Archivo | julio, 2010

Actividades culturais este verán? Pois tampouco.

30 jul

No Pleno correspondente ao mes de Xullo celebrado onte presentamos a seguinte pregunta: “Que actividades teñen deseñadas para os  nenos e nenas de máis de 12 anos co fin de paliar a falta de campamentos de verán deste ano? Onde e cando se van realizar?”.

O Concelleiro de Cultura e Voceiro do Goberno respostou que habería Campamento Urbano para os menores de 12 anos e que para os maiores abonda coas actividades deportivas, as culturais colgadas na páxina web e a biblioteca. Ademais voltaron a pobre xustificación para o abandono dos campamentos municipais de non atopar empresas.

Visitando a páxina web do Concello vemos con estupor que ningunha actividade cultural hai programada  para agosto e que en Xullo houbo soamente  dúas: A noite do  9 de Xullo: maxia e a noite do 13: Cine.

A resposta municipal é unha tomadura de pelo para os adolescentes e  as súas familias e tamén para os máis pequenos que viron tamén reducidas as súas opcións ao desaparecer o campamento de xullo que era unha oportunidade para vivir dun xeito lúdico e colectivo a primeira separación da familia. E parécenos irrespectuosa esta resposta xa que sempre está aberta a biblioteca, sempre hai actividades programadas polos clubs deportivos da vila e sempre en verán houbo cine en colaboración coa deputación e teatro e outro tipo de oferta cultural que se complementaba coa oferta municipal de campamentos de verán de Xullo e o C.  Urbano de Agosto.

Dende o noso grupo temos que denunciar un ano máis , e xa e o 3º ano, a perda dun servizo á infancia e mocidade que era o eixo da actividade estival dos nenos e nenas da vila e da contorna. Unha actividade de convivencia, socialización, educativa e lúdica que facilitaba ás familias eumesas a organización do tempo de verán dos seus fillos e fillas e que o Goberno Municipal actual en vez de continuar con unha actividade  con gran demanda e longo percorrido, organizada e dirixida polas técnicas municipais optou por privatizala e fíxoa esmorecer, có agravante de non ofertar ningunha  actividade nova que encha o baleiro que deixan os campamentos no verán dos nosos fillos e fillas.

Denunciamos, unha vez máis, o deficiente servizo de recollida do lixo.

30 jul

Unha vez máis e como ven sendo habitual dende o comezo desta lexislatura o Grupo Municipal Socialista vese na obriga de denunciar o mal funcionamento dun servizo básico.

Nalgunhas zonas da nosa vila, como Andrade, Esteiro ou a Veiga, estiveron máis de seis días sen recollida de lixo. Circunstancia que se agrava debido ás altas temperaturas das últimas datas, o que está a xerar, cos contedores ateigados e con bolsas de desperdicios amoreadas ó seu arredor, unha situación de insalubridade con a aparición de insectos, malos cheiros,…

Desgraciadamente o ocorrido non é un acontecemento puntual nin específico das zonas rurais do noso concello que sofren continuamente os resultados da mala ou inexistente xestión do Goberno de Gabriel Torrente neste area, se non que afecta a todo o termo municipal. O mal estado no que se atopan os contedores soterrados, sucios, sen portas e cheos de “abolladuras” e outro exemplo dunha situación que vimos denunciando dende hai tres anos, o que fai que chamarlles “illas ecolóxicas” sexa todo un exercicio de imaxinación. A pesares disto, dende a Concellería de Servizos, dirixida por Javier Crespo, non se está a investir nin un céntimo no seu arranxo, namentres se malgastan miles de euros contratando de forma irregular á empresa “amiga” para realizar traballos que pode, e debe desempregar o persoal municipal.

Por todo o exposto esiximos ao Goberno do PP que cumpra con a que fora a súa principal promesa electoral, prestando aos veciños e veciñas de Pontedeume un servizo en condicións polo que están a pagar, rematando ademais, con unha situación que da unha pésima imaxe da nosa vila na época na que máis visitantes recibe.

