Archivo | julio, 2008

Preguntas que levamos ao Pleno Ordinario de Xullo

31 jul

Temos que resaltar aquí, que a moción que presentamos o día 11 de Xullo no rexistro do Concello, para o seu debate neste Pleno, non foi metida na orde do día desta Sesión Plenaria, por orde expresa do Alcalde. Isto, ademáis de ser unha forma de tentar non permitir o debate da mesma, é unha forma de retratarse neste tema o PP. Ainda así, o PSdeG-PSOE eumés presentará polo trámite de urxencia esta moción no Pleno de hoxe para o seu debate e posterior votación. Un exemplo máis da pouca calidade democrática deste Alcalde.

En relación ás preguntas que lle faremos a este Goberno nesta Sesión Plenaria, son as que seguen:

1º Xa hai varias semanas que se procedeu a fundir unhas placas de cemento no Xardín de Lombardero e no parque infantil do Paseo Marítimo para a colocación da base protectora dos xogos dos nenos. Para cando está prevista a instalación desa base e dos novos aparellos? Era necesario botar cemento, ou poderían colocarse directamente sobre o terreo aforrando os cartos da cimentación feita pola empresa privada habitual do Concello?

2º O pasado mes de maio procedeuse á colocación de tubos de alcantarillado polo camiño que, situado fronte á igrexa de Ombre, vai de A Graña ao Bazalar, quedando dito camiño en bastante mal estado ao ser parcialmente levantado. Está previsto que sexa asfaltado proximamente?

3º A onde traslada a empresa habitualmente contratada polo Concello os restos de poda que retira? Non pode o Concello facer este traballo para non ter que recurrir a esta empresa?

4º Cal é o motivo de que a Paria de Sopazos sexa a única do término municipal que nunca se limpa, que non ten contenedor nas inmediacións, e que dispón dunha ducha vella e distinta ás das demáis praias do Concello, que só se pode utilizar parcialmente e cando ten auga, pese a ser a única praia urbana e a de maior presenza proporcional de nenos de todo o municipio?

5º Poderíanos dicir se está prevista unha data para convocar a mesa de negociación cos sindicatos, e que contido se lle vai dar?

6º Presentou o Concello algunha queixa fonte AQUAGEST, tras destrozar dúas pedras de cantería do pavimento con motivo dunha reparación na parte alta da Rúa Real, e sustituilas recentemente por dúas lousas de granito pulido?

7º O mantemento do alumeado público, segue en mans da mesma concesionaria ou está sendo levado por outra empresa? Detectamos moitas carencias neste Alumeado público (Alumeado da ponte de pedra, Alameda,…)

8º Transcorrido máis de medio ano, o servizo de “Comida sobre Rodas” segue sen chegar aos cidadáns, pese a ser informados hai algún tempo dende o Goberno que xa estaba nos últimos trámites. Cal é o motivo desta larga demora?

9º Tendo coñecemento de que proximamente pecharase a Escola Infantil Municipal (Chalé Rosa), co prexuizo que conleva para os nenos e nenas no plano educativo e para as súas familias no eido asistencial, preguntamos cales son as razóns deste peche, a duración prevista, e como se vai subsanar a perda deste servizo municipal. Consideramos que as familias usuarios deste servizo público teñen que ser informadas de tódolos pasos a dar.

10º Tras as denuncias efectuadas en materia sanitaria polo noso grupo, o Sr. Alcalde anunciou nun comunicado de prensa que o Concello reclamará á Xunta melloras urxentes nos servizos médicos. Que xestións se fixeron e cales son os resultados?

11º Unha das máis importantes sesións do Consello Escolar Municipal, polo seu carácter reivindicativo e pola súa visión de futuro, é a de Fin de Curso Escolar, onde se tenta dar resposta ás demandas de tódolos axentes educativos alí representados para optimizar os recursos cara o novo curso. Por que non se realizou o Consello Escolar Municipal de Fin de Curso?

A esta sesión Plenaria, o PSdeG-PSOE levará tamén unha serie de Rogos ao Goberno que publicaremos aquí.

