Archivo | marzo, 2010

Comentarios sobre o pasado Pleno de Marzo

29 mar

Este Pleno do mes de marzo diferenciase dos anteriores basicamente no gran número de mocións. Achegadas dende o noso grupo e dende o B.N.G. en tempo e forma, e que a pesares dos días de adianto na entrega do texto completo, o Sr. Alcalde non tivo a ben metelas na orde do día e houbo que votar a urxencia.

Vimos como non votaron a urxencia á nosa contra, sobre a supresión por parte da Xunta do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do home e da muller, e como o COE  fixo unha vez máis a súa xa cotiá política de seguídesmo, e foron os únicos que acompañaron ao PP no apoio a este recorte nas políticas de igualdade que, baseándose nunha falsa austeridade, quere facer o Sr Feijoo. A moción saíu aprobada cos votos da oposición.Tamén se aprobou, por unanimidade, a que insta ao Concello á elaboración dun Inventario de Bens e Dereitos de titularidade municipal.

A sorpresa veu cando xa rematabamos o punto das mocións e o Sr Alcalde balbuce unha moción sen dar o texto con días de adianto, como lle esixe a oposición, nin sequera a copia no momento, coa desculpa de que lle chegara a media mañá sobre o transporte comarcal. Aprobouse a pesares da falta de forma democrática na súa presentación e case como un acto de fe, dada a pouca elocuencia e expresividade do Sr. Alcalde. Mais tendo este enfronte, unha oposición cun concepto de responsabilidade máis alto do que o goberno do PP fai gala, e mirando polos intereses do pobo a pesares do seu chapuceiro goberno.

As preguntas, a pesares de estar presentadas con días de antelación, tiveron a resposta á que en liñas xerais nos ten acostumados o goberno. Cando non resposta que “proximamente”, xustifica a súa irresponsabilidade, ou a súa ineficacia no goberno anterior, que despois de tres anos xa soa un pouco a vello.

Na primeira pregunta que ía sobre o funcionamento dos servizos de axuda aos máis necesitados, e que no caso dos enfermos e dependentes está externalizado con reparo de intervención posto que non se saca a concurso xa vai máis dun ano, a Sra. Carballeira pretendía eludir unha vez máis a resposta chegando incluso a dicir que dende a oposición non achegabamos propostas.

Despois de lembrarlle a variedade ampla de intervencións, suxestións, rogos e preguntas que fixemos dende o grupo municipal do PSdeG- PSOE, denunciamos os reiterados incumprimentos das melloras en materia social da Concellería da que é responsable:

• Cos dependentes mantendo nunha situación ilegal a atención aos Grandes dependentes
• Ao non engadir nin unha praza de Educacion Infantil,
• Ao non constituír o Consello Municipal da Muller
• Ao non xestionar un centro de Día Público para Pontedeume.

Pedímoslle unha postura firme na defensa dos Servizos Sociais ante a Alcaldía, ante o Goberno Municipal e unha Xunta que segue a asfixiar aos concellos ao reter os fondos estatais para a dependencia, de xeito que son os concellos os que teñen que xestionar as axudas cos seus propios recursos. A isto engádese o novo decreto que supón máis obrigas para os concellos e menos para a Xunta.

Esiximos todas e todos dende os Concellos, como administración máis próxima a cidadanía, á Xunta, ou ben a revisión do novo  decreto ou a dotación dos medios necesarios para facelo efectivo. A Xunta está a reducir os seus deberes nesta materia, mais esixe máis postos de traballo municipais, como supoñiamos que coñece a Concelleira, para acceder aos beneficios do Plan Concertado, e continua có atraso nas valoracións, e coa ameaza de frear o avance en Galicia da denominada Lei de Dependencia.

Na cuestión de novas prazas para o 1º ciclo de Educación Infantil, xa non contestou a Sra. Carballeira, parece que dende o goberno decidiron que pasara a ser responsabilidade do Sr. Crespo, aínda que o resultado non cambiou: Seguen co nº de prazas insuficiente, que si herdaron do goberno anterior, mais tamén herdaron un proxecto de 2ª Escola Infantil, que satisfaría a demanda actual, e que non souberon ou quixeron facer realidade.

