Archivo | octubre, 2010

Rogos que levamos ao Pleno Ordinario de Outubro

28 oct

1º.- Reiteramos a solicitude de constitución do Consello Municipal da Muller.

2º.- Lembramos a urxencia na convocatoria do Consello Escolar Municipal correspondente a comezo de curso.

3º.- Rogamos a posta en marcha dun foro consultivo formal e estable para achegar a veciñanza á Administración local, onde estean representadas as diferentes AA.VV., AA. Culturais, de Maiores, Deportivas,… Así  fomentando a participación, o consenso,  o establecemento de  prioridades de actuación, etc., acadaremos un Concello transparente e unha xestión máis próxima ás necesidades reais da poboación.

4º.- Ante o estado de abandono que presenta, rogamos a limpeza do recinto que circunda o  teixo do Paseo Marítimo.

5º.- Rogamos a reposición das lámpadas afundidas en varias farolas do Paseo Marítimo así como as pertencentes á iluminación artística da Ponte de Pedra.

6º.- Reiteramos por enésima vez o arranxo das lousas rotas do Paseo Marítimo.

7º.- Varios usuarios da piscina municipal fixéronos chegar as súas queixas pola baixa temperatura á que se atopa a auga, así coma pola falla de limpeza nas instalacións. Rogamos se inste á empresa concesionaria para que corrixa  esta situación.

8º.- Pregamos a reparación dos desperfectos aparecidos na Corredoira das Virtudes.

9º.- Nos xardíns de Lombardero hai unha pedra ou monolito que no seu día sostiña unha caracola de bronce e unha placa cun poema de Isabel de Castro e Andrade. Ó desaparecer ambos elementos, a pedra carece de sentido e presenta unha grande pintada, polo que, de non repoñer eses elementos, pregamos a súa retirada.

10º.- Empeza a ser habitual a escasa presenza de público en actos culturais organizados polo Concello, debido, na súa meirande parte, a unha defectuosa publicidade. Recentemente, nun concerto incluído nun ciclo organizado pola Agrupación Musical Albéniz de A Coruña, e do que eran coorganizadores varios Concellos da provincia, entre eles, Pontedeume, estabamos presentes na Casa da Cultura unha ducia escasa de espectadores, non asistindo ningún representante do goberno municipal. Pregamos que dende o área de Cultura se cuiden máis as xa de por sí escasas actividades culturais, e se difundan debidamente os actos que se celebran tanto nos lugares de costumbre como nos medios de prensa.

11º.- Neste mesmo eido, chamamos a atención sobre a homenaxe a Ramiro Fonte celebrado o pasado día 10 de Outubro, organizado polo Concello a última hora, escasamente anunciado, e cun resultado discreto tanto dende o punto de vista artístico como de asistencia de público. Pensamos que ese non é o camiño, e que a mellor homenaxe que o Concello e o pobo de Pontedeume lle poden facer ó noso grande escritor, é darlle o seu nome á Biblioteca Municipal, unha institución exemplar que constitúe o principal foco cultural da nosa Vila, e dando continuidade así a unha práctica habitual na maioría de cidades e vilas. Por iso pregamos que polo Sr. Alcalde se convoque ós voceiros municipais para consensuar esta ou calqueira outra iniciativa que se prantexe para mellor honrar e perpetuar a memoria do escritor eumés Ramiro Fonte.

Preocupación ante o lamentable estado no que se atopa o “Teixo” do Paseo Marítimo.

27 oct

Hai xa ano e medio que denunciamos ante o Pleno da Corporación o mal estado no que se atopaba o coñecido como “Teixo da casa dos Tenreiro” , cuio aspecto pouco saudable facía pensar que a árbore podía estar afectada por algún tipo de enfermidade. Nesa mesma sesión plenaria esiximos ao Goberno Municipal a limpeza do recinto que rodea o exemplar xa que este se atopaba ateigado de lixo, rogo que viñemos reiterando dende aquela data dada a pasividade da Concellería de Servizos.

Días máis tarde trasladáronse á nosa vila técnicos da estación fitopatolóxica Areeiro, que tras varias comprobacións e análises dictaminaron que a árbore atopábase en bo estado, trasladándolle ao Concelleiro de Servizos Javier Crespo a necesidade de instalar un novo sistema de seguridade para a peche do recinto, xa que o existente fora forzado polos vándalos, ocasionando danos á árbore.

