1º.- Diante da celebración no día de hoxe do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o grupo municipal socialista insta ó goberno municipal a:
- Desenvolver actividades coa mocidade encamiñadas á prevención da violencia de xénero, xa existente nas relacións temperás, promovendo as relacións interiguais, o desenvolvemento da autoestima e da identidade sexual, a corresponsabilidade e o respecto, actividades que na actualidade son escasas en Pontedeume, por non dicir inexistentes.
- Promover programas respecíficos de sensibilización contra a violencia de xénero, co fin de contribuir dende o noso Concello a erradicación desta terrible lacra.
- Intensificar e diversificar o traballo dos Servicios Sociais na defensa da liberdade, autonomía e seguridade das mulleres, e na recuperación da dignidade, estabilidade emocional e dereitos plenos das víctimas.
2º.- Reiteramos por enésima vez o arranxo das lousas rotas do Paseo Marítimo.
3º.- Pregamos se arranxe o afundimento do camiño que comunica Castrelo con Vizús na parroquia de Centroña á altura do número 123. Así mesmo pregamos se coloque correctamente no mesmo camiño un cable do alumeado público que colga ata o chan.
4º.- Ante o perigo que representa, pregamos que se arranxe unha farola situada en Caldagueiro que ten o foco colgando.
5º.- Pregamos ao grupo de goberno que reconsidere a ubicación de algúns dos xa tristemente coñecidos bancos que foron instalados nos últimos meses e que están a suscitar tanta polémica e comentarios entre os veciños. Estámonos a referir entre outros ao que se encontra no camiño de baixada á Igrexa de Centroña, encaixado no muro do cemiterio, que pola pendente da zona fai que a súa utilidade sexa discutible, os instalados nas inmediacións do Local da A.V.V. de Andrade que se atopan “mirando” a unha muralla, ou os da Avenida da Coruña inutilizados polos vehículos estacionados.
6º.- Pregamos a limpeza e retirada de carteis da marquesina da ponte, así como a limpeza da fonte e o arranxo das beirarrúas na Praza Rosalía de Castro, que, cando chove, convertese nunha lagoa.
7º.- Pregamos se inste a Portos de Galicia para que sinalice vertical e horizontalmente o noso Porto, a fin de evitar os continuos problemas de tráfico que se veñen producindo.
8º.- Diante da anunciada concesión dunha axuda plurianual por parte da Xunta de Galicia para a elaboración dun plan especial para o casco histórico da nosa Vila, faise referencia na prensa a un diagnóstico encargado polo goberno o pasado ano a un arquitecto local. Queremos lembrar, pregando se teña en conta no seu momento, o alzado de todo o casco histórico –casa por casa- levado a cabo por profesores e alumnos da Escola de Arquitectura de A Coruña, en base a un convenio suscrito hai uns anos entre esta Universidade e o Concello de Pontedeume, un importante traballo de campo que sen dúbida facilitará a elaboración do plan ó equipo redactor e que debera abaratar sensiblemente o custe do mesmo.
9º.- Nun Pleno recente denunciabamos a falla de sensibilidade deste goberno co grupo de teatro ARJÉ do IES Breamo nas pasadas Festas das Peras. Hoxe sabemos que a subvención municipal comprometida para este ano 2010 non se lles vai pagar, pese a adebedarlles tamén a do ano 2009, e que se lles prometeu que se abonarían as dúas no ano 2011 xunto coa correspondente a este exercicio, promesa que é un auténtico “brindis ó sol” xa que de momento nin hai proxecto de orzamento para 2011, nin se sabe a quen corresponderá cumplila nun ano electoral. Pregamos pois ó goberno maior seriedade á hora de cumplir os seus compromisos en materia educativo-cultural, lembrándolles que, como di o refrán, “prometer e non dar ós tontos fai alegrar”.


