PREGUNTAS
1ª.- Avaliáronse as V Xornadas de Xogos Populares Eumeses programadas pola Concellería de Deportes dentro das actividades das Letras Galegas?
2ª.- Pénsase reeditar o Campamento Urbano? Que tipo de xestión vai ter?
3ª.- Hai algunha novidade no funcionamento da Escola Infantil “Chalé Rosa” cara o vindeiro curso?
4ª.- Que accións e xestións se están a facer para garantir a seguridade do CEIP “Cruceiro Freijomil”?
5ª.- Cantas persoas á data de hoxe están recoñecidas como dependentes? Cando van ser atendidas? Algunha delas estaba atendida polo Servicio de Axuda a Domicilio municipal? Que vai suceder coas traballadoras municipais que atendían a estas persoas cando pasen ao SAD de dependentes?
6ª.- Estase levando a cabo polo goberno municipal algunha xestión coa actual dirección de Portos de Galicia, para modificar o proxecto que xa se está a executar no Porto de Pontedeume?
7ª.- Que problemas presenta o edificio que se está rematando de construir no tramo inicial da Rúa Fontenova?
ROGOS
1.- Rematadas as obras da Rúa Ferreiros, e retirados os materiais e maquinaria colocados na Avenida de Raxoi que parecían xustificar a medida por perda de aparcamentos, non entendemos que se continúe permitindo o estacionamento de vehículos dentro da Alameda, e que se interrumpa nas inmediacións o acceso peonil coa presenza da terraza dun bar. Pregamos de novo que se impida o acceso de vehículos a esta zona verde do noso Concello, e a eliminación de obstáculos nos seus accesos.
2.- Ante a inminencia do inicio da tempada estival, reiteramos a nosa petición de colocación dunha nova ducha na Praia de Sopazos, e a retirada da vella da zona, se aínda non se fixo.
3.- Pregamos a limpeza e rozado do mirador de Centroña.
4.- Estando próximo o fin de curso escolar, pregamos se convoque o máis axiña posible o Consello Escolar Municipal.
5.- Nun dos primeiros Plenos desta lexislatura, destacabamos a importancia da boa conservación dos libros do Rexistro Civil de Pontedeume, polo seu valor intrínseco e porque reflicten a evolución histórica da nosa Vila, interesando que o Concello procedese ó arranxo e encadernación dos libros que se atopan en mal estado, téndose xa investido ó redor de 6.000 € no ano 2000. Nunha recente visita por motivos profesionais deste portavoz ó Xulgado de Paz de Ares, poido comprobar a renovación das súas instalacións e a perfecta encadernación da totalidade dos seus libros, así como a fermosa remodelación da Sala de Vistas pensada, dun modo especial, en dotar ás bodas civís dun marco digno e axeitado. Pregamos ó goberno municipal que siga esa mesma liña e axilice as xestións para restaurar os libros do noso Rexistro Civil que se atopan en mal estado, que son os mais antigos, e inicie as actuacións necesarias para mellorar e renovar as instalacións do noso Xulgado.
6.- A mellor forma de evitar que circulen comentarios e rumores sobre temas de especial relevancia para os veciños do noso Concello, é actuar con transparencia e facilitar información. É por iso polo que pregamos que dende o goberno municipal se informe de forma regular ós grupos municipais e ós eumeses en xeral, sobre o estado da tramitación do PXOM, dadas as expectativas creadas e o longo tempo transcorrido.



A isto se lle chama política de altos vós: a ducha de Sopazos, o mirador de Centroña, os xogos populares e o aparcadoiro de Raxoi.
A tenor das preguntas calquera deduciría que, no fondo, estades satisfeitos coa labor do Concello
A min as preguntas parecenme apropiadas, o peor serán as respostas do PP, pois que non fixeron nada de nada.