Rogos que levamos ao Pleno Ordinario de Xullo

29 jul

1.- Rogamos prestancia na preparación do comezo de curso, na posta a punto inicial do mantemento exterior e interior dos centros que dependen do Concello, tanto no coidado das zonas verdes como na limpeza xeral que inclúa os cristais, garantindo a seguridade das instalacións do Couceiro próximas á obra da rúa Galera e nomeando o responsable da custodia e mantemento do CEIP de Andrade.

2.- Pedimos ao Sr. Concelleiro de Educación axilidade na tramitación das bolsas para libros de texto e material escolar que deberan axudar a paliar as dificultades económicas das familias eumesas a comezo de curso. Lembrámoslle que o pasado curso chegaron ás familias ao ano da súa aprobación en Pleno xa preto do fin de curso e este ano xa leva un retraso de dous meses e vemos como, sen se quer ter feita a comisión previa á súa achega a Pleno, vende fume á prensa .

3.- Rogamos o rápido e definitivo arranxo do aire acondicionado do Centro de Maiores ante as lóxicas consecuencias nestes días de verán.

4.-Pedimos a planificación do uso da Casa da Cultura para que tódolos eumeses e eumesas vexamos as súas portas sempre abertas a diversas actividades programadas dende o Concello. A inversión estatal amortízase usando a cotío as instalacións dende o máis pequeno ao máis vello do pobo.

5.- Pregamos ao Sr Alcalde respecto polos acordos plenarios xestionando o seu cumprimento con axilidade e eficacia. Vemos como reiteradamente as Mocións aprobadas en Pleno non se executan: Na nosa vila aínda quedan símbolos da dictadura franquista, nada se fixo o 3 de abril do pasado ano para conmemorar as primeiras eleccións democráticas… E o plan de solidariedade municipal ante a crise, coa súa áxil coordinación, vai camiño de chegar cando esta por fin estea rematada, mentres hai familias que pasan necesidades esperando a nosa resposta como institución máis próxima.

6.- Pregamos a limpeza de todas as fontes e lavadoiros do noso termo municipal.

7.- Pregamos a limpeza das rúas interiores da Urbanización Boa Vista.

8.- Pregamos a correcta colocación dos carteis informativos do FEIL 2010 tal e como establece o Real Decreto.

9.- Pregamos se reparen os sumidoiros existentes no tramo final da estrada da Estación, ante o risco de danos a vehículos e persoas.

10.- Ante os problemas de aparcamento xerados pola afluencia de visitante á nosa Vila na tempada estival, pregamos se tomen as medidas necesarias para sancionar a aqueles vehículos que incumpran a normativa de tráfico.

11.- Pregamos o arranxo de dúas farolas que levan fundidas mais dun mes no tramo da Roda da Rúa Alcacer.

12.- Dende hai máis de dous meses diante da casa nº 7 da Avenida Lombardero hai un andamio en non moi bo estado ocupando a vía pública. Na parte traseira da mesma casa, pola Rúa Betanzos, un contenedor cheo de entullo e lixo, e restos de madeira de obra, levan o mesmo tempo ocupando a beirarrúa e a zona de estacionamento, sen que se baleire, retire, e sen que continúen as obras no inmoble, polo que pregamos que polo Concello se tomen medidas diante dos propietarios para que procedan a retirar da vía pública todos os restos de obra que tanto afean unha zona tan transitada da nosa Vila, e que impiden o seu normal uso polos veciños.

13.- Tendo en conta a disponibilidade de persoal adicado á limpeza de praias, pregamos que estas sexan debidamente limpadas, incluída a de Sopazos, cuio tramo final coñecido como “praia das pedras” presenta un estado de total abandono, acumulando na súa beira unha morea de restos de cordas, plásticos e botes baleiros.