Informamos tamén que o Goberno só leva 1 punto na orde do día (ademáis da dación de conta habitual e Rogos e Preguntas) que é a proposta de conveniarse  e adherirse o Concello na Rede Galega de Municipios pola sustentabilidade promovido pola Consellería de Medio Ambiente. Adiantamos que o noso voto vai ser favorable.

Inauguración da nova lonxa de Pontedeume

29 jul

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, acompañada polo director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, José Manuel López Rodríguez, e pola delegada territorial na Coruña, Rosa Liaño Pedreira, inaugurou esta tarde o novo Edificio Multiusos construído no porto pesqueiro de Pontedeume para o uso da Confraría de Pescadores desta localidade. Esta infraestrutura albergará unha lonxa e as novas dependencias para o pósito eumés. Para a realización desta obra, a Administración pesqueira galega achegou preto de 500.000 euros, unha contía á que hai que engadir outras partidas destinadas a diferentes investimentos no mesmo porto como unha máquina hidrolimpadora e unha báscula de pesaxe.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos achegou un total de 486.654,77 euros para a construción deste edificio co que se pretendeu seguir a mesma liña do edificio de departamentos de usuarios executado recentemente por Portos de Galicia para os mariñeiros da zona. Deste xeito, dúas infraestruturas independentes se converten en edificios anexos e integrados xa que foron construídos con materiais similares para manter a mesma estética e adecualos mellor ao entorno portuario. Ademais, con esta actuación dótase ao porto pesqueiro de Pontedeume dunhas instalacións que terán como usos principais os de lonxa, almacén, vestiarios e dependencias para a Confraría de Pescadores.

A superficie total construída do Edificio Multiusos, que consta de dúas alturas, é de 542,15 metros cadrados, mentres que a superficie útil é de 470,06 metros cadrados. Na planta baixa, de 295,30 metros cadrados útiles, atópase a lonxa e a zona de subhasta, a oficina da lonxa, o espazo para a cámara frigorífica, unha sala de caldeiras, dous amplos almacéns, así como un aseo adaptado e os vestiarios feminino e masculino. Pola súa banda, a planta primeira albergará as dependencias da Confraría de Pescadores de Pontedeume que disporá de tres despachos, unha área de atención ao público, un arquivo, unha sala de reunións e dous aseos.

As novas instalacións do porto de Pontedeume son froito do empeño do departamento que dirixe Carmen Gallego por mellorar as infraestruturas portuarias adscritas á nosa comunidade autónoma, co fin de que os profesionais do mar teñan unhas mellores e máis doadas condicións de traballo.

Outras actuacións

Aínda que o orzamento para a construción do Edificio Multiusos supón un dos investimentos máis importantes realizados pola Consellería de Pesca no porto pesqueiro de Pontedeume, tamén son de destacar outras actuacións levadas a cabo para beneficio dos profesionais do mar desta zona. Así, a Administración pesqueira galega dotou ao pósito eumés dunha máquina hidrolimpadora para a zona de varadas, así como unha báscula de pesaxe con capacidade para 300 quilos, por un importe de 6.711,76 euros.

Así mesmo, o departamento que dirixe Carmen Gallego ten en estudo para este ano 2008 a adxudicación dun novo carro varadoiro sobre raíles para a confraría e que ten un orzamento aproximado de 60.000 euros.

Rexeneración da Enseada

Ademais disto, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e a Confraría de Pescadores de Pontedeume veñen de asinar un convenio no que se establecen as condicións de colaboración para a posta en marcha dun proxecto de rexeneración parcial dun banco natural de moluscos bivalvos situado na Enseada desta localidade coruñesa. Para o desenvolvemento desta iniciativa, Pesca achegará algo máis de 117.000 euros.

