Archive for 31/03/08
Premios e concursos da Deputación da Coruña
A Deputación da Coruña convoca este ano oito premios de cultura, consultaos aquí.
A oferta máis ampla e ambiciosa dunha administración pública para o fomento da creación literaria (novela, poesía, narrativa infantil e ensaio); e da creación artística (gravado, fotografía, banda deseñada, e artesanía).
Trátase, polo tanto, dunha forte aposta pola creación, no seu ámbito máis universal, e polos mozos artistas, a quen vai dirixida tamén a convocatoria de bolsas artísticas e de investigación. Así o definiu o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, no acto de presentación das bases dos premios, no que estivo arroupado por cinco dos oito comisarios dos premios. Asistiron, Xavier Seoane, Ana Romero, Pedro Galilea, Manuel González, e Xavier Docampo, así como a deputada provincial e responsable da área de Cultura, Caridad González Cerviño.
Algúns destes premios “son un referente nacional, como é o caso do certame de narrativa Gonzalo Torrente Ballester, o premio de arte gráfica “Jesús Núñez”; e o premio de banda deseñada “Castelao”; segundo o afirmado por Fernández Moreda, quen sostivo tamén que “ o resto son un referente na cultura galega”, e referiuse ao premio de poesía Miguel González Garcés, ao de artesanía “Antonio Fraguas”, ao de fotografía Luis Ksado, así como ao de banda deseñada “Castelao”, ensaio “Manuel Murguía”, e literatura infantil “Raíña Lupa”.
Segundo o comentado por Fernández Moreda, na presente convocatoria, tres dos premios teñen unha periodicidade anual (Torrente Ballester, Jesús Núñez, e Castelao), e o resto bienal, que se combinan con outras convocatorias orientadas tamén ao fomento da creación.
Fernández Moreda sinalou que coincidindo co fallo de cada un dos premios “organízase unha serie de actos que contribúen a potenciar a acción cultural da Deputación, e eloxiou o traballo desenvolvido polos técnicos.
A Deputación da Coruña destina 92.000 euros para as contías económicas dos premios, mentres que outros 300.000 son para a concesión de bolsas artísticas e de investigación.
Tamén a Agrupación Socialista Coruñesa, con motivo da celebración en maio do Día das Letras Galegas, convoca unha nova edición do Premio Literario Narra-Breve 2008. A este premio poderán concorrer mozos e mozas entre 14 e 18 anos e maiores de 18 anos.
Add comment Marzo 31, 2008
Touriño anuncia que en maio se presentarán as Directrices de Ordenación do Territorio e o Plan de Infraestruturas de Galicia

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, puxo onte data á presentación do que serán dúas actuacións “definitivas” no proceso de renovación do país posto en marcha polo Goberno que preside: as Directrices de Ordenación do Territorio e o Plan de Infraestruturas. “Son dúas medidas de cambio e de renovación que espero que neste ano se consoliden plenamente. Galicia necesita do que non ten, dunhas auténticas Directrices de Ordenación do Territorio que marquen un crecemento sustentable, razoable e de calidade, ben orientado”, explicou o presidente galego.
Pérez Touriño adiantou que as directrices as presentará “a conselleira de Política Territorial e eu mesmo” na primeira quincena de maio mentres o Plan de Infraestruturas coñecerase na segunda quincena.
“Galicia necesita dunha previsión e planificación das infraestruturas, unha planificación de estabilidade e permanencia no tempo”, asegurou o titular do Goberno galego quen marcou o “horizonte do ano 2012” para obter “unha Galicia articulada, comunicada interior e exteriormente; a Galicia do século XXI”.
Add comment Marzo 31, 2008