Archive for 28/08/08

Resumo das intervencións do Grupo Municipal Socialista no Pleno Ordinario de Agosto

Punto da Orde do día: Ordenanza reguladora do prezo público pola prestación do servicio de axuda a domicilio a persoas valoradas como dependentes según a lei 39/2006 (“LEI DE DEPENDENCIA”).

Dende o grupo municipal do PSdeG- PSOE queremos expresar có noso voto afirmativo o apoio  a unha ordenanza pola que levabamos meses esperando, como primeiro chanzo que implique a corresponsabilidade do noso goberno en facer realidade os dereitos que os dependentes da nosa vila teñen ao abeiro da lei.

Mais non queremos deixar de denunciar a lentitude na toma de decisións, as dúbidas e inseguridade da Concelleira responsable desta area.  Aprobar este regulamento non é máis que o primeiro paso.

Xa sabemos dende o Pleno de Maio que van externalizar os servicios, mais, como e cando, non. Os 150.000 € de Dependencia mais os 49.000 € do Plan Concertado son para invertelos nos necesitados, é o seu dereito e a nosa obriga é facer estas axudas efectivas dun xeito eficaz. Aí está o fallo, vamos tarde e mal, o peor para os afectados sempre, pero non temos que esquecer que estes cartos hai que xustificalos e podería darse o caso, a esta velocidade  na xestión dos recursos, de ter que falar neste Pleno, outra vez, de perda de axudas xa concedidas.

Rogos e Preguntas

1º Pregamos o arranxo dos seguintes problemas detectados na zona do Barro:

-    Reposición da placa da parte alta da Avda. Castelao ao resultar ilexible por faltarlle as letras
-    Arranxo do firme na saída do Barro á estrada Nacional, vindo do Souto da Vila, dado o seu pésimo estado.
-    Reposición das reixas de desagüe que cruzan a rúa e que faltan á altura da entrada da estrada a Breamo, polo perigo que supó para vehículos e persoas.
-    Rozado da maleza que cubre a beirarrúa entre o Barro e o Souto da Vila.

2º Reiteramos a petición de arranxo do vial que baixa á praia de Centroña, e dun modo especial a explanada de diante da Igrexa que está totalmente levantada.

3º Tendo en conta os pagos que se están a facer a diversas empresas, pregamos se nos informe sobre cando está previsto realizar o concurso para a contratación do mantemento do alumeado público no noso Concello, e que está funcionando mal como no caso da Ponte de Pedra onde non funcionan a metade das farolas.

4º Ante as numerosas queixas que se están a producir en relación coa implantación da “zona azul” na Praza do Conde, sobre a falta de discos horarios e información de lugares onde retiralos, pregamos se nos informe sobre o seguimento que se está a facer dende o Concello para esta zona, e se pensan ampliar aos puntos de distribución dos discos.

5º En datas recentes, e presuntamente por un vehículo,derrubouse un tramo do muro de saída do adro da Igrexa de Santiago. Pregamos se nos informe sobre o actuado en relación a este tema.

6º Polo que se refire aos diversos actos culturais programados este verán, lamentamos os fallos na publicidade e planificación que se produciron, e que provocaron nalgúns casos a ausencia de público, con datas e horarios inadecuados, e algúns fallos protocolarios, ou neutros casos, a ausencia de colaboración municipal que –como no Carnaval Infantil- motivou a súa suspensión cos nenos e nenas disfrazados na Alameda, polo que esiximos que se tomen medidas para que non volva ocorrer. Interésanos así mesmo maior coordinación e dilixencia para evitar o ocorrido recentemente en Centroña, a cuia Comisión de festas se lle prometeu a Carpa Municipal e se lles foi negada a última hora, co conseguinte malestar veciñal e que non se volva a producir.

7º Sobre a problemática da limpeza e recollida do lixo cremos que este verán batéronse tódolos records de ineficacia, ineficiencia e incompetencia, sendo incontables as queixas recibidas polo estado das rúas, prais, zonas verdes (Algunha das cales, como a Alameda, só se limpa na semana do Pleno, unha vez ao mes) ao que se suma a imaxe os domingos cos restos do botellón da noite anterior sen recoller pese a “enigmática” campaña municipal. Por se iso non lles bastase aos responsables municipais, en plena temporada alta, produciuse o cambio de ubicación de varios contedores do centro urbán para sorpresa e co descoñecemento dos veciños e veciñas que, en moitos casos, vense na obriga de iniciar verdadeiros periplos para poder tirar o lixo, o que está provocando fortes queixas dos veciños afectados. Por todo iso pregamos, a quen corresponda, que reconsideren o feito neste tema ata o de agora, pois lonxe de atopar solucións, están a agravar un problema a cuia resolución se adicaron preferentemente no seu programa electoral, e máxime cando nos atopamos ás portas das Festas Patronais.

