Archivo | septiembre, 2010

Sobre o novo campo de fútbol do Eume Deportivo

30 sep

Ante as dificultades xurdidas a causa dos erros cometidos polo Goberno Municipal na tramitación da documentación necesaria para facer efectivo o Convenio de colaboración entre a Deputación Provincial e o noso Concello con o obxecto de dotar de herba artificial o campo de fútbol da “Gándara”, os socialistas eumeses, ante a ineficacia e ausencia de interese do Grupo de Goberno presidido por Gabriel Torrente, vímonos novamente na obriga de intervir ante o organismo provincial na procura dunha solución, a fin de evitar un novo retraso deste proceso, o que prexudicaría gravemente os intereses do EUME Deportivo.

Tivemos coñecemento a principios da pasada semana  da existencia no expediente referido a este convenio de dous presupostos distintos remitidos á Deputación Provincial polo noso Concello. Un deles acompañado dunha memoria valorada con data de Febreiro de 2010 por importe de 375.000 € e outro con data de Maio de 2010 por 340.000 €, ambos calculados erroneamente ao 16% de IVE, cando terían que estalo ao 18%.

Tanto no convenio proposto entre as dúas administración, como no informe do Servizo de Patrimonio e Contratación do ente provincial figuraba o presuposto de 375.000 €, con unha achega desta de 340.000 €, é dicir do 90.7 % do total, tendo que aportar o Concello o 9.3 % restante, coincidindo con o acordo Plenario do 25/06/2010. Por isto a aparición de outro  presuposto suporía a renegociación dun novo Convenio, ou no mellor dos casos a paralización do existente.

Tendo en conta este grave erro, solicitamos unha reunión con técnicos e responsables políticos do organismo provincial a fin de acadar unha solución a este problema, encontro que tivo lugar o pasado xoves 23 de Setembro, ao que acudiron o Presidente da Comisión de Economía, Facenda e Especial de Contas, Antonio Lagares, o Enxeñeiro Xefe da mesma administración, o Concelleiro do Grupo Municipal Socialista, Bernardo Fernández  e en representación do EUME Deportivo, o seu Presidente, Manuel Costas. Nesa entrevista púxose de manifesto o interese de tódalas partes por atopar unha saída satisfactoria que non supuxese o retraso desta importante e necesaria actuación.

Por todo isto dende a Deputación optouse por propoñer a aprobación dun acordo plenario polo que esta asumiría o 100% do custo da obra, aténdose ao presuposto do proxecto enviado dende o Concello no mes de Maio. Con isto a administración local  só terá que asumir o 2% do incremento do IVE que non se calculara inicialmente, é dicir 5.862,07 €, que poderán ser sufragados con a baixa resultante da licitación da obra, polo que o Concello non tería que aboar nin un só céntimo.

Estas xestións que expuxemos anteriormente permitirán que o Goberno Local saque a obra a concurso a principios do mes de Decembro polo que os traballos poderían comezar en Xaneiro. Esperamos que polo ben do Club e do deporte eumés así sexa.

Preguntas que levamos ao Pleno Ordinario de Setembro

30 sep

1ª.- Cal é a planificación da Casa da Cultura para este Outono-Inverno?.

2ª.- No mes de Xullo, ante unha pregunta do noso grupo sobre as futuras funcións das escolas pechadas, aprazaron a súa resposta á próxima reunión coa responsable provincial. Poden agora informar sobre os resultados da devandita reunión? Que melloras xestionaron para a oferta educativa en Pontedeume?.

3ª.- Cal é a situación laboral do persoal que cobre a garda e custodia do CEIP de Andrade? Ata cando vai durar? Como e cando van sacar a concurso a conserxería do citado centro?.

4ª.- Cal foi o custo dos paneis informativos instalados polo Concello nos últimos días?, Cantos destes elementos se colocaron e cal foi o criterio á hora de decidir a súa localización?

5ª.- Hai xa máis dun mes que por parte da “empresa amiga” se procedeu ao cerramento dos marxes da “Ponte do Cristo” que da acceso á praia de Centroña e á depuradora municipal “incrustando” unha valla metálica na cantería. Elaborouse para esta actuación algún tipo de proxecto?, foron solicitados os pertinentes permisos á Dirección Xeral de Patrimonio así coma á Demarcación de Costas e a RENFE?

6ª.- Nas últimas declaracións  en prensa do Sr. Alcalde daba unha nova data, e xa van tres,  para o inicio das obras do Mercado Provisional, existe algunha novidade ao respecto?

7ª.- Hai xa meses que se procedeu á instalación duns soportes para os contedores nalgunhas zonas da nosa Vila, cantos destes elementos foron colocados e cal foi o seu custo?

