Archivo | 3:18 pm

COMENTARIOS AO PLENO DE AGOSTO

28 ago

Vimos dun Pleno con un pulso máis baixo do que xa nos ten afeito o Sr. Alcalde. As propostas do Goberno xa son baixas normalmente e o grupo municipal do P.P. vestiuse de Agosto e só tivo que proporlle ao Pleno, a agrupación de dúas parcelas no Vidreiro promovida por unha empresa de montaxes, máis as dacións de contas e aprobación de actas rutinarias.

Unha vez máis a oposición encheu de contido ao máximo órgano de representación democrática da nosa vila coas súas denuncias recollidas no punto de rogos e preguntas.

Dende o grupo municipal do PSdeG-PSOE presentámolos rogos e preguntas que como cada mes podedes consultar este mesmo blogue.

As respostas foron en xeral bastante planas e baleiras de contido cando non se evaden no “no me consta, no tenemos conocimiento, o se está tramitando”.

Pouco dixeron, mais en algo si se comprometeron, e esperemos que o fagan realidade:

• O cambio ao edificio do Concello farase ao termo das vacacións dos empregados municipais, para Outubro esperemos estar xa Praza Real.

Non se conseguiron  axudas para a reforma da planta alta polo que xa entregada a obra e cos traballadores nos seus postos farase a mudanza de FOREMDES ao edificio do Concello. Pero xa o Pregón das Festas sera dende o balcón do Concello.

• En cuestión de Formación a cousa vai de mal en peor, aínda non se sabe cando se vai facer o curso de Axuda a Domicilio homologado para Gran Dependencia, parece que a lo menos teñen intención de solicitalo e de dos 11 cursos FIP solicitados, o Sr. Alcalde aclarou que haberá dous, pero non sabía moi ben cales….., nin dixo cando…., nin onde…..

• Procurarán contratar unha 2ª educadora familiar, dependendo da consecución das axudas. Esperemos que estas nin se perdan nin se devolvan.

• Proximamente Servizos Sociais quedará sen Traballadora Social, non se fixo xestión algunha para cubrir a praza da 1ª que era ademais coordinadora e para as vacacións da 2ª cubriranse có traballo dos outros técnicos.

Dende o noso grupo advertimos á Concelleira responsable, que aínda está aterrando no seu posto, que pese a boa vontade dos traballadores hai documentación que só se pode tramitar se vai asinada por unha traballadora social e pódense  retrasar expedientes, perder axudas… Pese a eso o Sr. Torrente confirmou que non tiñan intención de reforzar o servizo.

• No que a Educación se refire sacamos o compromiso do Sr. Alcalde de que, a diferencia do curso pasado, este ano as faltas das traballadoras da limpeza nos colexios cubriranse de inmediato, non se comprometeu tanto no conserxe do CEIP de Andrade: aínda que o Sr. Crespo en principio dicía que si habería conserxe este curso, o Sr. Alcalde dixo que só cando se saquen a concurso as prazas… Cando será?

• En canto ás Festas das Peras, este ano si bailarán os Mómaros o 7 á saída na Praza Real. Comprometéronse a prever e garantir a seguridade, cousa que non puido ser o ano pasado.

Sorpréndennos con facer o día 10,  San Nicolás, día da Batalla Naval, que xa colapsa o tráfico e desborda todas as previsións ano tras ano, a verbena na Praza do Conde.

Advertimos dos riscos de colapso da saída do Casco ó pechar a rúa Couceiro Freijomil, do incremento do deterioro do firme da Praza, dos atascos en Saavedra Meneses, Estrada de Centroña,… Desexamos que todo vaia ben pero o día non nos parece o máis axeitado.

• Para os baixos libres no edificio dos Xulgados hai moitas solicitudes, e non os ceden nin ao Pontumio nin a ninguén.  Mentres non deciden, os baixos están en desuso e as asociacións deportivas e culturales sen local. Xestionar é decidir, e non demorar por non quedar mal con ninguén, prexudica a todos.

• Non sabían do vertedoiro de Vista Alegre mais comprometéronse a solucionalo. Non lles constaba que houberan tellados de lousa e tamén van miralo.

• Non fixeron xestións có edificio da Agraria, esperemos que logo non se demore a obra do Mercado por falta de previsións do Goberno Municipal. De momento é un pre-proxecto…

• Os veciños de Ombre para o Sr. Crespo “non teñen queixa ningunha, é o PSOE quen “malmete”, todos están encantados”.

Por iso veuse forzado ante as protestas a facer melloras sobre a marcha que aínda así non levaron aos veciños a estar totalmente dacordo. O noso grupo denunciou a ineptitude e desidia da Concellería de Obras e Servizos dirixida polo Sr. Crespo,  incapaz tanto de garantir a dotación deste servizo básico  para todos os veciños da parroquia coma de cumprir con as súas obrigas como promotores da obra, é dicir, vixilancia, control e seguimento da mesma, o que houbese evitado as numerosas molestias causadas.

• Da mancha pestilente procedente da depuradora na zona da Macuca non sabían nada pois non recibiran denuncia.

Na sección de Rogos escoitaron e esperemos que tomaran boa nota.

Rogos que presentamos no Pleno Ordinario de Agosto

28 ago

1.- Dende hai tempo vénse pola Vila moitas farolas coas bombillas fundidas, polo que pregamos que, por quen corresponda, se proceda á súa sustitución.

2.- Pregamos que polo Concello se axilice a remisión ó Xulgado dos expedientes matrimoniais, tendo xurdido problemas a algúns contraíntes ó non poder obter en tempo certificación acreditativa ou o Libro de Familia.

3.- Pregamos a retirada e sustitución do contenedor de vidro situado na Avenida de Raxoi, que se atopa dende hai bastante tempo roto pola súa base, dando sensación de abandono ó estar as botellas espalladas pola zona, a mesma sensación que produce que, a día de hoxe e dende hai case tres meses, continúe pendurado dunha farola pública do centro da Vila, un cartel electoral do partido ó que pertencen os membros do grupo de goberno.

4.- Veciños da parte alta da Rúa Fontenova, nos fan chegar as súas queixas polo mal estado do camiño coñecido por “Penedos ou Espenedos”, que comunica esa Rúa coa estrada de Breamo, ó estar invadido pola maleza dificultando o tránsito das persoas. Pregamos que, polo Concello ou por quen corresponda, se proceda ó seu rozado e limpeza.

5.- Ante a próxima celebración das nosas festas patronais, pregamos se prevea a presencia de Protección Civil na xira ó Río Eume do día 11 de Setembro, como se está a facer en celebracións similares noutros Concellos.

6.- Fronte a esperanzadora noticia de que o Plan de Infraestructuras Xudiciais 2010-2017 da Xunta, abra a posibilidade de que Pontedeume recupere a súa cabeceira de Partido Xudicial, pregamos ó goberno municipal faga todas as xestións precisas para que poida chegar a ser unha realidade, nas que poderá contar co apoio de todos os grupos desta Corporación, que no seu día apoiamos de forma unánime unha moción en tal sentido.

7.- Pregamos que se poña ó día a páxina web do Concello, aproveitando para, alomenos, cambiar o nome da Concelleira e anunciar o programa das festas.

Seguir

Get every new post delivered to your Inbox.