A día de hoxe pódese comprobar que o Teixo sufriu un importante deterioro, con a caída de máis follas así coma o incremento de ramas secas, circunstancia á que hai que engadir o lamentable estado no que se atopa o recinto circundante, ateigado de todo tipo de residuos: bolsas de plástico, botellas, latas…e que un ano e medio máis tarde e a pesares das recomendacións dos técnicos, segue sen contar con unha pechadura que impida a entrada.

Se ben non se pode culpar ao Goberno Municipal das posibles enfermidades que poidan afectar ao exemplar, si se pode, e así o facemos, responsabilizalos da situación de abandono na que se atopa, ignorando reiteradamente as peticións do noso Grupo para que se lle presten as atencións necesarias así coma para que se manteña limpo o recinto.

O feito de que esta e outras situacións, coma a non limpeza das pintadas no Torreón dos Andrade se prolonguen no tempo dende hai máis de tres anos, é unha clara evidencia do desprezo e ausencia de interese do Goberno de Gabriel Torrente polo patrimonio de todos os eumeses i eumesas.

Preguntas que levamos ao Pleno Ordinario de Outubro

26 oct

1ª.- Que actividades dentro do programa de apertura de centros fora do horario escolar ten a día de hoxe o Concello para o alumnado de secundaria?.

2ª.- Cando se vai abrir o Planet? Que programación teñen para este ano?

3ª.- Dende o grupo socialista miramos con preocupación as políticas sociais en Pontedeume e vemos que cando a Conselleira de Traballo e Benestar fala claramente de bloquear a finanzación de Dependencia, garantindo só a atención a aqueles que na actualidade están atendidos, e deixando fora das axudas ós dependentes en trámite, en Pontedeume estamos ó comezo do camiño e os que están atendidos non teñen aínda o prego e o concurso regulamentario.

  • Cando pensan realizar este trámite que debera ser inicial?
  • Xestionaron coa administración autonómica a atención de aqueles dependentes que dada a lentitude da maquinaria burocrática aínda non teñen atención baixo a Lei de Dependencia?
  • Vendo a probable creación de postos laborais relacionados có coidado aos dependentes na nosa Vila, pensan solicitar algún curso para o noso centro de formación para que os eumeses e eumesas poidan acceder a traballos deste perfil?.

4ª.- A piques de comezar as obras de acondicionamento de dúas naves das Lonxas de Raxoi para albergar o Mercado Provisional,  dispoñen xa da financiación necesaria para a rehabilitación do Mercado Municipal? Que pasos se deron ou se están a dar neste sentido? Teñen xa solucionada a cuestión referida á adquisición e posterior derrubo do edificio da “agraria”?.

5ª.- Denunciamos en pasadas sesións plenarias que a  causa das obras de mellora da instalación eléctrica dunhas vivendas de Centroña se secara a fonte do Quinteiro. A día de hoxe a fonte segue sen auga. Pasados xa varios meses dende que acontecera este incidente, que medidas concretas tomou o Goberno Municipal a este respecto?

6ª.- Fomos informados que por parte do Concello se entregaron a varios comerciantes  mandos para a apertura dos “hitos hidráulicos” que pechan o casco histórico. É isto certo? De ser así, e tendo en conta que na última sesión plenaria o Concelleiro responsable desa area informou aos presentes de que a ordenanza de tráfico impedía a entrega destes dispositivos, procedeuse por parte do goberno a modificar dita ordenanza?

7ª.- No Pleno da Corporación do mes de Setembro o Concelleiro de Servizos informaba da decisión adoptada polo Grupo de Goberno pola que se procedería a retirar contedores do lixo en varios lugares da nosa Vila. Cando pensan facer efectiva esa medida e que zonas serán as afectadas?

8ª.- Hai xa semanas que foron colocados en varias fontes da nosa Vila carteis de advertencia ante a non potabilidade das súas augas. Que medidas se tomaron dende o Goberno para solucionar este problema?

9ª.- Ata cando van consentir que Pontedeume siga sendo posiblemente o único Concello de Galicia que permite o estacionamento de vehículos na súa principal zona verde urbana? Para cando pensan pechar a Alameda á entrada de vehículos e devolverlla ós veciños para o seu lecer e esparcemento?.