Esta actuación obedece a que se ten constatado un enlodamento dalgunhas áreas na Enseada de Pontedeume, unha das zonas marisqueiras explotadas pola confraría, o que imposibilita a fixación e o crecemento de especies tradicionais de elevado valor comercial como a ameixa fina, que son desprazadas por recursos con escaso interese para os mariscadores. En anos anteriores, e baixo a dirección de técnicos da Consellería de Pesca, xa se desenvolveron actividades para a rexeneración de parte da Enseada, de modo que agora presentan unha grande capacidade de captación de semente e unha elevada produtividade de diferentes especies.

Á vista dos resultados, o departamento que dirixe Carmen Gallego e o pósito eumés acordaron ampliar as actuacións a unha nova área de aproximadamente 4.400 metros cadrados, denominada Croa Grande, anexa á superficie xa rexenerada, así como a outra zona de 2.500 metros cadrados, denominada Viveiro e Cultivo, no espazo que se atopa en produción actualmente, co obxectivo de mellorar as súas condicións.

PSdeG-PSOE, a forza de Galicia.

28 jul

Pasamos dous días de Congreso na capital de Galicia. Dous días intensos no traballo, nas relacións, nas amizades, nos debates, nas ideas, propostas, iniciativas,…

A delegación que acudimos representando a tódolos compañeiros e compañeiras do PSdeG-PSOE eumés, o Secretario Xeral, Nacho Filgueiras e a nosa Concelleira de Servizos Sociais, Educación, Sanidade e Cultura, Mari Cascallar como Delgados (quere dicir asistindo as comisións e con voz e voto en tódalas eleccións orgánicas) e o Compañeiro e membro da Executiva Local, José Simoes Couceiro como observador, estamos a vivir unha experiencia persoal e política apasionante.

O PSdeG-PSOE está i é vivo, está unido no obxectivo de construir a mellor Galicia posible para os galegos e galegas, e esto queda claro nas  enmendas (máis de 1000) que se presentaron ás diferentes comisións onde se debatía e se renovaban as ideas sobre o que somos, a onde imos, que queremos e como o queremos. Saimos coas ideas claras, cun referente claro, cunha dirección clara e cun proxecto de partido e de país claro tamén.

A delegación de compañeiros e compañeiras que representamos a Pontedeume está integrada na Comarca de Ferrolterra. O noso voceiro no Congreso, o Secretario Comarcal, Iván Puentes, que realizou unha intervención, dacordo con tódalas Agrupación Locais, ao informe de xestión que nos presentou o Secretario Xeral, Emilio Pérez Touriño, cun fondo constructivo, pensando no mellor para o partido e para a nosa Comarca. Este informe de xestión da executiva que dirixeu o partido estes catro anos foi votada favorablemente por tódolos compañeiros e compañeiras da comarca.

Despois o Secretario Xeral nos pideu o noso apoio para a relección del mesmo como Secretario Xeral, respaldo que dimos unanimemente e sen fisuras, só reclamando que na nova dirección do partido que se elexiu este domingo, a Comarca de Ferrolterra tivera representatividade da potencia que ten, tanto no eido económico, no político e como un dos exemplos do “cambio” que se ven fraguando na nosa bisbarra (salvo tristes casos…) ao conseguir as Alcaldías de Ferrol, Fene e As Pontes, disminuir a distancia en Narón, non deixando que TEGA repetira a maioría absoluta, ou mantendo outras alcaldía como na Capela, e mantendo tamén a representatividade en número de Concelleiros como en Pontedeume. Consideramos dende Pontedeume e dende a comarca que, si Ferrolterra é importante para Galicia, o ten que ser para o partido que máis se parece a Galicia, o PSdeG-PSOE. Esto foi apoiado polo compañeiro Emilio Perez Touriño, que dotou á nova dirección do partido, con tres representantes  desta comarca, e tres representantes que aglutinan as diferentes sensibilidade de tódolos compeñeiros e compañeiras da comarca. Son Bea Sestayo, Iván Puentes e Vicente Irisarri. Dende a Agrupación Socialista de Pontedeume temos que estar de noraboa.