Rogos que presentamos no Pleno Ordinario de Setembro

28 sep

1.- Pregamos se modifique a Web do Concello habilitando unha entrada para todas as Concellerías, incluída a de Educación, normalicen o idioma, ou idiomas, da páxina e completena con máis servizos.

2.- Ante a finalización das obras da rúa San Agustín, pregamos o peche da Alameda, impedindo a entrada e estacionamento de vehículos.

3.- Reiterando un rogo de Xaneiro deste ano, e ante a falla de solución do problema, pregamos que polo Concello se requira á empresa Lagares Álvarez para que, cumprindo o seu propio compromiso, peche o  tramo inicial do camiño que discorre entre o final da Rúa Valeriano Villanueva e a estrada da estación, dado o importante desnivel que presenta respecto o patio do edificio colindante, co conseguinte perigo para os viandantes e inseguridade para os veciños.

4.- Pregamos o arranxo do panel informativo situado a carón da Praza de España, aproveitando a ocasión para cumplir coa legalidade en materia lingüística demandada polo noso grupo en varias ocasións.

5.- Pregamos a limpeza e rozado do camiño de Aión na parroquia de Centroña, así como o camiño do Castro en Nogueirosa, colocando neste último un punto de luz á altura do número 97-C que veñen demandando os veciños.

6.- Pregamos o correcto mantemento do Paseo Marítimo ante a imaxe de abandono que presenta dende hai algún tempo.

7.- Pregamos o arranxo do mirador de Cabría diante do lamentable estado que presenta.

8.- Congratulámonos de que despois de tres anos negando que as rúas interiores da Urbanización “Boa Vista” fosen públicas, o grupo de goberno mudase a súa actitude e asumise a realidade. Esperamos así mesmo que teñan claro que zonas desta Urbanización son estrictamente públicas, xa que de non ser así poderían incurrir en delito ao investir fondos públicos en propiedade privada.

9.- Ante o mal estado que presenta a barandilla das escaleiras que dende o patio do Centro de Saúde dan acceso ós terreos municipais situados na parte alta, pregamos se arranxe ou sustitúa, e se limpen de maleza os devanditos terreos que xa invade parte das propias escaleiras.

10.- Na reforma da fachada marítima que transformou o Porto de Pontedeume, chama a atención a escuridade reinante na zona dos edificios da nova Confraría e Almacéns de mariñeiros, que contrasta coa iluminación do resto da zona portuaria, ó carecer os devanditos edificios de luz exterior propia e non ter ese tramo farolas de alumeado. Por eso pregamos que se dirixan a Portos de Galicia para que solventen este problema, que daría maior seguridade á zona e melloraría a estética do noso Porto.

11.- Sorprende que ante unhas festas patronais con tal derroche de celebridades, luz e son, como as que veñen de rematar, o Concello amose tan escasa sensibilidade diante da representación teatral prevista e programada do grupo ARJÉ do IES Breamo, cambiando de ubicación a súa actuación e negándolle o alquiler do palco que veñen utilizando ano tras ano, tendo que levar a cabo a representación en condicións precarias no templete da Alameda, que foi seguida por numeroso público e que, pese a todos os atrancos, resultou un grande éxito grazas ó magnífico traballo de actores, técnicos e responsables do grupo. Polo ben da nosa cultura, pregamos que este tipo de miserias non se repitan no futuro.

Despilfarro de fondos para a adquisición de mobiliario urbano.

26 sep

Hai xa días que o Sr. Alcalde anunciaba na prensa unha partida de 70.000 euros para a adquisición de mobiliario urbano, partida á que o Concello só aportaba o 20% do total por tratarse dunha subvención da Deputación Provincial, dato omitido deliberadamente polo rexedor municipal nun exemplo máis da confrontación institucional na que está instalado dende hai meses.

O Grupo de Goberno decidiu investir esta subvención unicamente na compra de papeleras, bolardos e bancos, adicando á adquisición destes últimos a maior parte dos fondos. Sen estar en contra da instalación deste tipo de elementos naquelas zonas do noso termo municipal onde son necesarios, parécenos un desplifarro que se estean a malgastar miles de euros en substituír bancos que se encontran en prefecto estado, ou que no peor dos casos, só necesitaban dun “pequeno e barato” arranxo. Sirva coma exemplo o da Av Ricardo Sánchez, na que non se entende a profusión destes elementos nunha zona cuias características fan que a súa utilidade sexa cando menos discutible ou a Av. Saavedra Meneses, onde hai dous anos xa se sustituíran algúns deles por outros de ferro, reemplazados á súa vez nos últimos días por uns de madeira; saturando a zona con a instalación de 14 bancos nun espazo de menos de 100 metros, o que a todas luces resulta antiestético e representa un claro exemplo de despilfarro e mal gusto.