10ª.- A recente e importante modificación da Lei do Solo, a normativa do POL, e incluso as modificacións que en materia urbanística se están a incorporar na Lei de acompañamento os Presupostos da Xunta de 2011, abren novas vías para a planificación urbanística e obrigan á adaptación do PXOM de Pontedeume actualmente en tramitación, ó incorporarse novos usos e tipoloxías nos asentamentos dos núcleos rurais, e ó establecerse novos ámbitos de protección. Ó abeiro desta nova regulación urbanística, ten previsto o goberno municipal aproveitar as vías que se abren para modificar o PXOM e regularizar de forma definitiva as vivendas de Nogueirosa con licenzas anuladas, e nalgún caso pendentes de derrubo, como están a facer outros Concellos de Galicia en situacións semellantes?.

Onde vai a política social do Goberno Eumés?

22 oct

Cando o Partido Popular chegou ao goberno eumés atopouse con grandes obras iniciadas, outras case que rematadas e outras xa adxudicadas. Así o Sr Torrente  recibiu o edificio da nova Confraría, os novos Almacéns, o CEIP “Couceiro Freijomil”, e a piques de iniciarse a obra de remodelación da fachada marítima,das rotondas da entrada a Pontedeume, da subvención da Deputación ao Campo de Fútbol Municipal… Si a esto sumamos a grande inversión que supuxo os Fondos de Inversión estatal coñecidos como “Plans E” na nosa vila, estamos a falar de un gran  impulso ao engadirse un orzamento millonario da administración estatal coas obras  da anterior Xunta de Galicia .

Estas obras desconxestionaron os orzamentos municipais dos últimos tres anos e contribuíron a que a facenda local continuara saneada e se dera o momento para que as inversións municipais cubriran outras areas vitais para a veciñanza eumesa , as areas sociais.

Lonxe de aproveitar esta circunstancia o goberno eumés, como vimos denunciando toda a lexislatura, abandonou os Servizos Sociais, a Educación, a Sanidade e a Cultura. Areas que non contaban no seu programa e que seguen sen contar na súa xestión política.

Non houbo, nin hai, dotación para mercar terreos para a nova Escola Infantil Municipal, nin para o Centro de Día Público (Si apareceron para facelo privado), nin para aparcadoiros.

Non houbo, nin hai, previsión de gasto nas Escolas Unitarias, déixanse pechar e non xestionan novas utilizacións que dean servicios ás parroquias. Redúcense as axudas para material escolar( De 90 a 60€, e só  para as rendas inferiores a 18000€).Négaselle o conserxe ao colexio de Andrade. Cálase ante as reduccións en Educación por parte da Xunta (Desapareceron dúas escolas, o Centro de Formación e Recursos, reduciuse a dotación de persoal dos centros…)

No eido sanitario o Sr Alcalde dixo en Pleno que solo faría xestión en caso de emerxencia, desfacéndose de parte das súas responsabilidades. Vemos como un Centro de Saúde que non paraba de medrar sofre un parón e marcha atrás. Atopase con salas baleiras esperando que se amplíen servizos,ten  problemas de cobertura de baixas do persoal que incrementan a carga de traballo dos médicos e médicas e prolongan os tempos de espera…

En Cultura vívese entre o continuísmo e a improvisación. Logo de unha forte inversión estatal na rehabilitación da Casa da Cultura está atópase a cotío pechada, carecendo de programación estable. Nin en Pleno informan,nin na páxina do Concello, a prensa non avisan…E a  meirande parte dos veciños non acceden a e escasa oferta cultural por falta de difusión.

Chegándose a extremos insospeitables que raian o mal gusto: Actos tan importantes como a homenaxe a Ramiro Fonte anúncianse dous días antes

e solo  por carteis.A Casa de Cultura non se encheu porque os veciños nos se entearon dada a improvisación que reina na Concellería de Cultura.

Os Servizos Sociais son a irmá máis pobre deste goberno cando foi a xoia máis prezada de gobernos anteriores que os dotaron de persoal e si tiveron sensibilidade social, aínda cando non corrían tan malos tempos.

En Pontedeume mentres a Conselleira de Traballo e Benestar anuncia que “Los dependientes en trámite se quedarán fuera de las ayudas” aínda seguemos sen sacar a concurso a atención a todos os  dependentes con cobertura da Lei de Dependencia, sendo atendidos por unha empresa privada con continuos reparos da Intervención Municipal, mentres, outros moitos dada a lentitude da administración, son “eses” que a Sra. Conselleira di que xa non terán axudas.

Os campamentos Municipais de Verán desapareceron,actividades de verán para adolescentes, non houbo.

