Archivo | 12:43 pm

Preocupación ante o lamentable estado no que se atopa o “Teixo” do Paseo Marítimo.

27 oct

Hai xa ano e medio que denunciamos ante o Pleno da Corporación o mal estado no que se atopaba o coñecido como “Teixo da casa dos Tenreiro” , cuio aspecto pouco saudable facía pensar que a árbore podía estar afectada por algún tipo de enfermidade. Nesa mesma sesión plenaria esiximos ao Goberno Municipal a limpeza do recinto que rodea o exemplar xa que este se atopaba ateigado de lixo, rogo que viñemos reiterando dende aquela data dada a pasividade da Concellería de Servizos.

Días máis tarde trasladáronse á nosa vila técnicos da estación fitopatolóxica Areeiro, que tras varias comprobacións e análises dictaminaron que a árbore atopábase en bo estado, trasladándolle ao Concelleiro de Servizos Javier Crespo a necesidade de instalar un novo sistema de seguridade para a peche do recinto, xa que o existente fora forzado polos vándalos, ocasionando danos á árbore.

A día de hoxe pódese comprobar que o Teixo sufriu un importante deterioro, con a caída de máis follas así coma o incremento de ramas secas, circunstancia á que hai que engadir o lamentable estado no que se atopa o recinto circundante, ateigado de todo tipo de residuos: bolsas de plástico, botellas, latas…e que un ano e medio máis tarde e a pesares das recomendacións dos técnicos, segue sen contar con unha pechadura que impida a entrada.

Se ben non se pode culpar ao Goberno Municipal das posibles enfermidades que poidan afectar ao exemplar, si se pode, e así o facemos, responsabilizalos da situación de abandono na que se atopa, ignorando reiteradamente as peticións do noso Grupo para que se lle presten as atencións necesarias así coma para que se manteña limpo o recinto.

O feito de que esta e outras situacións, coma a non limpeza das pintadas no Torreón dos Andrade se prolonguen no tempo dende hai máis de tres anos, é unha clara evidencia do desprezo e ausencia de interese do Goberno de Gabriel Torrente polo patrimonio de todos os eumeses i eumesas.

Seguir

Get every new post delivered to your Inbox.