Como se pode ver nas fotografías o descrito anteriormente contrasta con o pésimo estado no que se atopan os contedores soterrados localizados na mesma zona; abollados,  sucios e sen portas. Este feito foi denunciado en numerosas ocasións polo noso Grupo, dado o abandono ao que están sometidas todas as “illas ecolóxicas” da nosa vila. Pleno tras Pleno esiximos ao Goberno Municipal o seu arranxo inmediato recibindo sempre por resposta a negativa do responsable deste area, Javier Crespo, quen xustificaba a súa postura aludindo á ausencia de fondos para tal fin. Compre aclarar que estes sistemas de almacenamento de residuos tamén se consideran mobiliario urbano, polo que poderían ser arranxados con cargo a esta achega da Deputación, por desgracia, dende o Grupo de Goberno optouse por non facelo. Esta actitude retrata perfectamente a total ausencia de interese do Alcalde Gabriel Torrente e os seus Concelleiros por solucionar os problemas relacionados con o servizo de limpeza e recollida lixo que afectan á nosa vila.

Por todo o exposto, denunciamos e lamentamos a pésima xestións destes fondos levada a cabo polo Goberno do Partido Popular, que abarrota zonas do casco con bancos, substitúe elementos en perfecto estado de conservación ou non arranxa aqueles que se atopan en pésimas condicións,  mentres outros puntos do noso termo municipal como o mirardor de Cabría, o de Centroña, a parte alta do parque Sarmiento e tantos outros seguen sen apenas mobiliario o con o existente totalmente esnaquizado.

O GRUPO SOCIALISTA ELEVA AO PARLAMENTO AS DEFICIENCIAS DO COMEZO DE CURSO EUMÉS

23 sep

Ante as múltiples recortes de persoal nos centros educativos eumeses o Grupo Parlamentario Socialista presenta ao Parlamento as  preguntas e a Proposición non de Lei que vos achegamos a continuación:

Proposición non de Lei para debate en Comisión

Pregunta á Consellería para resposta por escrito

Pregunta á Consellería para a súa resposta oral en Comisión

Hoxe reabríronse as dúas escolas unitarias do noso Concello, chegaron as mestras titulares antes de que a Xunta nomeara ao persoal substituto.Non por isto debemos deixar de denunciar o abandono da escolarización deste alumnado por parte da Administración Autonómica, en Boebre están a iniciar o curso cando os demais nenos e nenas de Galicia xa levan dúas semanas de clases.

O recorte na dotación do persoal do IES “Breamo” persiste e os nenos e nenas de Infantil de Andrade non teñen mestre de apoio que consta no catálogo de postos de traballo e que fora nomeado en Xuño para desaparecer en Setembro.

AS ESCOLAS UNITARIAS DE PONTEDEUME PECHADAS

22 sep

Hoxe non houbo escola nin en Boebre nin en Ombre ao non cubrir a Consellería de Educación as baixas das mestras. O falta de axilidade no nomeamento de persoal que ven caracterizando este comezo de curso é especialmente grave cando falamos de escolas rurais pois supón o seu peche temporal e o abandono por parte da administración do dereito de educación dos nenos e nenas.

Este feito ven incrementar as  nosas denuncias polo nefasto comezo de curso en Pontedeume: Aínda está por nomear o mestre de apoio a E. Infantil no colexio de Andrade e no IES “Breamo” continúan pasándose da ratio (alumnado por profesor segundo a lei) en E. Física e Plástica e seguen loitando pola continuidade do persoal de Pedagoxía Terapéutica que faga posible unha atención ao alumnado con problemas de aprendizaxe a lo menos similar á do ano pasado.  Urxe o nomeamento de dous profesionais para o IES “Breamo”, outro para o CEIP de Andrade e que se cubran as baixas das dúas unitarias.

Ata agora non existiu unha  xestión educativa municipal eficaz ante a Administración Autonómica polo que  instamos  ao Goberno Municipal á convocatoria urxente do Consello Escolar Municipal para que o concelleiro responsable poda realmente coñecer as múltiples eivas das escolas eumesas neste comezo de curso  e apoiar á Comunidade Educativa na loita polas solucións  que dependan da Xunta e procurar a mellora na problemática que dependa das súas competencias.

Dende o Grupo Municipal Socialista instamos á Xunta de Galicia a impulsar o noso sistema educativo público como elemento estratéxico fundamental para o necesario cambio de modelo económico que nos saque da actual crise e non escudarse nesta para a brutal reducción orzamentaria no ensino público mentres se continúa a incremento no gasto do ensino concertado.

