Acábanse de cumprir dous anos dende a chegada do goberno municipal do PP ó noso Concello, unha etapa caracterizada polo retroceso na xestión e un claro deterioro institucional, e que podemos resumir en tres termos que veñen presidindo a súa actuación: inestabilidade, autoritarismo e escurantismo.
En todo este tempo, o PP non foi quen de formar unha mínima maioría estable de goberno para tentar sacar adiante os proxectos necesarios para o desenvolvemento da nosa Vila, e para afrontar os problemas que vimos sufrindo os eumeses, algo ao que se comprometeron no incumprido programa co que se presentaron ás eleccións municipais, deixando no camiño un fugaz pacto co COE e a unha concelleira do seu propio grupo.
O baixo perfil do goberno municipal, a súa funcionarización, e a falla de interese e liderazgo do Alcalde diante dos retos que temos prantexados, vénse substituídos por actitudes autoritarias e de menosprezo aos grupos que integramos a oposición, desoíndo as nosas aportacións, desprezando o noso labor, e acusándonos, xunto coa herdanza presuntamente recibida, da súa propia incompetencia e falla de iniciativa.
Este clima de confrontación contamina toda a actuación do noso goberno, o que o leva a serios e continuos enfrontamentos co persoal municipal, e a rexeitar e obviar os informes e recomendacións que lles fan os seus técnicos, non tendo reparo algún en saltarse os procedementos establecidos co fin de seguir beneficiando a achegados e a empresas amigas, nun claro exemplo de nepotismo e de actuar fraudulento que ven de denunciar un recente informe da propia intervención municipal.
Os socialistas eumeses, dende a nosa responsabilidade como grupo maioritario da oposición, seguiremos a ofrecer alternativas, traballando en positivo, controlando ao goberno, aportando iniciativas e apoiando todas as que resulten beneficiosas para a nosa Vila e para os nosos veciños, porque Pontedeume non se pode permitir, nin merece, outro bienio de desidia e desgoberno.


