011.
Dende o grupo municipal socialista pedimoslle ó goberno municipal que exerza a súa responsabilidade e presente xa un presuposto para o ano 2011 con cifras de ingresos creíbles, axustadas ás previsións reais de recaudación, e, polo mesmo, non infladas, que nos expliquen en que políticas de gasto van a concretar a austeridade tan necesaria e reclamada ás administración públicas, e que nos indiquen que programas de gasto van a priorizar e cales van a recortar ou suprimir.
Coa responsabilidade que nos corresponde como primeiro grupo da oposición, facemos un chamamento ó goberno municipal do PP para que asuma as súas obrigas, pois corren malos tempos para deixar á improvisación, ó capricho e á arbitrariedade a xestión dos escasos recursos públicos de todos os eumeses, máxime nun ano electoral no que o novo goberno local saído das urnas podería ver seriamente afectada a súa xestión pola inactividade e incompetencia en materia económica de que ven facendo gala o actual goberno eumés.