MÚLTIPLES ANOMALÍAS NO COMEZO DE CURSO EUMÉS

10 sep

Este ano, por mor das festas patronais, o alumnado eumés comeza o curso tres días máis tarde co resto dos nenos e nenas galegos. A Consellería de Educación e o Concello de Pontedeume a pesares de contar con máis tempo para preparar a chegada do alumnado ás aulas non acadaron ningunha  mellora con respecto cursos pasados. Lonxe desto empezaremos un curso con falta de persoal, patios inacabados e perigosos, problemas de limpeza… E con unha comunidade escolar que desbordada pola ineficacia das administracións educativa plantéxase anta a falta de un diálogo eficaz diversas medidas de presión (Dimisións, manifestacións, atraso no comezo de curso, etc)

Dende o grupo municipal do PSdeG- PSOE, xa no mes de Xullo lle presentámos ao Goberno Municipal unha serie de medidas que considerabamos imprescindibles para o comezo de curso, en Agosto preguntamos directamente  pola xestión feita dende a Concellería de Educación. O Sr. Crespo coa súa lixeireza e lentitude a todo lle da “largas”, ou ben elude as súas responsabilidades pasándollas á  Xunta de Galicia, máis sen procurar ningún compromiso serio desta.

A súa actitude de desoír a oposición e a mesma con respecto a Comunidade Educativa: Non foi quen de reunir o Consello Escolar Municipal a fin de curso para escoitar as demandas das ANPAS, dirección dos Centros, representantes dos traballadores… O froito desta cegueira política vano  sufrir os nenos e nenas  eumeses e as súas familias dende o luns que os colexios eumeses abrirán as súas portas.

As principais eivas que recollemos estes días a través das queixas das familias e dos traballadores e traballadoras do ensino son as seguintes:

  • Na Escola infantil Municipal quedaron máis de 50 nenos e nenas sen praza,este curso so entraron 25 e mentres o Goberno Municipal  facía oídos xordos ás nosa suxestións, procurar o uso ante a Xunta de Galicia das Escolas de Vizús – Centroña ou de Vilar – Andrade como novas Escolas Infantís, ou a lo menos como Puntos de Atención Infantil, como si conseguiron Concellos veciños.Nin conseguiron parar o peche do Centro de Formación e Recursos,nin  das dúas escolas, nin crearon a 1º praza para os máis pequenos da vila. Así se procura dende o goberno popular a dotación de servizos públicos e  a conciliación da vida familiar e laboral das nais e pais eumeses?
  • O colexio de “Andrade” sigue sen conserxe, desatendendo o Concello a súa responsabilidade de garda e custodia . A  Consellería de Educación non nomeou  un mestre de Apoio a Infantil hoxe normal en calquera centro, pero é imprescindible nun colexio que ademais non ten conserxe que vixíe corredores, baños, porta de saída, etc.
  • A limpeza dos centros segue con problemas, chegando ao extremos insospeitados no caso de “Couceiro Freijomil”, onde se cederon aulas para o Programa Municipal “Argalladas” no mes de xullo e o alumnado terá que comezar as clases nas aulas sucias ao Concello non cubrir as vacacións das limpadoras.Neste mesmo centro tamén os nenos e nenas de infantil seguen sen ver solucionado o seu problema do patio de recreo, que ten un espazo insuficiente, sen pechar e sen o chan adecuado ademais de non ter quitado un xogo que queda perigosamente preto do novo “paredón” da rúa Galera nin ter colocados os novos xogos que almacenados esperan a que o Concello teña a ben mandar poñelos.
  • A reducción no gasto no ensino público da actual Xunta de Galicia e especialmente grave no recorte á dotación de persoal no IES “Breamo”. Instamos á Consellería de Educación  a que atenda as xustas  demandas deste centro e nomee o profesorado que fará posible que non haxa que reagrupar clases , que os nenos e nenas con necesidades educativas especiais teñan os apoios impartidos por especialistas en Pedagoxía Terapéutica que si  tiñan o curso pasado e o alumnado de idiomas poda seguir cos desdobres que permitían que tiveran grupos de conversa e viaxaran por Europa tendo un dominio salientable das linguas estranxeiras…

Dende o noso grupo esiximos ao Concelleiro de Educación responsabilidade e axilidade  na pronta resolución das eivas que dependan da labor municipal e un posicionamento forte e claro ante a Consellería de Educación na defensa, ampliación e melloras dos servizos educativos eumeses. Instámoslle a que abandone a política de partido  seguidista dos dictados de Santiago que están a diminuír os servizos educativos e a poñer atrancos á calidade do ensino eumés e que apoie as xustas reclamacións da Comunidade Educativa como Concelleiro de Pontedeume. O seu labor é xestionar melloras ante a Xunta e nunca aplaudir os recortes educativos que pretenden facer dende a mesma.

Felices festas das Peras!!!!!

6 sep

Seguir

Get every new post delivered to your Inbox.