“O Goberno está a levar a cabo a transformación máis profunda da historia democrática de Galicia”
Junio 23, 2008

O PSdeG-PSOE celebrou onte con máis de 2000 militantes o terceiro aniversario das eleccións do 19 de xuño, as eleccións do cambio.
Foi un acto festivo de agradecemento profundo á militancia do partido polo seu intenso traballo. O Presidente da Xunta de Galicia e Secretario Xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, recalcou que “é a cidadanía a que marca os valores, a folla de ruta do Goberno, o valor da transparencia na xestión, o valor do diálogo e o acordo. Debémosllo aos cidadáns, e eu a todos vós: grazas pola vosa entrega, polo voso traballo, pola vosa xenerosidade sen límites”.
Touriño dixo que “ao facer balance vese que valeu a pena tanto sacrificio, porque temos un partido unido, cohesionado e que une a Galicia como ninguén”. Nestes tres anos, asegurou, o Goberno está a levar a cabo “a transformación máis profunda da historia democrática de Galicia”. Touriño resaltou que foron tres anos positivos para o emprego, coa menor taxa de paro, e tres anos positivos para a defensa da igualdade e a defensa dos máis débiles, para loitar contra a violencia de xénero, tres anos para a renovación democrática e a transparencia, para unha nova forma de gobernar, tres anos para defender as nosas costas e as nosas rías e ríos, tres anos de municipalismo e de apoio aos concellos. Tres anos positivos para unha Galicia solidaria, de autogoberno e de cohesión.
“Estamos a demostrar que Galicia é moito máis que construción e pensións, como durante tanto tempo nos quixeron facer crer”, resaltou o presidente da Xunta. Tres anos despois da celebración das eleccións autonómicas do cambio, o xefe do Executivo galego dixo estar “satisfeito do traballo feito” polo Partido Socialista tanto en Galicia coma en Madrid, e citou como as dúas grandes apostas das que se sinte máis orgulloso a Lei de Dependencia estatal e a Lei de Protección do Litoral a nivel galego.
Con respecto ao ano que resta de mandato, Touriño comprometeuse a “gobernar coa mesma intensidade e entusiasmo ata o último minuto de lexislatura”, e sobre as dificultades polas que está a pasar a economía o Presidente da Xunta resaltou que o Goberno galego puxo en marcha xa no mes de xaneiro un Programa de Dinamización que inclúe máis de 1750 millóns de euros de lictación de obra pública, e máis de 750 millóns de euros de financiación a disposición dos empresarios. Touriño afirmou que “Galicia está forte e preparada para facer fronte ás dificultades”, e asegurou que non fallará aos máis afectados pola suba dos combustibles, entre os que citou a pescadores, agricultores e transportistas.
Touriño proclamou que o PSdeG é “unha auténtica viga mestra, a columna vertebral para construír o país soñado, imprescindible porque Galicia necesita de máis estabilidade, seguridade e confianza”.
Entry Filed under: Campaña, Galicia, PSdeG-PSOE, política. .
Trackback this post | Subscribe to the comments via RSS Feed