O colapso administrativo é tal no noso Concello que outro mes máis non puidemos nin aprobar actas de plenos anteriores.
O que si se trouxo a Pleno foi a probación provisional das ordenanzas fiscais nº 9,15 e 28 polas taxas da rede de saneamento, subministro de auga e pola prestación do servizo público de piscina e ximnasio respectivamente. Ao longo do exercicio anterior levamos varias veces as nosas queixas pola suba excesiva destas taxas ante unha previsión superior ao IPC que realmente houbo o ano pasado. Este ano as taxas baixaranse un punto, esperando dende o equipo técnico que así se compense o sobrecusto de tres puntos ou máis da revisión anterior, e como dixo o Concelleiro de Facenda, Sr. Otero“La baja se basa en la solicitud del Partido Socialista”.
Antes aprobamos o convenio de colaboración entre Portos e o Concello para a ordenación da Fachada Marítima, o único novidoso e que levou ao debate, foi a condición de poñer, libre de cargas e gravámenes, a execución por parte de Portos a ampliación da rúa Galera coidando, dende o noso grupo, que xa que Portos se encarga de facer unha rúa municipal e xusto que dende o Concello se cumpra esa cláusula.
O punto 6 da orde do día, a aprobación inicial do expediente de modificación de crédito por suplemento de crédito, foi a que iniciou a suba de temperatura neste Pleno. Agás o COE, que voltou a demostrar que cada vez que o Goberno Municipal está en aprietos, esquecen que están na oposición (ou non o están?), e apoiou a ampliación de crédito. Todos os demais compoñentes da bancada da oposición criticamos o descontrol económico do Goberno do PP que está a levar á bancarrota as arcas municipais, que atopou saneadas, incluso con remanente de tesourería de 653.239€ e agora tras esta última modificación só conta con 53.000€ e iso co orzamento que eles quixeron, aprobado en Pleno e que xa foi criticado dende o noso grupo por ser excesivamente optimista en canto a ingresos e polo que están a demostrar nada realista e cando menos irregular en canto a gastos, como demostran os continuos reparos que fai o interventor á xestión económica deste minigoberno do Partido Popular.
Logo de acordar a delegación de competencias na deputación provincial da Coruña en materia de instrucción de expedientes sancionadores por infracción en materia de tráfico pasamos aos rogos e preguntas que por parte do noso grupo os tedes nesta mesma páxina
En canto as preguntas que fixemos:
1ª.- Que xestións realizaron dende o goberno municipal para que nos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano 2010 comprometan as partidas necesarias para facer realidade o Centro de Día e a Escola Infantil para a nosa Vila? Con que resultados?.
Non fixeron nada baseándose en que como non son quén de ofertar terreos nin para unha cousa, nin para a outra, para que ían solicitar á Xunta que contara con nós nos seus orzamentos. Botámoslles en cara as declaracións do Alcalde en prensa apoiando o borrador dos orzamentos da Xunta onde de arredor de 300 mil€ adicados co último goberno de Fraga a Pontedeume ou arredor do millón de € cada ano do Goberno do Sr. Touriño, pasamos a non aparecer nos orzamentos da Xunta anunciando as alegacións ao borrador dos orzamentos que o noso grupo si vai presentar para que poda ser realidade o Centro de DIA, Escola Infantil, Club Firrete, …
2ª.- Xa que a Concellería de Educación non ten programadas actividades fora do horario escolar para o 1º trimestre do curso 2009-2010, e tendo en conta a escasa actividade do Planet este ano, que proxectos teñen para o tempo de lecer da mocidade?.
As políticas sociais están no ADN do socialismo, e isto é algo máis que unha frase. Sentimos especialmente a perda de servizos , a deixadez e a lixeireza con que se toma o Sr. Crespo os problemas educativos da Vila, e quen di o Concelleiro dí o Alcalde, que non sabe por onde anda e non se decata que está a chocar coa sensibilidade da xente. En contraposición, á nova concelleira polo menos se lle ve respectuosa e aínda que a realidade é igualmente decepciónante a lo menos coas súas palabras intenta transmitir esperanza. O Concelleiro de Educación respostou desdicíndose das súas declaración no pleno de xullo e dicindo que algo fará este trimestre. Amosou o que a Concelleira descoñecía, que o Planet só funcionara de marzo a maio e dixo que procuraría que comezase en decembro- xaneiro
3ª.- En que momento se atopa o proceso de concesión das bolsas de libros e material escolar? Cal foi o número de solicitudes? Vaise tomar algunha medida de reforzo en vista das peculiaridades deste comezo de curso?.