A composición final da nova dirección do PSdeG-PSOE que foi respaldada polo 93% dos delegados foi a seguinte:

- Emilio Pérez Touriño, secretario xeral

- Ricardo Varela, vicesecretario xeral

- Mar Barcón, secretaria de Organización

- María José Caride, secretaria de Economía e Territorio

- Beatriz Sestayo Doce, secretaria de Liberdades Públicas e Dereitos Cidadáns

- Antón Louro, secretario de Política Institucional e Relacións Parlamentarias

- Manuel Vázquez, secretario de Cambio Climático e Desenvolvemento Sostible

- Abel Losada, secretario de Estudos e Programas

- Xaquín Fernández Leiceaga, secretario de Política Municipal

- Laura Seara Sobrado, secretaria de Igualdade

- Adoración Fernández González, secretaria de Políticas Sociais

- Marisol Soneira, secretaria de Emigración

- Darío Campos Conde, secretario de Política Rural

- José Manuel Lage Tuñas, secretario de Formación

- Guillermo Meijón Couselo, secretario de Educación

- Francisco Cerviño, secretario de Cultura

- Carlos Pajares Vales, secretario de Innovación e Novas Tecnoloxías

- Carmen Gallego, secretaria de Pesca

- Margarita Martín Rodríguez, secretaria de Sanidade e Consumo

- Iván Puentes Rivera, secretario de Deporte e Lecer

- Modesto Pose Mesura, secretario provincial de Pontevedra

- Moisés Rei, secretario provincial da Coruña

- Luís Anxo Lago Lage, secretario provincial de Lugo

VOGAIS:

- José Antonio Dono López

- Bernardino Rama Seoane

- Yoya Neira Fernández

- Dolores Rodríguez Amoroso

- Lara Méndez Núñez

- Teresa Facal

- Alfredo García Rodríguez

- Dolores Villarino

- Francisco Rodríguez Fernández

- Vicente Irisarri

- Verónica Marcos Arrojo

- Sonia Verdes Gil

- Iván Vaqueiro Gradín

- Dulcinea Aguín Pombo

- David Regades Fernández

Nuns días publicaremos aquí os novos estatutos e a ponencia marco que saiu do 11º Congreso Nacional, e vos iremos contando máis deste Congreso. Vos deixamos os videos da elección de Emilio Perez Touriño como Secretario Xeral:

Pesca e a Confraría de Pescadores de Pontedeume colaboran na rexeneración parcial dun banco de moluscos bivalvos

28 jul

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e a Confraría de Pescadores de Pontedeume veñen de asinar un convenio no que se establecen as condicións da colaboración entre os dous organismos para a execución dun proxecto de rexeneración parcial dun banco natural de moluscos bivalvos na Enseada desta localidade coruñesa. Para o desenvolvemento desta iniciativa, o departamento que dirixe Carmen Gallego achegará algo máis de 117.000 euros con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, aínda que tamén poderá cofinanciarse con fondos europeos.

Esta actuación obedece a que se ten constatado un enlodamento dalgunhas áreas na Enseada de Pontedeume, unha das zonas marisqueiras explotadas pola confraría, o que imposibilita a fixación e crecemento de especies tradicionais e de elevado valor comercial, como a ameixa fina, que son desprazadas por recursos con escaso interese para os mariscadores.

Así, en anos anteriores e baixo a dirección de técnicos da Consellería de Pesca, xa se desenvolveron actividades para a rexeneración de parte da Enseada, presentando agora a zona unha grande capacidade para a captación de semente e unha elevada produtividade de diferentes especies.

Á vista dos resultados, o departamento que dirixe Carmen Gallego e a Confraría de Pescadores de Pontedeume acordaron ampliar esas actuacións a unha nova área de aproximadamente 4.400 metros cadrados (denominada “Croa Grande”), anexa á superficie xa rexenerada, así como a outra zona de 2.500 metros cadrados (denominada “Viveiro” e “Cultivo”), no espazo que se atopa en produción actualmente co obxectivo de mellorar as súas condicións.