O Plan de Solidariedade Municipal aprobado á nosa proposta, por unanimidade no Pleno, segue esperando pola obrigada xestión do Sr Alcalde que parece non ter tempo para programar un Plan que garante que os eumeses máis afectados  pola crise van ter un apoio nos servizos básicos que presta o Concello.

E mentres a Protección Civil úsase para cubrir postos laborais municipais,…

Dende o Grupo Municipal Socialista non deixamos de cuestionarnos:

Esta é a política social que se merecen os homes e mulleres de Pontedeume en épocas de vacas fracas?. Cando vai a investir o Goberno do P.P. de Pontedeume en Educación, Servizos Sociais, Cultura…si non é agora que outras administracións lle fixeron as obras, dotaron aos veciños de  servizos e lle deron un forte impulso económico ao noso Concello?

Moción que presentaremos no vindeiro Pleno Ordinario de Outubro

22 oct

O Noitebús é unha das medidas incluídas no Plan Galego de Seguridade Viaria 2006/2010 posto en marcha polo anterior Goberno da Xunta de Galicia.

Dende a súa posta en marcha tivo unha gran aceptación por parte da mocidade galega, véndose incrementada cada ano a cifra de usuarios e usuarias. O éxito e a aceptación deste servizo fixo que o NoiteBús se consolidadase como unha alternativa real e segura ao emprego do vehículo privado nos desprazamentos nocturnos a zonas de ocio e, sobre todo, como unha medida clara de mellora da seguridade viaria das mozas e mozos galegos e que contribue a reducir a sinestralidade.

O día 20 de setembro de 2010 o Presidente da Xunta de Galicia anunciou a reducción de servizos “adicionais”, un novo tixeiretazo. Neste caso son os mozos e mozas galegos os que o van a sufrir, este novo recorte supón a supresión do servizo de transporte nocturno a lugares de lecer, Noitebús.

O Presidente da Xunta de Galicia sigue sen tomar decisións que supoñan un recorte de gastos realmente superfluos, pero, pola contra, segue coa súa folla de ruta consistente en atacar políticas de benestar social, xa sexan dirixidas a mocidade ou a outros sectores da poboación. Pero neste caso no só estamos a falar dun empeoramento, de recortes das políticas que respercuten no benestar social dos galegos e das galegas, estamos a falar de seguridade, de seguridade viaria. O Señor Núñez Feijoó pretende suprimir un servizo que ten evitado todas as fins de semana numerosas traxedias nas estradas galegas.

O Noitebús ten resultado moi positivo e ten reducido notablemente os sinistros de tráfico vinculados ao ocio nocturno da xente moza.

O pasado mes de xullo na páxina web da Xunta de Galicia  facíanse públicos os datos do número de usuarios e usuarias do NoiteBús entre o 1 e o 25 de xullo de 2010, que ascendían a 35.430 mozos e mozas. Dato do que o Goberno da Xunta de Galicia se gavaba.

Na mesma comunicación na que facían públicos estes datos  falaban de que o éxito deste servizo viña avalado por un continuo incremento da demanda, consolidando o NoiteBús como unha alternativa cada vez máis clara ao vehículo privado. Así mesmo, afirmaban que o Goberno da Xunta de Galicia seguiría impulsando este servizo porque estaban convencidos de que contribuía a salvar vidas

Por todo o dito o Grupo Municipal do Socialista de Pontedeume solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte acordo:

- O Concello de Pontedeume insta a Xunta de Galicia a que asegure a financiación para o mantemento do servizo de transporte nocturno a lugares de lecer coñecido como Noitebús.

APARCAMENTO NA ALAMEDA

20 oct

Dende o Grupo Municipal Socialista viñemos denunciando de forma reiterada diante do goberno local a utilización da Alameda de Rajoy, un dos escasos espazos verdes do casco urbano da nosa Vila, como zona de estacionamento de vehículos, resultando lamentable, especialmente no verano, comprobar como os veciños, e principalmente as persoas maiores, víanse obrigados a convivir nunha zona de esparcemento e lecer cos coches que invadían toda a súa superficie.

A última resposta plenaria dada ós nosos requerimentos polo goberno municipal, foi que, unha vez rematadas as obras da Rúa San Agustín, pechariase a Alameda ó acceso de vehículos. Pois ben, un mes e medio despois das festas patronais e finalizadas hai tempo as obras da devandita rúa, a Alameda segue aberta ó tráfico e os vehículos seguen estacionando no seu interior, coa connivencia do noso goberno, polo que nos vemos na obriga de denunciar públicamente un feito que consideramos non se está a dar en ningún espazo verde urbano dos municipios galegos.