Recepcionáronse moitas pero non aclarou cando ían chegar ás familias. Medida a tomar ningunha, posto que este ano, según o PP, os nenos e nenas de Pontedeume recibiron máis axudas que nunca…
4ª.- Por que aínda está por convocar o regulamentario Consello Escolar Municipal de comezo de curso? Por que nin sequera constituíron o Consello Municipal da Muller?.
Dixo o Concelleiro de Educación que para facilitarlle o traballo aos Centros e darse conta dos problemas que teñen. Dixémoslle directamente que non nos tomara o pelo e que está pisoteándo os dereitos democráticos da poboación eumesa e que a ordenanza redactada polo propio concello, é a que fala da obriga de reunilo a comezos de curso. Para sondear os problemas dos centros e apoiar dende o Concello na resolución dos mesmos non pode haber mellor foro, ao sr Crespo polo que se ve non llo parece, e así vamos… A Concelleira apoiou a nosa demanda e dixo que nos reuniríamos no futuro, dicindo ademais que non entendía porque en máis de 2 anos nin sequera constituíran o CMM
5ª.- Ante a constante demanda das agrupacións dun local, e tendo espazos nos baixos do edificio do Xulgado, por que non se ceden algúns destes locais públicos como se fixo con outras asociacións que xa dispoñen dos mesmos?
Disto de momento non van facer nada. Xa estudiarán, non se comprometeron en cando, a solución á demanda de locais por parte das asociacións eumesas
6ª.- Xa está máis que superado o concurso menor de Gran Dependencia e levamos todo o ano esperando polo prego do concurso público de Gran Dependencia. Unha vez adaptado o regulamento e a ordenanza á nova Lei de xaneiro de 2009, por que aínda no se trouxo a Pleno?.
Aquí remitiunos tamén a unha futura reunión…
7ª.- Tras reiterados e infructuosos rogos efectuados polo noso grupo en esta sede, fíxose por parte do goberno municipal algunha xestión diante da agrupación local do PP para que procedan á retirada dun cartel electoral dese partido que pendura dunha farola de alumeado público do noso casco histórico dende hai cinco meses?.
Agora, despois de meses, din que si que o quitarán, supoñemos que o Partido…
8ª.- Cal foi o balance económico das Festas da Peras deste ano 2009?.
Non o teñen aínda feito. Aproveitamos para denunciar que aínda non fixeran público o do ano pasado, tamén solicitado por nós en Pleno
9ª.-No mes de xullo preséntabasenos aos Grupos da Oposición o proxecto do novo Mercado Municipal, houbo algúnha novidade ao respecto?. Fíxose xa algunha xestión ante a Xunta para a adquisición e posterior derrubo do edificio da “agraria”?. De levarse a cabo o proxecto, ten decidido o Goberno Municipal algunha ubicación para o mercado provisional?.
Tiveron xestións, algunha conversa, pero aínda nada en firme.
10ª.-Tivemos coñecemento estos días da admisión a trámite do recurso contencioso-administrativo interposto pola Confederación Intersindical Galega (CIG) contra a resolución da alcaldía relativa á aprobación da Oferta Pública de Emprego; tendo en conta o descrito anteriormente, qué medidas ten pensado tomar o Goberno Municipal?, Contempla en algún caso a retirada da mesma?
Non contempla a retirada da mesma
11ª.-Qué xestións se fixeron dende o Grupo de Goberno ante as inundacións do novo CEIP “Couceiro Freijomil”?, contémplase algunha modificación da obra de remodelación da fachada marítima?.
As xestións deron seu froito e está solucionado o problema. Replicámoslles que o puideron ter feito hai máis dun ano. Din que non lles fixeron caso na Xunta a comezos de Setembro e que tiveron que esperar a que o colexio se inundara tres veces, e cando viron a reacción da Comunidade Educativa, entón e so entón, respostaron.
Claro que hai moitos máis problemas en Educación, no Couceiro e nos outros Centros, pero o Sr. Crespo, aínda non escoitou ao Consello Escolar Municipal e vendo as súas actuacións parece que a ninguén máis que teña que ver coa realidade educativa eumesa. Aínda que di que fixo unha sondaxe e pais, nais, nenos e nenas felicitárono polo incremento de actividades…. e iso que perdeu a subvencións para as subvencións de fora de horario escolar por non poder xustificalas…!!! Con quen falaría???
12ª.-Cando ten pensado o Goberno Municipal trasladarse á Casa do Concello?
Polo Nadal