8º E falando de Festas, pregaríamos ao Sr. Alcalde nos informase a nós e aos veciños e veciñas sobre quen vai ser o/a pregoeiro/a deste ano, se xa está designado.

9º Xa que durante todo o mes de xuño, asuntos persoais da Concelleira non lle permitiron escoitar as necesidades educativas dos eumeses no Consello Escolar, rogamos se desprace o máis axiña posible polas escolas para que o 1º de Setembro estean atendidas aquelas necesidades dos Centros que dependen do Concello, e solicitamos se nos explique si cada vez que visite un colexio, a Concelleira de Educación, dentro do noso Concello, vai cobrar unha dieta, ou a visita á Escola Unitaria de Campolongo -Vilar de 5 € o pasado 30 de Xuño foi unha excepción?.

10º Somos coñecedores de problemas xurdidos pola falta de prazas na Escola Infantil “El Chalé Rosa”, situación xa coñecida e prevista a súa solución polo goberno anterior, rogamos aceleren os trámites e axiña entreguen os terreos para que sexa posible a nova escola que solucionaría o problema de falta de matrícula para o ciclo 0 -3 anos en Pontedeume.

11º Rogamos ao Goberno Municipal se informe e transmita a información sobre os cursos de formación que dentro do Programa Agromar vai realizar a Consellería de Traballo  na nosa localidade. Un plan de formación en materia de atención persoal dirixido prioritariamente a mulleres desempregadas de máis de 45 anos que pensamos merece todo o noso interese.

12º O pasado 31 de Xullo no Pleno Ordinario  a Concelleira popular de Servizos Sociais, a Sra. García, ante a pregunta da Concelleira Socialista Mari Carmen Cascallar sobre o peche da Escola Infantil, respostou que os pais estaban informados e que non había ningunha familia que solicitara axuda para eses días.

O mércores 20 de Agosto na prensa a Sra. García, respostando á denuncia dos socialistas, voltaba na súa afirmación de que “todos lo saben y están a la espera”.Tivemos que ler na prensa do día seguinte como os veciños deixaban claro que a Concelleira mentía, ademais das súas xustas queixas e reclamacións.

Dende o PSdeG-PSOE consideramos que é grave a lixeireza coa que se tratou este asunto, outra vez e como nos ten acostumados esta Concelleira, tomando decisións tarde, mal e a rastro, e demostrando a eficacia e eficiencia da xestión en tódalas areas que leva a Sra. García que quedou repetidas veces en entredito. Coa mala xestión na ordenanza das axudas de emerxencia, na xestión da Lei da Dependencia, na “Comida sobre rodas”, na organización de partidos de fútbol con fins cara a galería, na privatización de servizos como os campamentos municipais, na súa xestión no eido educativo, no eido sanitario,… e así un sinfín de nefastas ou nulas xestións que o Grupo Municipal Socialista ven denunciando, tanto en Sesións Plenarias como na Prensa, no último ano.

En Sesión Plenaria Ordinaria de Xaneiro xa lle pedimos á Concelleira popular unha maior eficiencia na súa Concellería ou a dimisión . Mais agora, e tendo lugar máis feitos que definen a súa paupérrima xestión nesa Concellería, esa petición transfórmase en esixencia. A Concelleira mentiu ao Pleno e en prensa, nun asunto tan delicado como é a atención aos pequenos. Polo cal, se ela non é quen de dimitir coma naquela ocasión, instamos ao Sr. Alcalde a cesala das súas responsabilidades.

-Así recolle a nova “La Opinión de A Coruña” e “La Voz de Galicia”

A tódolos membros da Corporación e a tódolos veciños e veciñas, por ser este o último Pleno antes “das Peras”, desexámoslle que pasen unhas Boas Festas

Add comment Agosto 28, 2008


Para o Pleno:

Entra na sección "Para o Pleno..." e envíanos as preguntas, rogos ou suxestións que consideras que temos que levar aos diferentes Plenos do Concello

Tweets do PSOE

Almanaque

Agosto 2008
L M X J V S D
« Jul   Sep »
 123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031

Entradas anteriores

Enlaces

Lecturas recomendadas

Xornais e Sitios Recomendables

RSS Suscríbete a PSOE Pontedeume

Feeds