Por todas estas razóns reiteramos a petición para que remate esta utilización insólita e antinatural  da nosa Alameda, que non só perxudica ós veciños que se ven privados do uso normal dunha zona de paseo e lecer, se non que é o motivo do importante deterioro que presenta o seu firme, o que levou ó Pleno da Corporación do pasado mes de Setembro a aprobar unha partida de case 17.000 € para a súa reparación, atendendo así unha iniciativa do noso grupo municipal.

Moción que presentaremos ao vindeiro Pleno Ordinario de Outubro

15 oct

As ultimas decisións adoptadas pola Xunta de Galicia en materia educativa a nivel autonómico están afectándolle gravemente aos centros educativos do noso Concello.

O desmantelamento do sistema educativo público é cada vez mais patente, como demostran duas das súas máis recentes actuacións:

* Desmantelou un sistema de préstamo de libros de texto que estaba a funcionar correctamente e moi viable económicamente, substituíndo por un sistema de axudas que fai que moitos pais que antes non pagaban os libros de texto agora deben pagar  incluso a súa totalidade.

* Sacou un novo “Decreto do plurilingüísmo” que o único que fai é aumentar o gasto na substitución de libros de texto que aínda tiñan unha validez de 3 anos mais por outros en castelán, creando unha problemática social que antes non existía.

As últimas decisións e os RECORTES de persoal, amparados na tan recorrida CRISE, conlevan unha merma na dotación de profesorado nos nosos centros educativos, especialmente no IES “Breamo”  e no CEIP de Andrade.

Tan grave como isto, senón máis, é o esquecemento total da 1ª e fundamental etapa do Ensino: a Educación Infantil. Ante unha demanda de prazas que triplica a oferta, a resposta da Xunta non existe. En Pontedeume o número de prazas creadas na actual lexislatura é cero.

Estas decisións non teñen en conta en ningún momento criterios pedagóxicos, tan só criterios económicos, e van en contra da calidade do ensino  e, polo tanto, do futuro dos nosos fillos e fillas.

As presións realizadas ata o de agora pola Comunidade Educativa, pola Corporación, da que todos e todas formamos parte, e polo Goberno Municipal, non acadaron as melloras esperadas, polo que temos que dar un paso máis na defensa da calidade do ensino e polo tanto do futuro  dos nenos e nenas eumeses.

Por iso, o Grupo Municipal Socialista na Corporación de Pontedeume propón o Pleno adoptar o seguinte acordo, para a súa remisión a Consellería de Educación da Xunta de Galicia:

“A Corporación Municipal de Pontedeume  insta a Consellería de Educación a:

1º.- Dotar dos medios físicos e humanos necesarios para que o 1ª ciclo da Educación Infantil aumente a súa oferta cos parámetros de calidade e cantidade que merece o noso Concello .

2º.- Adoptar as medidas precisas para dotar do profesorado suficiente aos centros do noso Concello, tendo en conta as necesidades educativas e non economicistas coma as que se veñen de aplicar.”

Moción que presentamos no pasado Pleno Ordinario de Setembro: Moción sobre fondos de rehabilitación

7 oct

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

No diario oficial de Galicia de data 19 de Xullo pasado, publicouse a resolución do 1 de Xullo do 2010 do Instituto Galego de Vivenda e Solo, polo que se convocan as subvencións a fondo perdido para a rehabilitación e renovación da calidade das vivendas no medio rural e conxuntos históricos de Galicia.

Ademais da existencia de vivenda rural no conxunto dos concellos galegos, Galicia dispón de mais de 85 Concellos con Cascos Históricos que se estaban a aproveitar desta subvención co obxecto de potenciar e poñer en valor o seu patrimonio histórico-artístico e arquitectónico. Esta tarefa, por parte de moitos Concellos, se estaba a levar a cabo dende fai anos con unha clara vocación política de conservación do mellor do noso patrimonio e dende a coordinación institucional.

