O Grupo Municipal Socialista de Pontedeume, pedirá, entre outras cousas, ao Goberno Municipal no Pleno Ordinario que se celebrará mañá, xoves, a través dunha pregunta, que se proceda á revisión á baixa da modificación efectuada no Pleno do pasado mes de Outubro, das taxas por saneamento, subministro de auga, piscina municipal e recollida de lixo.
O motivo desta petición radica en que as devanditas taxas foron modificadas ao alza en base a unha previsión de inflación para o ano 2008 do 4,5%, índice utilizado para o cálculo do importe das mesmas que deberían aboar os veciños e veciñas do Concello durante o ano 2009.
A realidade é que o índice de inflación correspondente ao ano 2008, foi finalmente do 1,4% (máis de 3 puntos de desfase coa previsión), que é o que resulta aplicable especialmente naqueles servizos que foron obxecto de concesión a mans privadas -auga, saneamento e piscina municipal- polo que os eumeses e eumesas estamos pagando un sobrecusto que debe ser corrixido, máxime nos tempos de crise que estamos a vivir.
En base a estes datos, os socialistas preguntarán ao Goberno eumés se pensan modificar á baixa as taxas sinaladas, para acomodalas ao dato real de inflación do ano 2008, agardando que a súa resposta sexa positiva e se faga efectiva no menor tempo posible, chegando así aos veciños e veciñas canto antes.


