Archive for 31/07/08
Preguntas que levamos ao Pleno Ordinario de Xullo
Temos que resaltar aquí, que a moción que presentamos o día 11 de Xullo no rexistro do Concello, para o seu debate neste Pleno, non foi metida na orde do día desta Sesión Plenaria, por orde expresa do Alcalde. Isto, ademáis de ser unha forma de tentar non permitir o debate da mesma, é unha forma de retratarse neste tema o PP. Ainda así, o PSdeG-PSOE eumés presentará polo trámite de urxencia esta moción no Pleno de hoxe para o seu debate e posterior votación. Un exemplo máis da pouca calidade democrática deste Alcalde.
En relación ás preguntas que lle faremos a este Goberno nesta Sesión Plenaria, son as que seguen:
1º Xa hai varias semanas que se procedeu a fundir unhas placas de cemento no Xardín de Lombardero e no parque infantil do Paseo Marítimo para a colocación da base protectora dos xogos dos nenos. Para cando está prevista a instalación desa base e dos novos aparellos? Era necesario botar cemento, ou poderían colocarse directamente sobre o terreo aforrando os cartos da cimentación feita pola empresa privada habitual do Concello?
2º O pasado mes de maio procedeuse á colocación de tubos de alcantarillado polo camiño que, situado fronte á igrexa de Ombre, vai de A Graña ao Bazalar, quedando dito camiño en bastante mal estado ao ser parcialmente levantado. Está previsto que sexa asfaltado proximamente?
3º A onde traslada a empresa habitualmente contratada polo Concello os restos de poda que retira? Non pode o Concello facer este traballo para non ter que recurrir a esta empresa?
4º Cal é o motivo de que a Paria de Sopazos sexa a única do término municipal que nunca se limpa, que non ten contenedor nas inmediacións, e que dispón dunha ducha vella e distinta ás das demáis praias do Concello, que só se pode utilizar parcialmente e cando ten auga, pese a ser a única praia urbana e a de maior presenza proporcional de nenos de todo o municipio?
5º Poderíanos dicir se está prevista unha data para convocar a mesa de negociación cos sindicatos, e que contido se lle vai dar?
6º Presentou o Concello algunha queixa fonte AQUAGEST, tras destrozar dúas pedras de cantería do pavimento con motivo dunha reparación na parte alta da Rúa Real, e sustituilas recentemente por dúas lousas de granito pulido?
7º O mantemento do alumeado público, segue en mans da mesma concesionaria ou está sendo levado por outra empresa? Detectamos moitas carencias neste Alumeado público (Alumeado da ponte de pedra, Alameda,…)
8º Transcorrido máis de medio ano, o servizo de “Comida sobre Rodas” segue sen chegar aos cidadáns, pese a ser informados hai algún tempo dende o Goberno que xa estaba nos últimos trámites. Cal é o motivo desta larga demora?
9º Tendo coñecemento de que proximamente pecharase a Escola Infantil Municipal (Chalé Rosa), co prexuizo que conleva para os nenos e nenas no plano educativo e para as súas familias no eido asistencial, preguntamos cales son as razóns deste peche, a duración prevista, e como se vai subsanar a perda deste servizo municipal. Consideramos que as familias usuarios deste servizo público teñen que ser informadas de tódolos pasos a dar.
10º Tras as denuncias efectuadas en materia sanitaria polo noso grupo, o Sr. Alcalde anunciou nun comunicado de prensa que o Concello reclamará á Xunta melloras urxentes nos servizos médicos. Que xestións se fixeron e cales son os resultados?
11º Unha das máis importantes sesións do Consello Escolar Municipal, polo seu carácter reivindicativo e pola súa visión de futuro, é a de Fin de Curso Escolar, onde se tenta dar resposta ás demandas de tódolos axentes educativos alí representados para optimizar os recursos cara o novo curso. Por que non se realizou o Consello Escolar Municipal de Fin de Curso?
A esta sesión Plenaria, o PSdeG-PSOE levará tamén unha serie de Rogos ao Goberno que publicaremos aquí.
Informamos tamén que o Goberno só leva 1 punto na orde do día (ademáis da dación de conta habitual e Rogos e Preguntas) que é a proposta de conveniarse e adherirse o Concello na Rede Galega de Municipios pola sustentabilidade promovido pola Consellería de Medio Ambiente. Adiantamos que o noso voto vai ser favorable.
Add comment Julio 31, 2008