Cada ano, o Goberno galego tense involucrado cada vez mais, e as subvencións a rehabilitacións e renovacións de vivendas eran cada vez mais importantes, permitindo o mantemento dunha dinámica de arranxo das edificacións moi beneficiosa tanto para a cidadanía en xeral como para a creación de emprego no ámbito das empresas da construción. Na anterior lexislatura deuse un salto cualitativo moi importante, froito tamén do compromiso coa rehabilitación impulsado dende o Goberno de España a través do Ministerio de Vivenda, e as axudas foron solicitadas por un número moi importante de persoas, redundando todo elo nun mantemento e nunha mellora dos nosos Cascos Históricos certamente notable.

Así, no ano 2009 a subvención por “cédula de rehabilitación de calidade” tiña unhas subvencións máximas que non podían superar o 50% do orzamento total da obra que eran os seguintes:

- Para rehabilitación ano 2009 máximo de 24.000 a fondo perdido por vivenda, que podían ser compatibles con outras subvencións, por exemplo A.R.I. (Areas de Rehabilitación Integral).

- Para a renovación ano 2009 máximo de 30.000 a fondo perdido por vivenda, que podía ser compatible con outras subvencións, A.R.I.

Este ano, dentro das medidas fronte a crise, o Goberno de España ten decidido que as obras de rehabilitación están exentas de pagar o IVE, para impulsar a actividade económica dun sector moi afectado pola actual situación económica e para seguir permitindo que os cidadáns que máis o precisan conten con axudas para ter unha vivenda digna e en condicións de habitabilidade, seguridade e accesibilidade concordantes coas necesidades actuais.

Fronte a esta actitude, o Goberno galego, a través da Resolución do 1 de Xullo, reduce de maneira irracional estas subvencións pasando as obras de rehabilitación de 24.000€ subvencionables a 6.600 €, e as de renovación de

30.000 € do ano 2009 a 8.800 € neste ano. Como podemos comprobar reducíronse un 72% as subvencións a fondo perdido para os particulares,o que vai a provocar innumerables consecuencias todas elas de gran calado:

- Afecta esta decisión a particulares que xa tiñan realizado a obra dada a tramitación dos proxectos, das cédulas e as axudas que se veñen realizando da mesma maneira dende fai 15 anos, reducíndose hasta en 20 mil euros as expectativas das axudas, coas consecuencias imaxinables. Esta decisión provoca un parón irremediable nunha dinámica de rehabilitación de máis dunha década, que servía ó tempo para mellorar os cascos das nosas vilas e cidades e para mellorar as condicións de vida de moita xente e prexudícase de maneira notable a empresas pequenas dedicadas á rehabilitación e á construción que precisaban neste momento de incentivos para a súa actividade económica e o mantemento do emprego.

- Minóranse de maneira importante os ingresos dos concellos a través do ICIO, cando a financiación municipal está pasando un momento difícil

- Redúcense fondos para unha política estratéxica en materia de vivenda mentres a Consellería responsable triplica eses fondos no que dedica a publicidade.

Por todo o exposto, o G. M. Socialista da Corporación Municipal de Pontedeume propón ó Pleno a aprobación do seguinte acordo:

1) Instar á Xunta de Galicia a deixar sen efecto a Resolución publicada o 19 de xullo, incrementando as cantidades incluídas nos fondos de rehabilitación e renovación de vivendas nos Cascos Históricos e no ámbito rural

2) Instar á Xunta de Galicia a converter a rehabilitación nun eixe prioritario para impulsar a actividade das empresas da construción e permitir a mellora das condicións de vida dos galegos e das galegas

3) Levar adiante unha liña de axudas á rehabilitación que permitan o acceso a estes fondos por parte daqueles colectivos que teñen máis dificultades económicas.

4) Instar á Xunta de Galicia a informar ó conxunto da poboación das medidas impulsadas polo Goberno de España no que se refire ó impulso da rehabilitación e da eliminación do IVE destas obras

5) Consensuar coa FEGAMP liñas de acción e axudas para garantir o acceso á vivenda digna polo conxunto da sociedade galega.

———————————————————–

Esta Moción sobre Fondos de Rehabilitación, aínda que presentada en tempo e forma, non constaba na Orde do Día polo que houbo que votar a urxencia. Estraño  filtro antidemocrático que usa habitualmente o Sr. Torrente coas Mocións da oposición, que non aplica ás do seu grupo….

Unha Moción que se aprobou co voto en contra do Grupo Popular e que loita contra a reducción dun 75% nas axudas para rehabilitación e renovación das vivendas no medio rural e conxuntos históricos de Galicia que fixo o actual Goberno da Xunta na Resolución publicada o 19 de Xullo. Sendo o noso un deste 85 Concellos pedimos máis altura de miras do Equipo do Sr. Torrente e que pensaran máis como eumeses que como “pepeiros” máis a súa resposta foi clara e contundente: NON.