O da Cultura neste Goberno Municipal e aproveitar o anterior, e menos mal!. O día da Poesía non se celebrou, e o día da árbore e do Medioambiente quedou reducido a un acto na Escola Infantil. Nun Concello privilexiado en canto á súa contorna e que debería valorar e fomentar o seu coidado e preparar o futuro programando actos para toda a cidadanía. E o Sr. Otero aínda por riba cabréase ante este tipo de preguntas nas que non facemos máis que cuestionalo sobre as súas responsabilidades.

Pero ollando a páxina do Concello http://www.pontedeume.es/ vemos unha mostra do enfoque cultural do actual goberno: Hai que pescudar moito  para atopar algunha referencia a ARTXOVE, onde estes días amosan as súas producións fotográficas, pictóricas ou escultóricas 67 xoves artistas. Pola contra hai unha ampla información dos actos relixiosos, con horario de Misa e confesión incluída. Mentres O Paso, que é un acto diferenciado, da nosa Semana Santa, o máis característico e exportable para o turismo non aparece.Será que non o organiza a Igrexa?…

Na pregunta sobre as prazas de Policía Local, están pendentes de poder publicalas “proximamente”.

Na limpeza da vila sobre os colectores soterrados, que xa doutra vez dixeron que estaban a facer un estudo, agora sabemos que traballan en positivo e que para as illas ecolóxicas están elaborando un proxecto de reparación integral. Non dixeron data pero benvido sexa, pois vai para tres anos que nin sequera os baldean.

As demais respostas foron máis baleiras de contido, se cabe:
• Non lle consta ao Sr. Crespo que siga o cable no camiño de Riolongo a Bouzalonga.
• Non se poden poñer as bandas rugosas en Andrade.
• No que atinxe ao cambio no uso da varredora din que na súa política so lles rexe unha razón: “mellorar” (Pois a poden aplicar mais a cotío…)
• En canto o traslado ao Concello, pode que a remates de Abril se comece o cambio. Do reloxo de momento nada, pero cando cambien para a Casa Consistorial poñeranse a amañalo (non o entendemos…)

La hora del Planeta. WWF-ADENA

27 mar

Rogos que levamos ao Pleno de Marzo

26 mar

1.- Rogamos que para evitar os graffitis tomen medidas de vixilancia, prevean os mesmos con programas municipais eficaces e impidan a súa acumulación con unha xestión rápida da súa limpeza, en vez de tomar medidas que podan vulnerar o dereito a intimidade de toda a veciñanza.

2.- Ante a proximidade de eventos na nosa vila (Feira Medieval, X Torneo Intemacional Minibasquet Alevín Concello de Pontedeume, Baixada do Eume…) que poden facer que se multipliquen o número de persoas que nos visitan, rogamos que dende o Concello faciliten o traballo das organizacións que os programan cun deseño de aparcamentos e desprazamentos, garantindo a dispoñibilidade, limpeza e seguridade dos espazos a utilizar e colaborando na coordinación dos mesmos.

3.- Rogamos o rápido arranxo da cuberta do pavillón municipal da Casqueira, que converte, os días de frío ou choiva, nunha pista de patinaxe a súa cancha. Así como os problemas coa presión da auga que impide o bo funcionamento das duchas e sofren a cotío os máis de 200 deportistas que utilizan esta instalación municipal cada semana.

4.- Rogamos xestionen o peche dos acesos da pista superior do “Couceiro Freijomil” á parte inferior do centro, para que así poda ser utilizada por toda a veciñanza ás tardes, baixo o control e organización da Administración Municipal.

5.- Ante o paso do gaseoducto polo noso Concello, rogamos se interesen pola posibilidade de que os eumeses e eumesas podamos desfrutar das vantaxes de ter o denominado “Gas Ciudad” nos domicilios.

6.- Rogamos informen ó Pleno das circunstancias do verquido á ría de lixivia que tivo lugar antonte na Praza Rosalía, e que se adopten no futuro as medidas necesarias para evitar calquera outro verquido, público ou privado, á nosa ría.

7.- Rogamos a posta en funcionamento da estación de bombeo sita nas inmediacións da Igrexa de Centroña, xa que dende hai tempo o colector está a verter directamente na ría.