Cláusulas do convenio
Segundo o protocolo asinado, o pósito de Pontedeume comprométese a realizar, mediante a participación dos mariscadores asociados a el, a aportación de áridos e o acondicionamento manual das dúas zonas de 4.400 e 2.500 metros cadrados, respectivamente. Ademais, tamén realizará un seguimento conxunto coa Consellería do desenvolvemento das accións, xa que se creará unha comisión con representantes designados polos órganos rectores das dúas partes. Así mesmo, terá que programar e distribuír os traballos entre os participantes, controlar a súa efectiva realización e proporcionarlle a Pesca a información que lle sexa requirida.

Pola súa banda, a Administración pesqueira galega terá, entre outras funcións, a de destinar os medios persoais e materiais propios que sexan precisos para a dirección e coordinación das actividades obxecto do convenio. Non entanto, a contratación de embarcacións, vehículos ou calquera outro medio que interveña na execución das tarefas é responsabilidade do pósito.

Así mesmo, a confraría deberá axustarse aos principios de publicidade, obxectividade, concorrencia e non discriminación para levar a cabo calquera actividade derivada do convenio, que non estea reservada á súa execución. Tamén é de destacar que o protocolo estará vixente ata o 30 de outubro, se ben as partes poderán acordar a súa prórroga antes do remate do mesmo.

Pontedeume ten illa

27 jul

Pontedeume dispón dunha única illa ou máis ben dun illote, o de Carboeira. Situado fronte a praia nudista de Ínsua, en Boebre, vén de ser protexido polas novas Directrices de Ordenación do Territorio (DOT), recentemente aprobadas pola Xunta. A illa Carboeira únese deste xeito ás outras paraxes protexidas da comarca eumesa, coma son o parque natural das Fragas do Eume e o Lugar de Interés Comunitario (LIC) Xubia-Castro, que inclúe os municipios da Capela e As Pontes, no Eume, así coma os de Moeche, Narón, Neda, San Sadurniño e As Somozas, en Ferrolterra.

Non é a única zona que protexe a Consellería de Política Territorial nas súas novas directrices, coas que pretende definir un modelo territorial para Galicia que estableza unha nova relación entre o campo e a cidade e que promova un desenvolvemento sostible, así coma a protección da natureza e do patrimonio cultural.

O Executivo galego tamén protexe, xunto coa illa Carboeira, o val inferior do Eume, que está fóra dos límites do parque natural e inclúe a todos os municipios eumeses excepto o das As Pontes.
A única illa de Pontedeume leva o mesmo nome que a punta na que se unen a ría de Betanzos e a de Ares, a punta Carboeira. Así coma o illote semella non ser nada especial, máis que para os rapaces que se botan a nado cara a el, no caso do accidente xeográfico é diferente. Nel atopáronse antigas laudas sepulcrais, polo que se presupón foi lugar de enterramentos e os máis vellos falan dunha antiga capela ou igrexa neste lugar.

Hoxe, ademais do valor arqueolóxico, a punta Carboeira ten valor para as institucións marítimas. O territorio competencia da Capitanía Marítima da Coruña abrangue dende a punta Carboeira ata a punta Río Sieira, no Concello de Porto do Son. A Capitanía Marítima de Ferrol ten competencias no anaco de costa que vai dende a punta de Estaca de Bares ata, de novo, a punta Carboeira.

Visto en “La Opinión de A Coruña”

Feliz día de Galicia!. Manifesto do PSdeG-PSOE.

24 jul

Un ano máis celebramos o Día de Galicia. Celebramos a nosa identidade de país. Galicia conmemora hoxe a súa forma de ser e estar no mundo. Hoxe é un día de unidade, de celebración colectiva, na que os galegos recoñecémonos e reafirmamos a nosa dimensión de pobo singular e diferenciado, dentro da España plural e da Europa unida.

O 25 de Xullo é a nosa festa maior, a data que simboliza  a nosa condición de pobo, dunha terra antiga, de convivencia pacífica. Tamén é a festa maior dos que, por diversas razóns, tiveron que abandonar Galicia. Vaia para todos eles, a nosa homenaxe e a nosa lembranza.