O resto de Concelleiros e Concelleiras aprobamos a Moción o que obriga ao  Sr Alcalde a tramitala ante o Goberno Autónomo.

———————————————————-

Comentarios ao Pleno Ordinario de Setembro

2 oct

Nos primeiros puntos do Pleno ademais de aprobar as actas de Plenos anteriores, viña a aprobación de modificacións de crédito ao transferirse o total da contía correspondente á baixa dos soldos dos traballadores e traballadoras do Concello ao presuposto do mesmo.

Có voto favorable por unanimidade de todos os Concelleiros e Concelleiras aprobouse investir eses 46000€ na débeda pública(20.315,15€), na reparación da Alameda de Raxoi (16769,95€), no 2% do IVE que unicamente pagará o Concello da obra do Campo do Eume financiada pola Deputación(5862,07€) e en mobiliario para o Salón de Plenos(4.319,54€).

Na Xunta de Voceiros atenderon á suxestión do noso portavoz de amañar a Alameda dado o alto grao de deterioro no que se atopa ao ser utilizada como aparcadoiro desoíndo as nosas críticas Pleno tras Pleno. Pedimos unha vez máis este mes a volta ao seu uso para o lecer da veciñanza como podedes ver nos Rogos colgados nesta mesa páxina:

No punto 4 da orde do día foi a aprobación do Informe da Conta Xeral  do 2009 realizado pola Intervención do Concello, un informe técnico que retratou perfectamente a Política Económica chea de irregularidades e ilegalidades do goberno actual. Podedes ver toda  a información nesta web e na prensa local.

Ademais no Pleno determinamos os días festivos locais para o 2011: O 8 e 29 de Setembro.

A nosa Moción sobre Fondos de Rehabilitación aínda que presentada en tempo e forma non constaba na Orde do Día polo que houbo que votar a urxencia. Estraño  filtro antidemocrático que usa habitualmente o Sr. Torrente coas Mocións da oposición, que non aplica ás do seu grupo….

Unha Moción que se aprobou co voto en contra do Grupo Popular e que loita contra a reducción dun 75% nas axudas para rehabilitación e renovación das vivendas no medio rural e conxuntos históricos de Galicia que fixo o actual Goberno da Xunta na Resolución publicada o 19 de Xullo. Sendo o noso un deste 85 Concellos pedimos máis altura de miras do Equipo do Sr. Torrente e que pensaran máis como eumeses que como “pepeiros” máis a súa resposta foi clara e contundente: NON. O resto de Concelleiros e Concelleiras aprobamos a Moción o que obriga ao  Sr Alcalde a tramitala ante o Goberno Autónomo.

No apartado de Rogos e Preguntas (que podedes ver tamén neste mesmo blogue) o Goberno eludiu as respostas, embarullounas ou pasou directamente de dar información a pesares de ter as preguntas con varios días de antelación. A súa xestión e tal que optan polo obscurantismo:

  • Na demanda de unha programación estable para a Casa da Cultura que logo dunha forte inversión estatal atopámola a cotío as súas portas pechadas. O Sr Otero anunciou algúns eventos puntuais, animámolo a incluílos nunha ampla planificación e sobre todo a publicitalos debidamente e non que froito da improvisación a que nos teñen afeitos estean as salas baleiras.
  • Nas preguntas de Educación o noso pertinaz cuestionamento da súa política educativa tanto municipal como ante a Xunta elevou a temperatura da sala .O Sr Concelleiro de Educación   deixou ver, unha vez máis, unha postura prepotente e evasiva  ante a nosa denuncia do fracaso deste comezo de curso, cando ademais el foi entrevistarse coa Xefa Territorial de Educación e as melloras que ían xestionar non se viron, senón todo o contrario. Recomendámoslle que escoite á Comunidade Educativa e que a apoie nas súas necesidades ante a Xunta como Concelleiro Eumés.
  • O obscurantismo na resposta á  pregunta sobre o conserxe de CEIP de Andrade foi total: Querían informar de todo o persoal do Concello que pisou algunha vez o colexio antes de manifestarse claramente sobre a súa ilegal opción de mandar persoal de Protección Civil, a cotío e con un horario fixo, a mirar pola seguridade dun centro que ten dereito a ter un conserxe municipal. Non dixeron cando van cubrir dito posto de traballo dun xeito regulamentario.
  • Na pregunta sobre os paneis informativos o voceiro do G.M. Popular “Non sabe cantos”!!!, o custo “sobre” 4000€, non falou de criterios de colocación.
  • A 5ª pregunta  a resposta do Sr. Crespo foi “Non me é posible contestala”…
  • Á pregunta do Mercado Provisional dixo o Sr. Alcalde que xa están iniciadas as obras.
  • Dos soportes dos colectores do lixo o Sr. Crespo, dando unha vez máis mostra da súa ampla educación en democracia, dixo que tivo varios proxectos, o último, o penúltimo, os tres…Optou por non informar de ningún.Non debe estar moi orgulloso do seu traballo nesta area…Tampouco.