14.- Finalizadas as obras de mellora da Estación do Ferrocarril, temos constancia de que o escombro originado coa obra non foi debidamente retirado senon tirado de calqueira maneira detrás dun novo muro construído pola empresa adxudicataria da obra. Pregamos que se poña remedio a esta lamentable situación, lembrándolles unha vez mais que procedan á retirada dunha árbore que permanece tirada na mesma zona dende hai varios meses.

Preguntas que levamos ao Pleno Ordinario de Xullo

27 jul

1ª.- Que actividades teñen deseñadas para os  nenos e nenas de máis de 12 anos co fin de paliar a falta de campamentos de verán deste ano? Onde e cando se van realizar?

2ª.- Fíxose algunha xestión para recuperar o servizo de fisioterapia da Piscina Municipal?

3ª.- Que función pensan darlle aos edificios das antigas escolas de Vizus- Centroña e de Vilar- Campolongo?

4ª.- Poden presentar ao Pleno o Plan Municipal de Formación e Emprego, que  cursos teñen  comprometidos e cales son as datas de celebración? Realizarán o de habilitación para traballar nos postos de traballo creados baixo a Lei de Dependencia? Pensan solicitar algún nivel dos CELGA?

5ª.- Hai un ano presentabamos ante este Pleno o seguinte Rogo: Pregamos axilicen o prego do concurso público de Gran Dependencia, e se valore no mesmo a experiencia en coidados paliativos e na atención ós dependentes da nosa Vila, a oferta de axuda a domicilio reforzada con outros servizos, e que sexan entidades sen ánimo de lucro, tal e como defendemos no seu momento, e que non se tivo en conta ofertándose só a empresas privadas”. Hoxe queremos supoñer que xa estará deseñado o prego, gustaríanos que se recollera a nosa suxestión pero o realmente preocupante e a falta de resposta ante unha situación antirregulamentaria que se prolonga no tempo. En que momento se atopa e cando vai ser traído a Pleno o prego e sacada a concurso a Atención aos doentes dentro da Lei de Gran Dependencia?

6ª.- Nos últimos meses colocáronse nalgunhas parroquias da nosa Vila soportes para os contedores do lixo, poderíanos explicar cales foron os criterios usados a hora decidir as zonas nas que instalalos?

7ª.- En que punto se atopan as xestións para a rehabilitación do Mercado Municipal?,teñen decidida unha localización para as instalacións provisionais?

8ª.- Fíxose algunha xestión para solucionar definitivamente os problemas de abastecemento de auga que están a sufrir dende hai máis dun ano os veciños do número 1 da rúa Cabanas?

9ª.- Quen se encarga de autorizar a colocación de “terrazas” nas rúas da nosa Vila?, cales son os trámites a seguir?

10ª.- Cando van a ser retiradas as “chantas” colocadas á veira do Camiño da Agra na parroquia de Ombre?. Ante o mal estado no que se atopa o camiño, para cando teñen previsto o seu arranxo?

11ª.- Hai xa uns días que se procedeu ao arranxo do camiño da “Veiga”, con que fondos se levou a cabo esta actuación?

12ª.- A causa das obras de mellora da instalación eléctrica para unhas vivendas sitas no camiño que conecta a estrada 4803 con Castrelo (Centroña), secouse a Fonte do Quinteiro e rompeu a canalización de augas sita a uns 150 metros do Restaurante “La Ría”. Que medidas se tomaron dende o Goberno Municipal?

13ª.- Fomos informados de que algunhas empresas da nosa Vila que prestaron os seus servizos ao Concello teñen facturas pendentes de pago por parte da administración local. Cal é a razón de que a día de hoxe aínda non fosen abonadas?

14ª.- Cal vai ser a ubicación definitiva das figuras do oso e o xabarín da Ponte, e cal é a situación das obras das rotondas?

15ª.- Ata cando pensan seguir consentindo que se utilice a Alameda como estacionamento de vehículos?

Abandono nas parroquias

23 jul

Hai xa días que estamos a recibir as numerosas queixas de veciños das parroquias ante a falla de limpeza de camiños públicos, fontes e lavadoiros. Situación que puidemos constatar nos mesmos e que xa denunciamos en outras ocasións.