8.- Reiteramos o rogo de que se proceda ó arranxo de dúas farolas avariadas da Rúa Alcacer.

9.- Rogamos que, tan pronto se poida, se retire o cartelón do Plan E dos xardíns da Casa da Cultura.

10.- Rogamos se estude a posibilidade de substituir o alumeado do Camiño Estreito, a base de báculos, por farolas máis axeitadas ó seu carácter urbano.

11.- Rogamos que se proceda á colocación de sendas barandas de protección nun tramo da estrada da estación, despois da ponte que cruza a vía, e en Esteiro, en fronte da Cantina Río Covés, para garantir a seguridade dos peóns diante do perigo que conleva o importante desnivel existente entre a marxe exterior da beirarrua e as hortas colindantes.

12- Tendo coñecemento de que a ONG WWF-ADENA puxo outro ano máis en marcha a campaña ‘La hora del planeta” coa que se pretende implicar á sociedade civil, ás Administracións Públicas e ao tecido económico-empresarial na loita contra o cambio climático cunhas accións conxuntas e simultáneas. Rogamos ao grupo de goberno que se sumen ao evento que propÓn que o vindeiro sábado 27 de marzo e durante unha hora de 20:30 a 2l:30, as administracións publicas apaguen as calefaccións, luces de funcionamento e luces decorativas de monumentos e edificios públicos, como modo de concienciar sobre o aforro enerxético necesario para frear o cambio climático.

Ausencia total de programación municipal na area de formación e emprego

26 mar

Ante a proximidade da volta da administración local eumesa para o reformado edificio da rúa Real, dende o grupo municipal socialista interesámonos no pleno de este mes pola programación para o Centro de Formación e Emprego.

Coidando que tras un longo descanso debido á súa utilización como sede do Concello voltaría a estar cheo coas actividades para o que foi deseñado e que tan importantes son para o futuro económico da nosa vila.

Cuestionado o Concelleiro responsable da area, Sr. Otero, sobre o tan ansiado curso de Atención “socio-sanitaria en domicilio” que homologaría para os postos de traballo creados pola Lei de Dependencia, polas escolas obradoiros ou por outro tipo de proxectos, dende o goberno municipal a resposta sempre foi igual de deseeperanzadora:

• Non se vai facer curso de Atención “socio-sanitaria en domicilio”.
• Non haberá Escolas Obradoiro.
• Non hai programación municipal, esperan que a Xunta conceda algún curso FIP cara ao ano que ven.

Vai para tres anos que o FOREMDES está baleiro de contido.Un Concello co privilexio de ter un local para formación, para facilitar o desenvolvemento de novas empresas, para achegar aos xoves ao emprego e o Concelleiro non ten programación ningunha.

Este é outro claro exemplo da falta de compromiso do goberno eumés con un area básica para o desenvolvemento da nosa vila e co futuro laboral da mocidade de Pontedeume.

Preguntas que levamos ao Pleno Ordinario de Marzo

23 mar

1ª.- Que sucede coa nova ordenanza dos servizos de Axuda a Domicilio e Gran Dependencia? Por que continúan coa situación antirregulamentaria en Gran Dependencia, e cando van a sacar a súa xestión a concurso público? Remitiu a Consellería o documento solicitado na última comisión informativa?

2ª.- Fixeron algunha xestión eficaz para ampliar a oferta educativa do 1º ciclo de Educación Infantil?.

3ª.- Fíxose algunha xestión dende o Concello para que a meirande parte das familias eumesas que optan por enviar aos seus fillos e fillas á escola pública poidan ter servizos básicos para a conciliación da vida familiar e laboral como son a apertura temperá de centros con servizo de almorzo e o comedor escolar?.

4ª.- Cal foi a programación da Concellería de Cultura para o Día da Poesía e para o Día do Árbore?.

5ª.- Cara a volta ao funcionamento de seu do Centro de Formación e Emprego, pensan ofertar o curso de Atención Sociosanitaria en Domicilio, e cando? Vanse reeditar as Escolas Obradoiro? Que programación teñen deseñada?.