O Día de Galicia é un día de celebración, pero tamén de reflexión, por canto que festexamos que somos galegos, que vivimos nun país co que nos identificamos e ao que amamos. Celebramos ser unha das nacionalidades que conforman España, ser unha comunidade histórica que aportou ao mundo unha lingua propia e unha cultura diferenciada.

O noso idioma é un elemento vertebrador, indispensable agora e sempre. E todos os galegos consideran a lingua como un patrimonio común. Pero eso non significa exclusividade. Todas as linguas constitucionais son igualmente dignas, igualmente comúns.

Pero a idea da España plural non se esgota na reivindicación da pluralidade lingüística e cultural.  A España plural significa tamén unha España territorial e socialmente cohesionada, onde os principios constitucionais de equidade e solidariedade alcancen concreción nos servizos recibidos polos cidadáns, independentemente da comunidade autónoma onde residan.

Por iso é necesario que o consenso ao que sen dúbida chegaremos as comunidades autónomas sobre o novo modelo de financiamento autonómico estea presidido e delimitado por eses valores de cohesión, igualdade e solidariedade que conforman, xunto coas liberdades democráticas e o autogoberno, a auténtica esencia da nosa Constitución.

Idénticas razóns seguen a facer necesarios, imprescindibles, os esforzos investidores do Estado para o logro dunha España territorialmente máis equilibrada.

Eses investimentos teñen un campo de acción estratéxico nas infraestruturas ferroviarias da alta velocidade, para as que Galicia conta co compromiso efectivo do Goberno de España e o meu compromiso para as que continua vixente a data de 2012.

Días como o 25 de xullo deben servirnos para reafirmar eses grandes valores, eses valores de pluralidade e solidariedade que fundan a nosa convivencia.

Hoxe tamén temos razóns obxectivas, históricas e inequívocas para que volvamos a reivindicar nesta data e con toda claridade a nosa traxectoria galeguista; un galeguismo rigoroso e construtivo, orgulloso da nosa orixe pero tamén da naturalidade coa que facemos compatible esa identidade coa española.

O PSdeG-PSOE afronta este 25 de Xullo coa ilusión renovada por liderar, por terceiro ano consecutivo, o cambio no país. Os socialistas galegos, un ano máis, queren renovar o seu inquebrantable compromiso con Galicia. Porque restan aínda problemas que remover, retos que afrontar e solucións que erguer.

Traballamos por unha Galicia plural e cohesionada, con igualdade de oportunidades e sen exclusións; unha Galicia de respecto aos dereitos da que todas as galegas e todos os galegos poidamos sentírmonos orgullosos, e orgullosas.

Os socialistas galegos estamos comprometidos cunha Galicia mellor e contribuíndo a que esa Galicia sexa unha Galicia boa e xenerosa, aberta e libre, solidaria e xusta, culta e próspera.

Este 25 de Xullo, é sen dúbida, un paso máis no camiño cara a eses obxectivos, é un ano menos para que poidamos velos convertidos en realidade.

Por último, o PSdeG-PSOE desexa trasladar unha mensaxe de unidade, de confianza no futuro, e de xenerosidade no país en momentos nos que estes valores resultan máis necesarios que nunca.

¡Feliz Día de Galicia!

Pontedeume: Un ano de recesión

24 jul

Hai un ano por estabamos vivindo en Pontedeume a crise dun goberno que, cando non facía máis que botar a andar, o COE abandonaba o barco municipal sen que transcendese ningún problema ideolóxico ou político,e sí un problema económico ao non acordar o reparto dos soldos entre os socios de Goberno, deixando á Vila, nun acto de irresponsabilidade política, cun Goberno minoritario que non é quen de chegar a tempo ás xestións coas outras administracións nin da resposta eficaz aos problemas do noso Concello.

