A punto de cumprirse cinco anos da promulgación da Lei Integral de Medidas Urxentes contra a Violencia de Xénero, é a hora de recoñecer o que este marco legal supuxo para a sociedade e a súa transcendencia a nivel mundial: esta medida legal foi imprescindible para que a mentalización social en contra destes crimes calara fondo na sociedade e en especial transcendencia para acadar a protección das vítimas de malos tratos e a figura de respecto e dignidade que foron obtendo as mulleres ao longo estes anos
A Lei Integral demostrou ser un eficaz instrumento. Moitos teñen sido os malos tratos evitados e os asasinatos non cometidos que, grazas á valentía das vítimas e á colaboración cidadá se impediron. Moitas son tamén as mulleres que son, foron e serán protexidas e salvadas dunha situación de grave risco físico e psíquico. E moitos son os e as menores e maiores que puideron saír da espiral de terror e crueldade que os malos tratos significan, grazas a esta Lei e ao seu desenvolvemento.
Pero tamén, e grazas ás referencias marcadas pola Lei Integral, son moitas as persoas que identifican e rexeitan a violencia que existía en costumes e hábitos disfrazados de normalidade.
Neste tempo, as campañas de mentalización social produciron os seus froitos e os enormes medios cos que a Lei foi dotada foron decisivos para minorar os efectos deste terrible atavismo.
Pese a todo isto, esta Lei debe ter percorrido e debe ser complementada e perfeccionada á vista dos datos que amosan os resultados da súa aplicación.
Exactamente igual pasa ca Lei Galega para a Prevención e Tratamento Integral da Violencia de Xénero, texto lexislativo aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia e que necesita un pulo importante da administración galega para ser desenvolvida na súa totalidade.
Non podemos pasar por alto que sobreviven mensaxes tanto nas familias e na educación como nos medios de comunicación, na publicidade, na televisión e nos videoxogos que seguen retransmitindo unha imaxe da muller que denigra profundamente o seu papel e a súa situación na sociedade, que a despreza e a anula.
Esta imaxe, terxiversada e malévola, pode calar na mocidade, nos homes e mulleres mozos que aínda están formando a súa personalidade e lles fai reproducir esta violencia. Así, vemos que a idade dos maltratadores e das vítimas é cada vez menor e que os casos de maltrato aumentaron nas franxas de idade inferior a 30 anos.
Isto indica con claridade que o traballo débese intensificar para que a percepción social das mulleres non siga sendo unha imaxe dependente nin de dominación. A educación en valores implica colocar o papel da muller como persoa en igualdade de dereitos e para elo, a educación, tanto na familia como nas aulas, debe ser o eixo das vindeiras actuacións. O desenvolvemento de programas específicos contra a Violencia de Xénero nas Escolas, Institutos e Universidades debe abordarse como o puntal definitivo para rematar ca violencia de xénero.
Pero tamén un compromiso más explícito nos pais e nais para que cuestionen todo aquilo que contribúa á perpetuación dos roles da desigualdade, e para que manden mensaxes directas aos seus fillo se fillas neste senso.
O traballo que queda por facer é moito, e non so no noso país. Aínda existen países en Europa que nin sequera cuantifican os asasinatos por violencia de xénero e nos que estes non son considerados como específicos de violencia contra as mulleres. Entendemos que se debe corrixir este problema durante a Presidencia Española da Unión Europea a partir de Xaneiro de 2010 e para o que xa se anunciou un primeiro paso definitivo, a creación do Observatorio Europeo de Violencia de Xénero e a posta en marcha da Orden de Protección Europea que implicará un nivel de protección uniforme para as vítimas de violencia de xénero en todos os Estados da Unión.
Estamos nun momento no que a sociedade debe asir, aínda con máis decisión, as rendas do cambio de valores na mocidade e faga un chamamento ao respecto, á dignidade, ao valor social imprescindible das mulleres como suxeitos posuidores os dereitos fundamentais á liberdade, á igualdade e á integridade.
O futuro non é só a chegada do tempo esperado. O futuro debe ser construído e esa construción debe ser levantada sobre os piares dos dereitos humanos, de todos eles, si falta algún, como agora sucede ca Igualdade, o futuro nunca chegará. Será como dar voltas atrapados nun burato negro no que o pasado sempre aparecerá ameazante. É certo que todos e todas debemos construír o futuro, pero tamén é verdade que a aportación dos mozos e das mozas é decisiva para que o espazo conquistado sexa un lugar de convivencia onde se atopen a igualdade ca liberdade, e a xustiza ca dignidade. E entón, simplemente, convivir.