6ª.- Hai uns días poidemos ler na prensa a intención do goberno municipal de sacar a concurso as prazas vacante de Policía Local, proceso xa anunciado noutras ocasións se que chegase a facerse efectivo. En que fase se atopa este proceso?.

7ª.- Dende hai meses vimos pregando pleno tras pleno o arranxo e limpeza dos contedores soterrados, sen que dende o goberno se tome medida algunha. Cal é a razón desta negativa?.

8ª.- No mes de Novembro pregabamos o arranxo dun cable do alumeado público tirado no camiño de Riolongo a Bouzalonga. Cal é a razón pola que a día de hoxe se atope no mesmo estado.

9ª.- Fíxose algunha xestión por parte do Concello para a colocación de bandas rugosas na estrada AC-151 ao seu paso pola parroquia de Andrade?.

10ª.- No pleno de Novembro preguntabamos cal era a razón pola que non se estaba a utilizar a barredora vial, respostando o Concelleiro responsable da área que só se utilizaba de vez en cando xa que, debido ó bó funcionamento do servizo de limpeza, non era necesaria a súa presenza diaria. Hai unhas datas se anunciaba na prensa por parte do Sr. Alcalde a posta en marcha dun “plan especial” para a mellora do servizo que contemplaba como “medida estrela” a utilización do mencionado aparello, chegando a garantir co seu uso a mellora da recollida do lixo nas parroquias. Cal é a razón deste cambio de criterio por parte do grupo de goberno?.

11ª.-  Dicía San Ignacio que en tempo de tribulación non debe haber mudanza. Cando prevé o goberno municipal que rematará por fin ese tempo e asistiremos á mudanza das dependencias municipais á Casa do Concello? É posible levar a cabo o comprometido arranxo do reloxo da torre antes desa mudanza, ou existe unha íntima vinculación entre ambos sucesos?.

Moción que levaremos, para o seu debate e aprobación, ao vindeiro Pleno de Marzo

18 mar

Son moitos os logros acadados nos últimos anos en materia de igualdade tanto a nivel estatal como autonómico, nomeadamente en materia lexislativa. Nembargantes, son moitas as actuacións que restan por implementar, pois unicamente lexislando non se pode acadar a igualdade real entre mulleres e homes.

E moito o que queda por facer e moitos os mandatos legais autonómicos pendentes de cumprirse e desenrolarse. O actual goberno da Xunta de Galicia atópase nunha situación de parálise xeneralizada e, en particular, no que atinxe á igualdade.

Pero, neste caso, non só estamos falando de inacción, de desidia e de falta de interese nas políticas de igualdade por parte do goberno da Xunta de Galicia, se non da aniquilación dun organismo consolidado na realización de políticas de igualdade, o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do home e da muller.

O Servizo Galego de Promoción da Igualdade do home e da muller creouse no ano 91 a través da aprobación da Lei 3/1991 de 14 de xaneiro.

O obxectivo que marcaba a Lei 3/1991 de creación do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller era e é o de promover a igualdade de dereitos e a non discriminación entre homes e mulleres, a participación e integración das mulleres na vida social, cultural, económica e política de Galicia. A promoción da igualdade nun ámbito familiar, laboral e político.

Para o vindeiro ano celebraríase o 20 aniversario da posta en marcha dun organismo autónomo na actualidade a adscrito á Secretaría Xeral da Igualdade da Presidencia da Xunta de Galicia segundo establece o Decreto 325/2009 do 18 de xuño. Este organismo conta ademais con outro órgano superior integrado por representantes de todas as Consellerías do Goberno de Galicia xunto con cinco persoas de relevante prestixio no eido das ciencias sociais, económicas e xurídicas designadas polo Consello da Xunta. Entre as funcións do Consello do SGI atópase a de coordinar a actividade das distintas Consellerías dirixida a consecución dos obxectivos do SGI.

Un órgano que, ata o de agora, ningunha forza política cuestionaba. Pero vimos de atoparnos con que na páxina web do SGI hai un Anteproxecto de Lei no que se propón, entre outras cousas, a supresión do  Servizo Galego de Promoción da Igualdade do home e da muller.

Proponse a supresión dun órgano que, con máis intensidade nunhas ocasións e con menos noutras, se encargou de defender os dereitos da muller galega, de poñer en marcha numerosas campañas para sensibilizar a cidadanía e para loitar por acadar a igualdade do oportunidades entre as mulleres e os homes galegos.

