Archivo | 11:32 am

Sobre as declaracións do Sr. Crespo sobre os problemas na recollida do lixo

19 nov

Estes días atrás, puidemos ler na prensa unhas declaracións do Concelleiro de servizos nas que aseguraba que ante a avaría sufrida por un dos camións que se encargan da recollida de lixo, varias parroquias da nosa vila que levan dende o pasado luns sen este servizo seguirán nesta situación mentres non se solucione esta deficiencia, para a continuación responsabilizar deste feito aos Grupos da Oposición por non apoiar a proposta privatizadora presentada polo Goberno Local.

Dicía o Sr. Crespo :
“Ésta es la consecuencia de no privatizar el servicio; ahora nos quedamos sin recogida de basura hasta que no se subsane el problema. Si se hubiese privatizado, la empresa adjudicataria tendría la obligación de poner a nuestra disposición otro vehículo”

En primeiro lugar temos que recordarlle que o Concello tamén ten a obriga de cubrir a baixa dese camión, situación contemplada na Lei, que permite contratar un reforzo do servizo por necesidades do mesmo, tales como a avaría da maquinaria…

En segundo lugar gustaríanos deixar claro que de ningunha maneira a oposición pode ser a responsable da incompetencia manifesta da que ven facendo gala dende o inicio da lexislatura o goberno do PP, como non é responsable de que non se laven os contenedores, de que a “illas ecolóxicas” estean totalmente esnaquizadas e abandonadas, de que non se limpen os restos do botellón, de que se gasten os cartos en cambiar papeleiras sen instalar outras novas naquelas zonas onde non as hai,…

E por último temos que aclarar aos eumeses i eumesas que dende que comezou a lexislatura, hai máis de tres anos, só se nos convocou a unha comisión informativa relacionada con esta problemática. Desgraciadamente con a única intención de presentarnos un informe que o Grupo de Goberno pretendía utilizar para respaldar a súa proposta “externalizadora”, sen estar esta recollida no mesmo. No mencionado informe só se contemplaba como medidas para a mellora da prestación a adquisición dun novo camión e a ampliación do cadro de persoal en dous operarios, sen facer referencia en ningún momento ao déficit recadatorio que arrastra este servizo e que ronda os 300.000€ anuais.  Tendo en conta isto así coma a escasa relevancia das medidas propostas, xa que un novo camión podería ser subvencionado pola Deputación Provincial como xa o foron no seu día os dous existentes, ou a contratación de dous operarios cuio custo poderían asumir perfectamente as arcas municipáis e sabedores ademais de que os empregados públicos que traballan neste servizo non poden ser pasados obrigatoriamente á empresa privada, tería que ser de forma voluntaria, polo que no caso de rexeitar o seu traslado o Concello tería que mantelos no plantel  e seguir pagando o seu soldo, non podemos apoiar unha proposta que ben podería definirse coma unha auténtica chapuza, pouco ambiciosa, nada rigorosa e que non incide de ningunha maneira nas verdadeiras causas do mal funcionamento do servizo de limpeza e recollida de lixo.

Na mesma sesión plenaria na que se rexeitaba esta proposta ofreciamos a nosa colaboración ao Grupo de Goberno para, entre todos, atopar unha solución a este problema, a día de hoxe e pasados máis de tres anos seguimos á espera.  Ante estes feitos e porque non se están a cubrir a baixas do persoal, nin a sacar a concurso a tan necesaria praza de “capataz de vías e obras”, nin a realizar a recollida de lixo en parroquias de forma periódica, porque se está a contratar a empresas privadas certos traballos de forma “fraudulenta”, tal e como o describe a intervención municipal; queda claro, por unha banda, a falta total de vontade do Goberno do Sr. Torrente por dar  solución ao principal problema que aqueixa á nosa vila, e por outra a súa férrea intención de privatizar este servizo para favorecer a intereses privados.

Seguir

Get every new post delivered to your Inbox.