Feliz día de Galicia!. Manifesto do PSdeG-PSOE.
Julio 24, 2008
Un ano máis celebramos o Día de Galicia. Celebramos a nosa identidade de país. Galicia conmemora hoxe a súa forma de ser e estar no mundo. Hoxe é un día de unidade, de celebración colectiva, na que os galegos recoñecémonos e reafirmamos a nosa dimensión de pobo singular e diferenciado, dentro da España plural e da Europa unida.
O 25 de Xullo é a nosa festa maior, a data que simboliza a nosa condición de pobo, dunha terra antiga, de convivencia pacífica. Tamén é a festa maior dos que, por diversas razóns, tiveron que abandonar Galicia. Vaia para todos eles, a nosa homenaxe e a nosa lembranza.
O Día de Galicia é un día de celebración, pero tamén de reflexión, por canto que festexamos que somos galegos, que vivimos nun país co que nos identificamos e ao que amamos. Celebramos ser unha das nacionalidades que conforman España, ser unha comunidade histórica que aportou ao mundo unha lingua propia e unha cultura diferenciada.
O noso idioma é un elemento vertebrador, indispensable agora e sempre. E todos os galegos consideran a lingua como un patrimonio común. Pero eso non significa exclusividade. Todas as linguas constitucionais son igualmente dignas, igualmente comúns.
Pero a idea da España plural non se esgota na reivindicación da pluralidade lingüística e cultural. A España plural significa tamén unha España territorial e socialmente cohesionada, onde os principios constitucionais de equidade e solidariedade alcancen concreción nos servizos recibidos polos cidadáns, independentemente da comunidade autónoma onde residan.
Por iso é necesario que o consenso ao que sen dúbida chegaremos as comunidades autónomas sobre o novo modelo de financiamento autonómico estea presidido e delimitado por eses valores de cohesión, igualdade e solidariedade que conforman, xunto coas liberdades democráticas e o autogoberno, a auténtica esencia da nosa Constitución.
Idénticas razóns seguen a facer necesarios, imprescindibles, os esforzos investidores do Estado para o logro dunha España territorialmente máis equilibrada.
Eses investimentos teñen un campo de acción estratéxico nas infraestruturas ferroviarias da alta velocidade, para as que Galicia conta co compromiso efectivo do Goberno de España e o meu compromiso para as que continua vixente a data de 2012.
Días como o 25 de xullo deben servirnos para reafirmar eses grandes valores, eses valores de pluralidade e solidariedade que fundan a nosa convivencia.
Hoxe tamén temos razóns obxectivas, históricas e inequívocas para que volvamos a reivindicar nesta data e con toda claridade a nosa traxectoria galeguista; un galeguismo rigoroso e construtivo, orgulloso da nosa orixe pero tamén da naturalidade coa que facemos compatible esa identidade coa española.
O PSdeG-PSOE afronta este 25 de Xullo coa ilusión renovada por liderar, por terceiro ano consecutivo, o cambio no país. Os socialistas galegos, un ano máis, queren renovar o seu inquebrantable compromiso con Galicia. Porque restan aínda problemas que remover, retos que afrontar e solucións que erguer.
Traballamos por unha Galicia plural e cohesionada, con igualdade de oportunidades e sen exclusións; unha Galicia de respecto aos dereitos da que todas as galegas e todos os galegos poidamos sentírmonos orgullosos, e orgullosas.
Os socialistas galegos estamos comprometidos cunha Galicia mellor e contribuíndo a que esa Galicia sexa unha Galicia boa e xenerosa, aberta e libre, solidaria e xusta, culta e próspera.
Este 25 de Xullo, é sen dúbida, un paso máis no camiño cara a eses obxectivos, é un ano menos para que poidamos velos convertidos en realidade.
Por último, o PSdeG-PSOE desexa trasladar unha mensaxe de unidade, de confianza no futuro, e de xenerosidade no país en momentos nos que estes valores resultan máis necesarios que nunca.
¡Feliz Día de Galicia!
Entry Filed under: Galicia, PSdeG-PSOE, política, sociedade. .
Trackback this post | Subscribe to the comments via RSS Feed