Dende o Grupo Municipal do PSdeG PSOE queremos facer chegar aos veciños e veciñas a nosa inquedanza pola situación en Pontedeume. Xa non é que non vaiamos para diante, é que neste ano reducíronse servicios, perdéronse axudas, creáronse conflictos laborais, freouse o funcionamento municipal e iniciouse un retroceso:

- Na Area de Deportes cando xa tiñamos todo para ter unha nova edificación para piragüismo e vela, con dotación económica, terreos e proxecto… perdeuse xa a metade do presupostado, e a outra metade  -300.000€- vémolos perigar. Nesta mesma orde, a construcción gratuíta por parte da Demarcación de Costas do Estado, dunha nova area deportiva, onde se ubicaría o novo campo de fútbol, segue a esperar pola achega de terreos municipais, tarefa  que non se nos presenta fácil se temos en conta que polo Goberno se presupostaron 40.000€ para este fin, debéndose incluír nesta partida, ademais dos deportivos, os destinados á nova gardería, a actual só cobre o 50% das necesidades do Concello, e un Centro de Día, poñendo freo así a aposta que a Xunta de Galicia está a facer pola nosa Vila.

- Na área de Servicios Sociais, estase  óptando directamente pola privatización, reducción de servicios ou retraso clamoroso noutros casos. Así, como vimos denunciando toda a lexislatura, recúrrese a  externalización, como no caso dos campamentos, redúcense servicios, non se cobren as baixas ou as xornadas dos empregados nas axudas aos máis necesitados, como é na axuda a domicilio, e non se toman as decisións políticas a tempo, o que nos leva a non prestar servicios ao amparo da Lei de Dependencia xa previstos e planificados, ou como a Comida sobre Rodas, presupostada este ano por este goberno e que non dan empezado a funcionar, e pode implicar outra vez perdidas  económicas actuais e anteriores.

- En Sanidade vimos de denunciar a nula xestión e total abandono da area, que nin sequera se teñen en conta as peticións dos profesionais que traballan no noso Centro de Saúde e, en Ensino vaise a mínimos, non vendo gran preocupación por acelerar as xestións iniciadas na lexislatura anterior para ter praza de Escola Infantil para tódalas familias que o desexen e reducindo a implicación do Concello nos problemas escolares da Vila.

- A pésima xestión da Concellería de Cultura levounos a perder axudas que facían posible a Semana do Libro ou da Ciencia, a ver unhas Letras Galegas cunha programación de mínimos e unha Casa da Cultura onde se restrinxe o seu uso para “preservar un edificio emblemático” sen previsión inversora na súa restauración ou na actualización técnica, tan urxente e demandada, e cunha previsión na planificación cultural que non ten precedentes.

- En Medio Ambiente debemos resaltar a próxima inauguración da depuradora de Ombre, con terreos adquiridos polo Goberno anterior e feita pola Consellería de Medio Ambiente –a lo menos esto non se perdeu polo camiño-, pero estamos a ver estes días como nun Concello onde debería primar o coidado ao medio privilexiado, perdemos as axudas en materia medioambiental  ás que sí accederon Concellos veciños como Narón ou Cabanas.

- Malia todo, un dos grandes problemas deste Goberno está na Concellería de Servicios -a falta de limpeza e a deficitaria recollida de lixo- , sendo o seu responsable quen, no Pleno de Decembro pasado, tentou esperanzarnos ao afirmar  que ”esperamos que nos próximos meses este tema xunto con outros como a recollida de lixo teñan unha solución definitiva, clara e que os eumeses merecen”, tendo que desdicirse recentemente en prensa declarando que “el servicio municipal  de limpieza  y recogida de basuras es deficitario y además no es el deseado”, e respaldando así o que todos estabamos a ver a cotío nas nosas rúas, nos camiños, fontes e lavadoiros, nos colectores de lixo insuficientes, sucios e deteriorados…

- E, finalmente, debemos facer mención á parálise que afecta á Area de Urbanismo, onde practicamente non se conceden licencias, xa que, ás reiteradas baixas do técnico municipal que non se están a cubrir ata o momento, debe sumarse unha clara indecisión política, véndose prexudicados moitos veciños e veciñas que queren aproveitar o bo tempo para pequenas reformas, as persoas con minusvalía que queren eliminar barreiras arquitectónicas nas súas casas, ou aquelas iniciativas que queren acollerse a axudas doutras administracións. É grave porque frea proxectos dos eumeses, porque é unha vía de ingresos considerable, recollido no presuposto deste exercicio e porque reflexa unha vez máis a falla de decisión e xestión política dun Goberno municipal que, nun ano escaso, situou a Pontedeume en franca recesión.