Non está de máis lembrar que entre as funcións deste órgano están:

a) O estudio da situación da muller galega nos eidos legal, educativo, sanitario, social e cultural.

b)    O estudio e seguimento da lexislación vixente naqueles aspectos que afecten ó principio de igualdade e elaborar propostas de modificacións de normas que o dificulten ou impidan.

c)    A coordinación de todos os traballos e actividades que desenvolvan os distintos departamentos da Xunta en temas que afecten a situación da muller.

d)    Esixir o cumprimento da lexislación laboral no relativo á xornada de traballo, condicións laborais, prestacións sociais e igualdade de remuneración.

A exposición de motivos da Lei 3/1991 recolle que este organismo debería existir mentres persistiran calquera tipo das situacións de discriminación que deron lugar a súa existencia.

E segundo este anteproxecto de lei a supresión deste órgano motívaa a austeridade.

Por todo o exposto, dende o Grupo  Municipal Socialista de  Pontedeume non compartimos que sexan as políticas de igualdade as que teñan que sufrir os recortes orzamentarios motivados pola austeridade.

Así mesmo consideramos fundamental a pervivencia deste organismo porque seguen existindo as múltiples formas de discriminación que motivaron a súa creación, razóns que nos levan a presentar a seguinte proposición para o seu debate en Pleno:

O  Grupo Municipal Socialista de Pontedeume insta ao Concello de Pontedeume para que inste a Xunta de Galicia para que non suprima o organismo autónomo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do home e da muller.

Discurso de Pachi Vázquez no debate sobre o estado da Autonomía

17 mar

Moción que presentamos para o seu debate e aprobación no vindeiro Pleno de Marzo

17 mar

A Lei 33/2003, de 3 de Novembro, de Patrimonio das Administracións Públicas, sinala no seu artigo 32.1 que “as administracións públicas están obrigadas a inventariar os bens e dereitos que integran o seu patrimonio, facendo constar, co suficiente detalle, as mencións necesarias para a súa identificación e as que resulten precisas para reflexar a súa situación xurídica e o destiño ou uso a que están sendo adicados”, engadindo no apartado 4 do mesmo artigo que o inventario patrimonial das entidades locais incluirá, cando menos, os bens inmobeis e os dereitos reais sobre os mesmos.

Esta obrigación legal non está a ser cumprida no Concello de Pontedeume, máxime tendo en conta o incremento do patrimonio municipal ó longo destes anos, o que supón unha importante desprotección e unha inseguridade xurídica que afecta tanto ós bens demaniais e patrimoniais de titularidade municipal, como ás propias relacións entre o Concello e os administrados.

Cremos que xa é tempo de pór fin a tan anómala situación, mediante a redacción dun inventario de bens de titularidade municipal -inmobeis, dereitos, infraestruturas, mobeis, etc.-, e a súa inscripción nos correspondentes rexistros, dotando así ó noso patrimonio da protección xurídica necesaria, e rematando coa inseguridade que a falla deste instrumento veu afectando ás relacións entre a administración municipal e os veciños.

Por todo o exposto, o Grupo Municipal Socialista do Concello de Pontedeume propón ó Pleno da Corporación  Municipal a adopción do seguinte

ACORDO:

“O Concello de Pontedeume porá en marcha as accións necesarias para a elaboración dun Inventario de Bens e Dereitos de titularidade municipal, dando así cumprimento ó mandato contido na vixente Lei de Patrimonio das Administracións Públicas”.

Novo Boletín Municipal.- Especial Economía

10 mar

Xa tedes á vosa disposición o novo Boletín Municipal do PSdeG-PSOE eumés. Neste caso, e debido á importancia das últimas novas de carácter económico, fixemos este especial Economía

Descárgao aquí, ou na sección DESCARGAS

Esperando a que escampe.

2 mar

O 1 de marzo do pasado ano, Galicia decidiu cambiar a cor política da Xunta. Non o fixo en número de votos, pero si en número de escanos. En abril do 2009, cos votos dos 38 deputados e deputadas do PP, Alberto Núñez Feijóo foi investido presidente do Goberno galego.

