Pesca e a Confraría de Pescadores de Pontedeume colaboran na rexeneración parcial dun banco de moluscos bivalvos
Julio 28, 2008
A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e a Confraría de Pescadores de Pontedeume veñen de asinar un convenio no que se establecen as condicións da colaboración entre os dous organismos para a execución dun proxecto de rexeneración parcial dun banco natural de moluscos bivalvos na Enseada desta localidade coruñesa. Para o desenvolvemento desta iniciativa, o departamento que dirixe Carmen Gallego achegará algo máis de 117.000 euros con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, aínda que tamén poderá cofinanciarse con fondos europeos.
Esta actuación obedece a que se ten constatado un enlodamento dalgunhas áreas na Enseada de Pontedeume, unha das zonas marisqueiras explotadas pola confraría, o que imposibilita a fixación e crecemento de especies tradicionais e de elevado valor comercial, como a ameixa fina, que son desprazadas por recursos con escaso interese para os mariscadores.
Así, en anos anteriores e baixo a dirección de técnicos da Consellería de Pesca, xa se desenvolveron actividades para a rexeneración de parte da Enseada, presentando agora a zona unha grande capacidade para a captación de semente e unha elevada produtividade de diferentes especies.
Á vista dos resultados, o departamento que dirixe Carmen Gallego e a Confraría de Pescadores de Pontedeume acordaron ampliar esas actuacións a unha nova área de aproximadamente 4.400 metros cadrados (denominada “Croa Grande”), anexa á superficie xa rexenerada, así como a outra zona de 2.500 metros cadrados (denominada “Viveiro” e “Cultivo”), no espazo que se atopa en produción actualmente co obxectivo de mellorar as súas condicións.
Cláusulas do convenio
Segundo o protocolo asinado, o pósito de Pontedeume comprométese a realizar, mediante a participación dos mariscadores asociados a el, a aportación de áridos e o acondicionamento manual das dúas zonas de 4.400 e 2.500 metros cadrados, respectivamente. Ademais, tamén realizará un seguimento conxunto coa Consellería do desenvolvemento das accións, xa que se creará unha comisión con representantes designados polos órganos rectores das dúas partes. Así mesmo, terá que programar e distribuír os traballos entre os participantes, controlar a súa efectiva realización e proporcionarlle a Pesca a información que lle sexa requirida.
Pola súa banda, a Administración pesqueira galega terá, entre outras funcións, a de destinar os medios persoais e materiais propios que sexan precisos para a dirección e coordinación das actividades obxecto do convenio. Non entanto, a contratación de embarcacións, vehículos ou calquera outro medio que interveña na execución das tarefas é responsabilidade do pósito.
Así mesmo, a confraría deberá axustarse aos principios de publicidade, obxectividade, concorrencia e non discriminación para levar a cabo calquera actividade derivada do convenio, que non estea reservada á súa execución. Tamén é de destacar que o protocolo estará vixente ata o 30 de outubro, se ben as partes poderán acordar a súa prórroga antes do remate do mesmo.
Entry Filed under: política, pontedeume. .
Trackback this post | Subscribe to the comments via RSS Feed