A meirande parte das estradas atópanse invadidos pola maleza, o que dificulta o seu uso para os conductores e representa un perigo para os viandantes, que teñen que facer “auténticas peripecias” para apartárense dos vehículos. Se nos desprazamos dende calquera dos concellos limítrofes á nosa vila non necesitaremos de ningún tipo de sinal que nos indique onde comeza o noso termo municipal, bastará con observar como as silvas e malas hervas ocupan parte dos camiños para darse conta de que xa estamos en Pontedeume.

Similar é a situación na que se atopan as fontes e lavadoiros, cubertos pola maleza e condenados ao abandono polo Concelleiro de Obras e Servizos, quen a pesares do inxente número de rogos presentados polo noso Grupo a este respecto nada fixo para corrixir esta situación.

Desgraciadamente esta é a imaxe da nosa vila que esta a xerar a pésima xestión do Goberno do PP, un lugar abandonado, no que os seus veciños non poden gozar dunhas vías de comunicación en condicións e no que non se conserva o patrimonio, deixando que as fontes e lavadoiros desaparezan baixo a espesura. Este é o resumo de máis de tres anos de goberno de Gabriel Torrente.

Por todo isto, reclamamos ao Concelleiro de Obras e Servizos que cumpra con a súa obriga como responsable deste area e remate dunha vez por todas con a situación de abandono e discriminación á que ten sometidas a algunhas parroquias da nosa vila.

O Centro de maiores eumés sen aire acondicionado

21 jul

Recollemos as queixas das usuarias e usuarios que, fartos da falta de resposta do goberno local, expresan estes días a todo aquel que quere escoitalos:

Levan máis de un mes sen aire acondicionado. No salón do Centro de Maiores, sen outro tipo de aireación ao estar o edificio soterrado, desenvólvense a cotío as actividades nunha atmosfera morna e viciada.

As clases de educación física realízanse tamén neste único espacio, “axeitado”? para este tipo de actividade coas lóxicas consecuencias de altas temperaturas, asfixias, suores excesivos, etc.

Poñéndoo en coñecemento da Concelleira de Servizos Sociais e do Concelleiro de Obras os maiores de Pontedeume seguen esperando pola solución que poña freo a esta situación tan insán.

A falta de sensibilidade nos temas sociais deste goberno non é nova: Continúan sen sacar a concurso a atención aos gran dependentes, utilizan as sombras dos plataneiros da Alameda de aparcadoiro impedindo o natural uso para o lecer da veciñanza, especialmente a de idade avanzada, que pasaba as tardes charlando nos seus bancos e agora co feito que hoxe denunciamos engaden un chanzo máis á súa ineficaz política social. Ata onde van chegar con esta actitude que día tras día baixa a calidade de vida dos eumeses e eumesas?

Dende o grupo socialista ademais de apoiar as xustísimas demandas dos usuarios e usuarias do Centro de Maiores esixímoslle ao Goberno Local rapidez nas resposta, non vaia ser que chegue antes o inverno e os maiores pasen o verán nun local que semella un cocedoiro de marisco.

O PSdeG-PSOE eumés pide a prohibición do acceso de vehículos á Alameda de Raxoi

20 jul

Dende o Grupo Municipal Socialista pedimos en varios Plenos que se procedese ó peche da Alameda ó estacionamento de vehículos, máxime na tempada de verán, por ser un dos poucos espazos verdes da Vila onde poden pasar o seu tempo de lecer moitos eumeses de diversas xeracións.

Tras a celebración da Feira Medieval e das Festas do Carme, e estando dispoñibles moitas prazas de aparcamento no Instituto de FP, na estrada da Estación ou no Porto, entre outras zonas da Vila, non entendemos que se continúe obrigando ós veciños de todas as idades, especialmente persoas maiores, a compartir a Alameda con os coches, un problema que se ve agudizado polo peche do Parque Sarmiento ó resultar afectado polas obras da rotonda.