A Xunta de Galicia saca a venta 3 parcelas no Polígono de Vidrieiro.

24 jul

A Consellería de Vivenda oferta no Parque Empresarial de Pontedeume (Polígono de Vidrieiro), unha superficie de 7.094 metros cadrados repartidos en 3 parcelas a 51€/m2.

O prego de bases que rexe o concurso público de compravenda de parcelas pode consultarse nas oficinas de Xestur Coruña e na súa páxina web (www.xesturcoruna.com).

Extracto dun texto sobre a xestión do goberno do PP

24 jul

(…) tamén debemos facer mención á parálise que afecta á Area de Urbanismo, onde practicamente non se conceden licencias, xa que, ás reiteradas baixas do técnico municipal que non se están a cubrir ata o momento, debe sumarse unha clara indecisión política, véndose prexudicados moitos veciños e veciñas que queren aproveitar o bo tempo para pequenas reformas, as persoas con minusvalía que queren eliminar barreiras arquitectónicas nas súas casas, ou aquelas iniciativas que queren acollerse a axudas doutras administracións. É grave porque frea proxectos dos eumeses, porque é unha vía de ingresos considerable recollido no presuposto deste ano, e porque reflexa unha vez máis a falla de decisión e xestión política dun Goberno municipal que, nun ano escaso, situou a Pontedeume en franca recesión.

O recolle así “La Opinión de A Coruña”

Acto público: Pontedeume na Memoria histórica

22 jul

Este Xoves a partir das 20:30 horas, na Casa da Cultura de Pontedeume, organizamos un acto público titulado: Pontedeume na memoria histórica.

Este acto está organizado, ademáis que para coñecer un pouco mellor a historia da nosa Vila no intervalo de tempo 1932-1940, para presentar tamén, a moción que presentará o Grupo Municipal Socialista do Concello de Pontedeume para revocar os títulos de “Regidor Perpetuo” e “Alcalde Honorario” a Francisco Franco Bahamonde e o título de “Hija Adoptiva” a Pilar Franco Bahamonde de Jaraiz do Concello de Pontedeume.

Intervirán no acto:

- Nacho Filgueiras Martinez
Secretario Xeral do PSdeG-PSOE de Pontedeume

- Xose Manuel Suarez Martinez
Profesor e Historiador

- Agustín Vilariño Gomez
Voceiro de Grupo Municipal Socialista

Esperamos a vosa asistencia.

PD: Despois da “opinión” do Alcalde popular sobre este tema, só temos que dicir que esta moción nace e xorde a raiz da posta en vigor da “lei da Memoria Histórica” publicada no BOE o 2 de Decembro de 2007, xa co PP local no Goberno.

Nace, ademáis, recoñecendo os pasos que se teñen dado por distintas corporacións municipais (de diferente cor política) e que foron feitos con total normalidade democrática e adiantándose a esta Lei (cambio de nomes de rúas e retirada de placas conmemorativas).

Sobre a “urxencia” coa que presenatmos esta moción, queremos aclarar que foi presentada no Rexistro de Entrada do Concello o día 11 deste mes (20 días antes de que vaia ao Pleno), así é, que non consideramos que sexa unha “moción de urxencia”.

Ainda así, esperamos o voto positivo do grupo popular así como o apoio de tódolos Concelleiros e Concelleiras, para, como decimos na moción,: “asumir o compromiso ante o pobo de Pontedeume de que os seus representantes sexan elixidos democraticamente e en liberdade”

Vos deixamos unha foto do acto, grazas a todos e todas por achegarvos.

Seguir

Get every new post delivered to your Inbox.