Hai xa días que estamos a recibir as numerosas queixas de veciños das parroquias ante a falla de limpeza de camiños públicos, fontes e lavadoiros. Situación que puidemos constatar nos mesmos e que xa denunciamos en outras ocasións.
A meirande parte das estradas atópanse invadidos pola maleza, o que dificulta o seu uso para os conductores e representa un perigo para os viandantes, que teñen que facer “auténticas peripecias” para apartárense dos vehículos. Se nos desprazamos dende calquera dos concellos limítrofes á nosa vila non necesitaremos de ningún tipo de sinal que nos indique onde comeza o noso termo municipal, bastará con observar como as silvas e malas hervas ocupan parte dos camiños para darse conta de que xa estamos en Pontedeume.
Similar é a situación na que se atopan as fontes e lavadoiros, cubertos pola maleza e condenados ao abandono polo Concelleiro de Obras e Servizos, quen a pesares do inxente número de rogos presentados polo noso Grupo a este respecto nada fixo para corrixir esta situación.
Desgraciadamente esta é a imaxe da nosa vila que esta a xerar a pésima xestión do Goberno do PP, un lugar abandonado, no que os seus veciños non poden gozar dunhas vías de comunicación en condicións e no que non se conserva o patrimonio, deixando que as fontes e lavadoiros desaparezan baixo a espesura. Este é o resumo de máis de tres anos de goberno de Gabriel Torrente.
Por todo isto, reclamamos ao Concelleiro de Obras e Servizos que cumpra con a súa obriga como responsable deste area e remate dunha vez por todas con a situación de abandono e discriminación á que ten sometidas a algunhas parroquias da nosa vila.