Por todas estas razóns pedímoslle ó goberno municipal que prohiba o acceso de vehículos á Alameda de Raxoi, pechando a entrada, e permitindo que todos os eumeses poidan disfrutar libremente deste céntrico espazo verde da nosa Vila como dende sempre viñeron facendo.

O Castelo de Andrade, un dos principais atractivos turísticos de Pontedeume, atópase pechado ao público

15 jul

Dende o noso grupo xa denunciamos en días pasados a drástica  reducción de medios humanos adicados ao  sector turístico na nosa vila. Os visitantes de Pontedeume veñen sufrindo este verán os efectos desta mala xestión do sector turístico e cultural do goberno do Sr Torrente.

Cando soben á Pena Leboreira (a 3 quilómetros da vila, na parroquia de Nogueirosa) para visitar a fortaleza dos Andrade e  contemplar dende o cumio do Castelo as marabillosas vistas do golfo Ártabro, do val do Eume e da Confluencia das rías da Coruña, Ares e Ferrol atópanse coa benvida dunha cadea que pecha o acceso ao castelo que mandou construír Fernán Pérez de Andrade e que tivo un salientable papel nas Revoltas Irmandiñas. Monumento este que tamén padece un gran atraso no seu alumeado artístico, retraio que  tamén teñen as rotondas de entrada a vila pola tardanza na retirada da zona das obras do Oso e do Xabaril por parte do Concello ou a utilización da Casa da Cultura que logo  dunha forte inversión estatal na súa rehabilitación no pasado ano se atopa na actualidade pechada e sen planificación propia. Pasou de ser un edificio vivo e cheo de actividade co goberno anterior a outro monumento máis cerrado e baleiro de contido co goberno actual.

Unha vez máis temos que acusar  a ineficaz  xestión municipal  que debendo planificar a temporada estival, de cuxo éxito depende en parte a economía do comercio eumés, dificulta o acceso do turismo a Pontedeume con unha pobre planificación cultural, obras interrompidas, e edificios históricos pechados.

Denunciamos unha vez máis o mal funcionamento do servizo de mantemento do alumeado público derivado, en parte, do “empecinamento” do Goberno Municipal de non sacar a concurso a súa concesión

14 jul

Denunciamos en numerosas ocasións a situación na que dende hai tres anos se encontra o servizo de mantemento do alumeado público na nosa vila, contratado de forma irregular, tal e como consta nos sucesivos informes emitidos pola intervención municipal, á mesma empresa. A pesares do tempo transcorrido e da profusión de denuncias presentadas polo noso Grupo, dende o Goberno Municipal,  e máis concretamente a Concellería de Obras e Servizos dirixida por Javier Crespo, non se tomou ningunha medida para garantir a súa correcta prestación así coma o cumprimento do establecido pola lei para este tipo de contratos.

Novamente temos que falar de zonas da nosa vila que están a sufrir as consecuencias do interese do concelleiro responsable deste area por prorrogar a situación de privilexio na que se atopan a súas “empresas amigas”, sacrificando para elo a correcta prestación deste servizo básico e aboando “relixiosamente” mes a mes todas as facturas presentadas, a pesares dos reparos da intervención municipal.

É o caso da Av. de Ricardo Sánchez ou da Av. Da Coruña, sumidas dende hai días na escuridade, o que está a xerar numerosas queixas e malestar entre os cidadáns; por non falar da situación de perigo xerada dende hai semanas por unha farola da Av. De Raxoi que se atopa descolgada sobre a rúa, sostida unicamente por un cable.

Por todo o exposto anteriormente reclamamos ao Goberno Municipal que solucione os problemas que están a sofrir os veciños destas importantes vías da nosa vila e que cumplan con a legalidade sacando a concurso a concesión do mantemento do alumeado público. Así mesmo, mostramos a nosa firme decisión de continuar denunciando tantas veces como sexa necesario estas “prácticas irregulares” namentres non se corrixan.

CAMPEONES!!!

12 jul

Seguir

Get every new post delivered to your Inbox.