Inauguración da nova lonxa de Pontedeume

Julio 29, 2008

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, acompañada polo director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, José Manuel López Rodríguez, e pola delegada territorial na Coruña, Rosa Liaño Pedreira, inaugurou esta tarde o novo Edificio Multiusos construído no porto pesqueiro de Pontedeume para o uso da Confraría de Pescadores desta localidade. Esta infraestrutura albergará unha lonxa e as novas dependencias para o pósito eumés. Para a realización desta obra, a Administración pesqueira galega achegou preto de 500.000 euros, unha contía á que hai que engadir outras partidas destinadas a diferentes investimentos no mesmo porto como unha máquina hidrolimpadora e unha báscula de pesaxe.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos achegou un total de 486.654,77 euros para a construción deste edificio co que se pretendeu seguir a mesma liña do edificio de departamentos de usuarios executado recentemente por Portos de Galicia para os mariñeiros da zona. Deste xeito, dúas infraestruturas independentes se converten en edificios anexos e integrados xa que foron construídos con materiais similares para manter a mesma estética e adecualos mellor ao entorno portuario. Ademais, con esta actuación dótase ao porto pesqueiro de Pontedeume dunhas instalacións que terán como usos principais os de lonxa, almacén, vestiarios e dependencias para a Confraría de Pescadores.

A superficie total construída do Edificio Multiusos, que consta de dúas alturas, é de 542,15 metros cadrados, mentres que a superficie útil é de 470,06 metros cadrados. Na planta baixa, de 295,30 metros cadrados útiles, atópase a lonxa e a zona de subhasta, a oficina da lonxa, o espazo para a cámara frigorífica, unha sala de caldeiras, dous amplos almacéns, así como un aseo adaptado e os vestiarios feminino e masculino. Pola súa banda, a planta primeira albergará as dependencias da Confraría de Pescadores de Pontedeume que disporá de tres despachos, unha área de atención ao público, un arquivo, unha sala de reunións e dous aseos.

As novas instalacións do porto de Pontedeume son froito do empeño do departamento que dirixe Carmen Gallego por mellorar as infraestruturas portuarias adscritas á nosa comunidade autónoma, co fin de que os profesionais do mar teñan unhas mellores e máis doadas condicións de traballo.

Outras actuacións

Aínda que o orzamento para a construción do Edificio Multiusos supón un dos investimentos máis importantes realizados pola Consellería de Pesca no porto pesqueiro de Pontedeume, tamén son de destacar outras actuacións levadas a cabo para beneficio dos profesionais do mar desta zona. Así, a Administración pesqueira galega dotou ao pósito eumés dunha máquina hidrolimpadora para a zona de varadas, así como unha báscula de pesaxe con capacidade para 300 quilos, por un importe de 6.711,76 euros.

Así mesmo, o departamento que dirixe Carmen Gallego ten en estudo para este ano 2008 a adxudicación dun novo carro varadoiro sobre raíles para a confraría e que ten un orzamento aproximado de 60.000 euros.

Rexeneración da Enseada

Ademais disto, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e a Confraría de Pescadores de Pontedeume veñen de asinar un convenio no que se establecen as condicións de colaboración para a posta en marcha dun proxecto de rexeneración parcial dun banco natural de moluscos bivalvos situado na Enseada desta localidade coruñesa. Para o desenvolvemento desta iniciativa, Pesca achegará algo máis de 117.000 euros.

Esta actuación obedece a que se ten constatado un enlodamento dalgunhas áreas na Enseada de Pontedeume, unha das zonas marisqueiras explotadas pola confraría, o que imposibilita a fixación e o crecemento de especies tradicionais de elevado valor comercial como a ameixa fina, que son desprazadas por recursos con escaso interese para os mariscadores. En anos anteriores, e baixo a dirección de técnicos da Consellería de Pesca, xa se desenvolveron actividades para a rexeneración de parte da Enseada, de modo que agora presentan unha grande capacidade de captación de semente e unha elevada produtividade de diferentes especies.

Á vista dos resultados, o departamento que dirixe Carmen Gallego e o pósito eumés acordaron ampliar as actuacións a unha nova área de aproximadamente 4.400 metros cadrados, denominada Croa Grande, anexa á superficie xa rexenerada, así como a outra zona de 2.500 metros cadrados, denominada Viveiro e Cultivo, no espazo que se atopa en produción actualmente, co obxectivo de mellorar as súas condicións.

Entry Filed under: Galicia, política, pontedeume. .

Leave a Comment

Required

Required, hidden

Some HTML allowed:
<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <pre> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Trackback this post  |  Subscribe to the comments via RSS Feed


CONTACTA:

Na sección "CONTACTA" podes cubrir un formulario, e facernos chegar as túas suxestións ou peguntas.

Almanaque

Julio 2008
L M X J V S D
« Jun   Ago »
 123456
78910111213
14151617181920
21222324252627
28293031  

Entradas anteriores

RSS Suscríbete a PSOE Pontedeume

Feeds