No pasado Pleno de Agosto presentábase a ordenanza reguladora das bases de concesión de axudas destinada á adquisición de material escolar a familias con escasos recursos económicos para E.Infantil, Primaria e ESO. Van destinadas a aqueles alumnos e alumnas que pertencen a familias con ingresos anuais non superiores a 18000€.
Tróuxose a Pleno con certo atraso con respecto a anos anteriores. Tardanza preocupante se pensamos na experiencia do curso pasado: Aprobouse en Maio de 2009 e non foron efectivas as axudas ata maio deste ano.
Xustificando a súa política de axudas nunha falsa austeridade non incrementan a partida nin un céntimo e diminúen a cuantía de cada axuda de 90€ do curso pasado a 60€ o presente curso.
O Sr Concelleiro de Educación dixo que tiñamos que valorar o esforzo municipal neste ano, xa que non o mesmo para o Concello os 10800€ do ano pasado que os 10800€ deste ano. A nosa resposta foi clara e contundente: Moito máis que as arcas municipais van notar as familias no peto a reducción de 90€ a 60€ .
O PSdeG-PSOE non pode apoiar a austeridade cos máis débiles vendo como ademais malgastan miles de euros, con ou sen reparos de intervención: Recentemente 6000€ no aluguer dunha pantalla para ver a final do Mundial ou privatizando traballos que se facían con empregados municipais, acadándose cuantías infinitamente superiores que o diñeiro que se está a escatimar no material para a educación dos menores da vila.
Esperabamos que reconsideraran este recorte nas axudas, pois como lle comentamos ao Sr. Crespo a Xunta de Galicia esta lonxe de garantir a gratuidade total de libros e as familias teñen que afrontar o custo do libro de matemáticas en castelán (Entre 20 e 30€ ), os caderniños de idiomas( máis de 30€), os libros de lectura (un por trimestre e idioma, arredor de 50€), máis o material de plástica, diccionarios e ademais o que si contemplaba o Sr. Concelleiro de Educación: cadernos, lapis, bolígrafos, gomas etc. As contas non saen, con 90 € sen cubrir o custo total sería unha axuda que posibilitaría o acceso e continuidade nos estudios a quen careza de medios económicos con 60€ non chega á categoría de axuda.
Negáronse a negociar co resto dos grupos unha partida suplementaria de 2700€ o que garantiría 150 axudas de 90€.Obxectivo mínimo se consideramos que o ano pasado déronse 120 axudas de 90€ dun total de 270 solicitudes.
Con esta reducción nas axudas o Sr. Crepo, como responsable da area demostrou ademais da falta de vontade política do Goberno unha escasa solidariedade cos máis necesitados, pois este diñeiro é perfectamente asumible polo noso Concello.
Unha vez máis os dous Concelleiros do Círculo de Opinión Eumés saíron en apoio dos seus ex- socios de goberno, apoiando esta reducción nas axudas, cando viron que o goberno PP quedaba en minoría. E o comezo de curso das familias eumesas con menos recursos económicos será este ano moito máis duro que o pasado.
O Abandono dos servizos á infancia en Pontedeume é un feito dende que goberna o Partido Popular.
Este pleno, estival 100%, comezou coas ausencias da Sra. Carballeira, Concelleira de Servizos Sociais e Sanidade por motivos de saúde, e do Sr. Alcalde, por un asunto familiar. Presidiu o Pleno o Sr. Crespo.