Información sobre a Conta Xeral do exercicio 2009 do Concello de Pontedeume

1 oct

No Pleno celebrado no día de onte, 30 de Setembro, aprobouse a Conta Xeral, o documento que reflexa a xestión realizada polo goberno municipal no ámbito económico, financiero, patrimonial e orzamentario no ano 2009.

No Informe emitido pola Intervención municipal, se constata que a situación económico-financiera está saneada, con remanente de tesourería positivo, baixo endebedamento, e con fondos en Tesourería de preto de dous millóns de euros, situación similar á existente cando o actual goberno tomou posesión, pese ó cual tentaron enganar á opinión pública pintando unha situación económica desastrosa do noso Concello que en nada coincidía coa realidade.

Sen embargo o informe da Intervención advirte de varios problemas na xestión económica do goberno municipal no exercicio 2009 que dende o noso grupo, e demáis grupos da oposición municipal, viñemos advertindo ó longo destes anos de forma reiterada:

1º.- Presuposto inflado: no ano 2009 o goberno presupostou no capítulo de Ingresos por impostos e taxas, un millón de euros máis do que realmente recadou.

2º.- Para compensar, tivo que recortar ese millón de euros no capítulo de gastos en bens correntes e servizos, coa conseguinte perda de prestacións e calidade dos servizos por parte de todos os eumeses.

3º.- Necesidade de depuración pola Tesourería dos acreedores pendentes de pago (3.984.195,50 €) coma dos debedores pendentes de cobro (4.226.186,77 €), moitos xa prescritos, que distorsionan a contabilidade municipal.

4º.- Reparos de legalidade. Entre os reparos e informes de fiscalización desfavorables emitidos pola Intervención durante o ano 2009, debemos destacar:

a) Fraccionamento ilegal de contrato: A falla de contrato administrativo en servizos como o mantemento do alumeado público ou a recollida de enseres, denunciado reiteradamente polo noso grupo, e que veñen sendo prestados de forma reiterada e irregular polas mesmas empresas sen que fosen obxecto de licitación algunha, é definido pola Intervención municipal como un fraccionamento ilegal de contrato, instando ó goberno a que regularice a situación formalizando o contrato no modo legal e regulamentariamente establecido para cada caso.

b) Complemento de productividade. O xeito irregular de distribución deste complemento por parte do goberno municipal, omitindo o requisito de que sexa o Pleno o que establezca os criterios de reparto, e discriminando a uns traballadores municipais respecto de outros, é criticado pola Intervención lembrando que resulta inadmisible que o único criterio para o devengo dese complemento sexa ser funcionario, e que nin tan siquera se valore a forma ou especial rendemento no desempeño do seu posto de traballo coma esixe a normativa aplicable.

Todos estes problemas, e outros detectados pola Intervención municipal no seu Informe á Conta Xeral de 2009, e xa presentes en exercicios anteriores, foron obxecto de reiterada denuncia polo noso grupo nos plenos ordinarios e sistemáticamente desoídos polo goberno municipal do PP, que se ve retratado nunha xestión económico-financieira pragada de irregularidades.

Dado que se trata dun documento técnico de rendición obligatoria e correctamente elaborado pola Intervención, e agardando que o Consello de Contas tome medidas para rematar dunha vez por todas coas irregularidades e malas prácticas que ano tras anos se veñen detectando, o noso grupo municipal xunto co BNG e o COE optamos pola abstención, sendo aprobada a Conta Xeral do 2009 cos cinco votos do PP e IEP.

Seguir

Get every new post delivered to your Inbox.