Desto vai facer un ano, e a pregunta que todos nos facemos é se estamos mellor agora que daquela.

A avaliación deste primeiro ano de goberno de Feijóo non pode ser máis negativa. Galicia retrocedeu significativamente, e o fixo, sobre todo, naquelas cuestións consideradas relevantes e transcendentais para o país. As primeiras, o desemprego e a situación económica, que son a máxima preocupación dos cidadáns, e deberían ser o obxectivo prioritario da Xunta.

Pero non é así, como se deduce dos últimos datos estatísticos, que amosan que dende o mes de outubro pasado o paro crece en Galicia por riba da media estatal española, ata acadar en xaneiro deste ano a cifra récord de 231.628 desempregados, que é a máis elevada dende que se realizan estatísticas de paro rexistrado en Galicia, é dicir, dende 1996.

A variación interanual do paro rexistrado en Galicia, en marzo de 2009, mantiña un diferencial en relación co Estado de 24,7 puntos: o incremento en Galicia era do 32% fronte ao 56,7% que tiña o Estado. Dez meses despois, en xaneiro, a diferencia redúcese a só 6,6 puntos.

O resto dos indicadores da coxuntura económica non son máis alentadores: A taxa de ocupación descendeu en máis dun punto nestes últimos dez meses, cunha reducción de 56.200 persoas. Hai 31.000 afiliados menos á Seguridade Social. Cada hora pérdese da orde de catro postos de traballo, e un deles corresponde a un autónomo. Son 24.144 os traballadores implicados nun ERE. Dende abril de 2009 ao final de ano, os traballadores implicados nun ERE foron 16.356, o que supera nun 140% todos os do ano precedente. A creación de sociedades descendeu ao nivel do ano 1997, con 2.757 pymes pechadas en Galicia no ano 2009. Un ano no que se crearon 1.504 empresas menos que no 2008. E un ano no que desapareceron un total de 1.046 explotacións lácteas ou gandeiras.

Hai un dato especialmente preocupante para Galicia. Nos dez meses de goberno de Feijóo o PIB galego contraeuse en 2,5 puntos, medio punto por riba da contracción do Estado, que foi de 2 puntos, cando no primeiro trimestre do 2009, a economía galega perdeu 1,2 puntos, mentres a do Estado o facía en 2,7 puntos.

Todo esto é resultado dunha política de falsa austeridade, que agocha unha actitude manifesta de recortes e falla de iniciativas, derivando nunha parálise perceptible polos cidadáns e os empresarios. De feito, o rumbo que sigue Galicia fai totalmente inoperativo ao sector público, que debería ser un acicate contra a crise, e non incentiva ao sector privado.

De aí que outra das promesas máis publicitadas por Feijóo fose a rebaixa no tramo autonómico do IRPF, que non se producirá ata que pase a crise, segundo manifestou o propio presidente hai unhas semanas. E de aí que esteamos ante un dos períodos de máis baixa licitación de obra pública.

O resultado deste primeiro ano de goberno do PP é o do retroceso en promoción do emprego e reactivación económica; en políticas sociais, como a educación, a sanidade e a dependencia, coa supresión da gratuidade dos libros de texto e o incremento notable nas listas de espera tanto cirúrxicas como para consultas; e na defensa dos valores de Galicia, como é o noso idioma e o noso patrimonio natural e cultural.

Unha boa mostra desto último é a pésima xestión do Xacobeo, que só recibe laios e críticas, e está a ser o peor Xacobeo que se lembre.

Se hai un termo que sintetice de xeito preciso o modus operandi deste goberno, ese é o do “enfrontamento”. É dicir, botarlle as culpas os demais, e esperar a que escampe. Unha actitude propia dun goberno mediocre e ineficaz, como o que temos.

As expectativas creadas hai agora un ano, que suscitaron o cambio de goberno, foron quedando polo camiño en menos tempo do que era previsible para un goberno con maioría absoluta que aseguraba ter a chave de todas as portas do futuro de Galicia.

E esto é para preocuparnos.

Pachi Vazquez, Secretario Xeral do PSdeG-PSOE

Seguir

Get every new post delivered to your Inbox.